O goberno do PP na Coruña inicia este xoves o traspaso de poderes á Marea Atlántica

Xulio Ferreiro e Carlos Negreira, na súa primeira xuntanza © Antía García Sendón

Carlos Negreira, aínda alcalde en funcións da Coruña polo PP, e Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica e futuro rexedor, mantiveron este martes a súa primeira xuntanza logo dos comicios locais de máis dunha semana. Nunha reunión de arredor dunha hora en privado, ambos os dous mandatarios acordaron iniciar o traspaso de poderes este mesmo xoves e logo de que o tamén presidente provincial dos populares se reunise con Mar Barcón, candidata do PSOE, e Xosé Manuel Carril, do BNG. 

"Foi unha reunión institucional, correcta e nun ton moi afable", destacou Xulio Ferreiro

"Foi unha reunión institucional, correcta e nun ton moi afable", declarou Ferreiro ao seu remate, logo de confirmar en que a primeira opción da Marea é conformar un goberno en solitario, logo de que os socialistas xa confirmasen o apoio á súa investidura. Ademais, avanzou que o actual goberno local intercambiará informes coa nova formación. Carlos Negreira, logo de reunirse co resto de partidos con representación, reiterou en que xa pediu eses informes a todas as concellerías para iniciar un traspaso de poderes que desexa "tranquilo" e propuxo a todos os grupos a creación dunha comisión de seguimento para resolver calquera cuestión ata o 13 de xuño, data na que o novo alcalde asumirá o poder, e que estará composta por un representante de cada partido. 

Negreira asegura que xa pediu que o Concello non asinase contrato nin adxudicación ningunha mentres non entre a Marea no goberno

Ao tempo, Negreira asegurou que ao día seguinte das eleccións locais deu orde de que non se asinase contrato nin adxudicación ningunha no Concello da Coruña, agás "aqueles imprescindibles" para o correcto funcionamento da administración local. Ademais, e respecto ás críticas por recibidas por non ter chamado a Ferreiro antes, asegurou que o fixo onte, logo de que finalizase o reconto definitivo, ao igual que no caso de Barcón e Carril. 

Xulio Ferreiro, pola súa banda, anunciou tamén xuntanzas co resto de grupos municipais para tratar "diversas cuestións programáticas" e concretar o seu apoio á constitución dun executivo local que a Marea prevé "asumir en solitario". Ademais, a plataforma cidadá pechará nestes días a súa estrutura de goberno, que anunciará nesta mesma semana. 

Mar Barcón reitera o seu apoio á investidura de Ferreiro e prevé un PSOE para "controlar e vixiar" o novo goberno local

En canto ao PSdeG, Mar Barcón aclarou tras a xuntanza con Negreira que o aínda alcalde non lle pediu o seu apoio malia ser a forza máis votada, logo de que ela insistise nestes días -e tamén este martes- que o seu grupo facilitará "o cambio que reclamou a cidadanía" apoiando a investidura de Xulio Ferreiro. Ademais, asegurou que a función do seu partido será "controlar e vixiar" o novo goberno local e negou desvelar o seu futuro, ante o ruxe-ruxe que a sitúa fóra do pleno municipal. 

Xosé Manuel Carril, voceiro do grupo municipal do BNG e candidato nacionalista, preferiu non facer declaracións. O Bloque local reunirase nos vindeiros días en asemblea para perfilar a súa estratexia de cara á investidura, aínda que parece claro que votará a favor de Xulio Ferreiro. 

Xulio Ferreiro e Carlos Negreira, na súa primeira xuntanza © Antía García Sendón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.