O goberno de Santiago retrátase no xulgado

Os sete concelleiros, no banco dos acusados CC-BY-SA Praza Pública

Mentres, na mañá deste luns, o presidente da Xunta propuña en Madrid ir ensaiando a gran coalición PP-PSOE e desenterraba a súa idea de reeditar o Informe Abril baixo a batuta de Felipe González o goberno da capital de Galicia, do partido que preside, pasaba polo seu peor transo, mesmo máis duro que a dimisión por evasión fiscal de quen foi candidato por decisión de Alberto Núñez Feijóo e despois alcalde, Gerardo Conde Roa. Tanto Conde Roa como o seu sucesor, Ángel Currás, decidiron acudir aos xulgados composteláns para arroupar os sete edís acusados de prevaricar por aprobar sen as condicións axeitadas, segundo a Fiscalía, que o Concello pagase o avogado do edil de Deportes, Adrián Varela, imputado na Pokémon como tamén o están o actual alcalde e o anterior. O acto xudicial e todo o que o arrodeou tornou nunha caste de retrato do atribulado gabinete compostelán.

Os concelleiros foron recibidos no complexo xudicial de Fontiñas por un ceo gris e unha comitiva cidadá -esencialmente do BNG local, da Candidatura do Povo e do colectivo Santiago de Corruptela- que os increpaba ao berro de "corruptos" mentres, a poucos metros, uns poucos familiares e simpatizantes dos incausados transmitían folgos e algún, mesmo reverenciais bicos nas mans das edís. No interior o procedemento comezaba co infrutuoso intento de suspender o xuízo por parte do avogado defensor, Pablo Rodríguez-Mourullo, que antes de defender os edís composteláns fixo o propio co presunto número dous da trama Gürtel, Pablo Crespo. Rodríguez-Mourullo alegaba a ausencia dunha das súas testemuñas -á que finalmente renunciou-, a funcionaria que, segundo varios dos presentes, foi a encargada de redactar a acta co acordo que para o Ministerio público é ilegal.

Currás e Conde Roa acudiron a apoiar os edís acusados

A redacción dese acordo foi, precisamente, un dos principais argumentos dos acusados. "Eu non son quen redacta a acta", resumiu Amelia González, concelleira de Persoal, primeira en declarar e tamén primeira en polemizar coa fiscal sobre o contido do informe do secretario municipal no que se apoian os edís para defender a legalidade do acordo. Segundo a Fiscalía o acordo adoptado polo goberno compostelán foi "incondicionado", sen ter en conta os criterios marcados polo propio secretario: o pagamento do letrado podería realizarse se a imputación de Varela se producira por razón do seu cargo, se non actuara con abuso de poder ou en caso de saír inocente. A versión dos edís é que eses criterios eran a base do propio acordo, pero non o explicitaron nel porque xa constaba noutro treito do expediente, que é "un todo conxunto".

A voceira do goberno local ve no acordo un "erro político enorme" pero defende a súa legalidade

A defensa da súa inocencia foi a tónica dominante das sete declaracións, practicamente monocordes coa excepción da actual voceira do goberno local, María Pardo, quen se amosa convencida da legalidade do acordo pero ve nel "un erro político enorme" e así o defendeu no seu momento, asegura. Daquela decidiron outorgalle a Adrián Varela o dereito a que o erario lle pagase o avogado sen ter en conta a súa condición de imputado na Pokémon porque "non podemos prexulgar". Ao edil de Deportes "acúsano" de corrupción "por ser concelleiro" e así será "ata que haxa sentenza", di. Esas, asegura, foron as condicións do acordo, aínda que non figuren nel porque o redactou a técnica ausente.

As testemuñas

Mentres Feijóo xa deixara Madrid para comezar os seus actos de campaña electoral en Catalunya nos xulgados de Fontiñas era a quenda para as testemuñas. Pola banda da Fiscalía acudiron Francisco Castiñeira e Inmaculada Viña, os que foran secretario e interventora do Concello ata que o Goberno ata que o PP decidiu destituílos nunha operación que vén de ser anulada polo TSXG. Con matices, ambos defenderon en esencial a versión acusadora: "non hai un condicionamento" para sufragarlle o avogado a Varela, no consistorio era notorio que o edil estaba imputado por corrupción e o acordo "creaba" un vínculo entre o avogado elixido polo concelleiro e o orzamento municipal. 

O secretario e a interventora destituídos polo PP avalan a versión da Fiscalía

Unha versión ben distinta foi a das testemuñas da defensa, a comezar polo novo secretario e o novo interventor se ben o segundo, Vicente Calvo, considerou "innecesario" o acordo presuntamente prevaricador, toda vez que para realizar o pagamento da "indemnización" tería que haber "un acordo posterior no que se concretase o importe". Non obstante, a defensa máis acendida dos concelleiros composteláns chegou dende fóra do Concello, concretamente por parte do letrado xefe da Deputación da Coruña, Ramón Valentín López, quen elaborou un informe para avalar a legalidade do acordo cando os edís xa foran denunciados. Segundo este letrado os "actos administrativos condicionados" non existen e o que aconteceu en Santiago foi "perfectamente legal". E "se houbese algo que estivese posto contra a lei habería que entendelo por non posto" e aplicar só o legal, polo que na práctica implicaría que o delito de prevaricación non existe.

A fiscal mantén a acusación

Nin os edís nin as súas testemuñas deron movido un chisco a posición da fiscal, que nun duro alegato final mantivo o seu convencemento "de que o acordo non é legal porque non está condicionado", por "moito que nos tente convener a defensa". "Quéresenos facer crer" que a proposta de Adrián Varela "xa incluía" unha referencia ao informe do secretario, pero "quedou acreditado que ese informe se emitiu con posterioridade". Polo tanto, o acordo "adoptouse a sabendas de que non estaba condicionado" e fíxose dun xeito "patente, flagrante, evidente e clamoroso", polo que a Fiscalía ve evidente a prevaricación, máis aínda porque "estaban falando de pagarlle o letrado a un concelleiro nun asunto de corrupción e sabíano". "Hai que destinar os cartos a defender os corruptos sen ningún condicionamento? Non", subliñou.

"Estaban falando de pagarlle o letrado a un concelleiro nun asunto de corrupción e sabíano", di a fiscal

"Vostedes -conclúe a fiscal- teñen a función de velar polo interese público e iso é o que os debe mover na adopción de cada acordo" pero neste caso "antepuxeron o interese particular" e "adoptaron un acordo ilegal". "Cúmprense todos os requisitos" dun delito de prevariación e por iso pide nove anos de "inhabilitación especial para seguir xestionando os intereses públicos, porque non os defenden ben, porque non o fan nin o fixeron neste caso", reprocha.

Currás ve "demostrada" a "inocencia" dos seus edís

Pola banda da defensa o simple feito de que o acontecido dea lugar a "outras interpretacións" distintas das da acusacións implica que este non é un caso de prevaricación", que "ten que rebasar o que a ninguén se lle poida ocorrer". Os seus defendidos, di Rodríguez-Mourullo, "xamais se separaron do informe" do secretario municipal e o interventor municipal "considera este acordo conforme a dereito". En último extremo, a "literalidade" do acordo cuestionado non foi "vontade dos concelleiros" porque eles non o escribiron. Esta vontade "quedou clara na súa propia declaración", resumiu.

Sete horas despois, cando Feijóo se dispuña a dar un mitin en El Prat de Llobregat, o xuízo quedaba visto para sentenza e múltiples cargos do PP xa manexaban un argumentario que carga contra o xuíz e a fiscal e deixa caer unha suposta intencionalidade política no feito de que o xuízo se celebre en campaña. Ás portas do xulgado o alcalde, Ángel Currás, vía "demostrada" a "inocencia" dos seus e confiaba en que a "sentenza sexa favorable". Acto seguido saía do edificio Conde Roa: "Hoxe non me toca a min", declarou.

Protesta no exterior dos xulgados CC-BY-SA Praza Pública
Os edís foron recibidos con berros de "dimisión" CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.