48 mil euros máis. Esa é a mellora económica que reciben os programas de cooperación exterior e ao desenvolvemento no proxecto de Orzamentos da Xunta para 2016, sumando un total de 4,2 millóns de euros. É, con todo, o primeiro incremento dotacional que estas políticas reciben despois de dous anos de contas conxeladas (2014 e 2015) e, sobre todo, a sucesión de recortes que entre 2009 (11,6 millóns) e 2013 supuxeron a redución dos fondos para cooperación a apenas un terzo.
Entre 2009 e 2013 o orzamento para axuda exterior reduciuse en Galicia nun 65%
Aquelas contas de 2009 que quedan tan lonxe no tempo e en cantidade supuxeron o máximo histórico que o Goberno galego destinou a axuda ao desenvolvemento, acadando o 0,1% do orzamento total. Galicia abandonaba deste xeito o último lugar entre as 17 autonomías neste eido, unha posición que viñera ocupando dende comezos da década. A pesar do impulso, a comunidade ficaba moi lonxe do arelado obxectivo do 0,7%, pero tamén do acadado por outras autonomías máis solidarias, coma Castela-A Mancha ou Navarra -con achegas próximas ao 0,5% dos seus presupostos-, ou de Euskadi e Baleares -que roldaban o 0,4%-.
Os anos seguintes, en Galicia e no resto dos territorios, foron un tempo de recortes en moitas áreas, e a cooperación exterior ficou relegada como unha das últimas prioridades. Entre 2009 e 2013 o orzamento para axuda exterior reduciuse en Galicia nun 65% e seguiu unha evolución semellante na meirande parte das rexións, con honrosas excepcións, coma Euskadi ou Estremadura, que aínda levando a cabo axustes, mantiveron un nivel relativamente alto (o País Vasco reduciuna do 0,38% ao 0,3% e Estremadura do 0,24% ao 0,23%). O PP prometera na campaña electoral das eleccións do 2012 paralizar os recortes nesta área, un compromiso que incumpriu nos primeiros meses da lexislatura.
Os principais partidos asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza, no que se comprometeron a dedicar o 0,7% en 2017
Os principais partidos asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza, no que se comprometeron a dedicar o 0,7% en 2017. Cando PP, PSdeG-PSOE e BNG rubricaron o documento en 2010 (AGE fíxoo en 2013), o portavoz popular Manuel Ruiz Rivas cualificouno de "fito histórico" e destacou que "ía máis alá dunha soa lexislatura". Tamén a Lei 3/2003, de cooperación para o desenvolvemento indicaba no seu artigo 29 que "a Lei de orzamentos fixará anualmente os créditos destinados á cooperación para o desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas orientacións contidas no plan anual correspondente, que tenderán progresivamente a acadar o mínimo do 0,7 % dos orzamentos da Xunta de Galicia". O obxectivo semella hoxe máis lonxe ca nunca e que, de non cambiar moito as cousas, será amplamente incumprido nese ano 2017 fixado como data de referencia.