O Goberno recorrerá a paga extra dos funcionarios do Concello de Pontevedra

Cartel das protestas do persoal en San Caetano CC-BY-SA Merixo

A Delegación do Goberno en Galicia presentará un recurso xudicial contra o pago por parte do concello de Pontevedra dun complemento de produtividade como compensación pola supresión da paga extra de Nadal. A Delegación busca que os funcionarios pontevedreses devolvan o diñeiro cobrado neste mes de decembro.

En outubro o Goberno municipal de BNG e PSOE presidido por Miguel Anxo Fernández Lores, aprobou a achega dun plus de produtividade para os traballadores e traballadoras da administración local xustificado coa realización de horas extraordinarias entre os días 15 e 30 de outubro. O pleno municipal aprobou unha modificación orzamentaria de 1,3 millóns de euros para este fin.

O Goberno de Mariano Rajoy xa advertiu en varias ocasións, en referencia a iniciativas semellantes adoptadas por algúns concellos de toda España e algunhas comunidades autónomas coma Navarra, Estremadura ou o País Vasco, que non ía consentir que ningunha administración incumprise o seu ditame.
O Subdelegado do Goberno, Antonio Coello, afirmou que “físicamente” aínda non se pode presentar o recurso, á espera que o Concello de Pontevedra remita unha documentación que lle foi requirida, pero asegurou que "se vai a levar a cabo”. Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xustificou a presentación deste recurso e afirmou que o deber do Goberno Central é "actuar en consecuencia".

Lores: "Xa sabiamos que podía haber un recurso. É consecuente coas políticas do PP de defender os intereses da banca e ir contra os traballadores"

O Alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, en declaracións a PontevedraViva, non se amosou sorprendido pola decisión da Delegación do Goberno: "xa sabiamos que podía haber un recurso. É consecuente coas políticas do PP de defender os intereses da banca e ir contra os traballadores. A min non me estraña nada ese recurso". E criticou especialmente a Antonio Coello: “creo que o Subdelegado do Goberno ten máis cousas que facer. Se se dedicara a perseguir os delincuentes que nos meteron na crise gañaría máis en lugar de perseguir a sindicalistas e a Alcaldes que defenden os intereses dos traballadores do Concello e da sociedade en xeral".

Mobilización dos empregados públicos © CCOO Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.