O Govern pide mediación internacional e o PP di que o 1-O e os 800 feridos son "unha farsa"

Carles Puigdemont, president da Generalitat © Rubén Moreno / Govern da Generalitat

Última chamada antes de declarar a independencia. O president da Generalitat, Carles Puigdemont, pediu ao Goberno de Mariano Rajoy que acepte sentar nunha mesa de diálogo presidida por mediadores internacionais. Se o Executivo central se nega, advertiu Puigdemont, o Parlament disporase a proclamar a independencia de Catalunya. E o PP xa descartou con rotundidade esa posibilidade. 

Puigdemont pide un diálogo a tres bandas: Generalitat, Goberno central e mediadores internacionais

"Nin eu nin o Govern estamos a declarar a independencia", quixo deixar claro Puigdemont, que indicou que o seu Executivo, logo da xornada do 1-O, tomou a decisión de "invocar a mediación real e sincera" a través desta mesa de diálogo a tres bandas: Generalitat, Goberno central e os mediadores internacionais. 

O PP, tan só unhas horas despois do referendo, respondeu con contundencia, advertindo que "todo é unha farsa, como a manipulación de que haxa 800 feridos". O coordinador xeral do partido, Fernando Martínez Maíllo, insistiu en que "todo é unha gran manipulación para conseguir os seus obxectivos de ilegalidade". Asegurou que a súa formación "apoia todas as actuacións do Goberno" ao ser preguntado pola resposta policial e teimou na "grande operación de márketing manipuladora que ten como obxectivo a vitimización do nacionalismo para conseguir a súa estratexia independentista, que é manipuladora e mentireira".

Maíllo asegura que "todo é unha farsa, como a manipulación de que haxa 800 feridos"

Mentres Puigdemont, na súa comparecencia desde luns, mostrou o camiño que seguirá se o Goberno non quere participar da mesa de diálogo: declaración unilateral de independencia no Parlament. "Se hai unha mediación, falamos de todo, se non se produce, tamén explicamos o que pasa: a saída está no Parlament e é perfectamente clara", indicou Puigdemont que, con todo, non concretou se esta declaración se faría nas 48 horas tras o 1-O que marca a lei do referendo.

A Generalitat pide á UE que "apadriñe" o diálogo e advirte de "actores" internacionais "dispostos a facilitar o diálogo"

Sobre quen ten que adoptar o papel mediador internacional, o president indicou que a Unión Europea "formalmente" non debería selo, aínda que si tería que "apadriñar" e recoñecer a mesa de diálogo. Segundo dixo o president, hai "actores" internacionais, xa sexa institucións, gobernos ou ex-mandatarios (que non identificou), "dispostos a facilitar o diálogo" entre Goberno e Generalitat.

No plano europeo, Puigdemont mostrouse "decepcionado como cidadán" coa reacción da Comisión Europea ao 1-O, que avisou o Goberno de que "a violencia non pode ser un instrumento en política" e que dixo "confiar" en Rajoy para arranxar a situación. 

O que si descartou o president a curto prazo é a convocatoria de eleccións ao Parlament. Se os cataláns volvesen ás urnas para uns comicios, dixo Puigdemont, sería nunhas eleccións "constituíntes" da república catalá.

Puigdemont non puxo explicitamente nin o referendo nin a proclamación de independencia como temas da mesa de diálogo internacional, aínda que, como fixo este domingo, considerou que os resultados do 1-O "vinculan" ao Govern e que tras a votación os cataláns "gañaron o dereito a ser escoitados e respectados". E avisou de que, sexa cal for o resultado da mesa, o Govern non contempla o mantemento do actual "status quo" como alternativa.

Neste sentido, Puigdemont recoñeceu que o diálogo da mesa de negociación tamén tería que versar sobre a soberanía de Catalunya. "A xente quere falar de Catalunya. A xente non saíu á rúa o domingo para falar do sistema de financiamento", lanzou o president.

"A xente quere falar de Catalunya. A xente non saíu á rúa o domingo para falar do sistema de financiamento"

"Hai que pór fin á restrición de liberdades que se viviu onte e favorecer a mediación leal e sincera. Hai disposición de xente de fóra a asumir este rol, pero non é suficiente que este rol sexa aceptado por unha das partes. O Goberno español tamén ten que estar disposto a aceptalo", aseverou Puigdemont. Ás poucas horas, o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, reclamoulle a Rajoy que abra unha negociación "inmediata" co xefe do Executivo catalán.

Ademais desta petición, Puigdemont anunciou a creación dunha comisión de expertos para "chegar ata o final" na investigación das cargas policiais do 1-O, e esixiu a Interior a retirada de todos os efectivos policiais desprazados a Catalunya polo 1-O. 

 

"Non houbo referendo, só un pucheirazo"

Ao tempo que Puigdemont ofrecía unha última oportunidade de diálogo, o PP desexaba "a pronta recuperación dos feridos, incluídos os policías e gardas civís" e advertía que non se escoitar a ninguén da Generalitat pedir a súa recuperación. "Tan só se utilizaron antidisturbios nunha ocasións e foi cando se viron acurralados", dixo Maíllo malia as imaxes de violencia que recolleron a maioría de xoranis europeos e a chamada de atención da Comisión Europea. Interior, no mesmo día, elevou de 39 a 431 os policías e gardas civís feridos no 1-O. 

O PP defende a actuación policial: "Tan só se utilizaron antidisturbios nunha ocasión e foi cando se viron acurralados"

"O Goberno sente o total apoio dos líderes dos países europeos; ningún país da UE pode aceptar un desafío da rotura da legalidade vixente porque sería rachar coa lei no seo de Europa", engadiu quen criticou con dureza a Pablo Iglesias e que advertiu tamén que o Executivo "non vai dar un paso atrás" na defensa da legalidade". Así, pediu a Puigdemont "que non tome decisións en quente porque non van a ningures e teñen consecuencias inevitables" e reclamoulle que, para sentar a negociar "volva ao Estatut e á Constitución"

Ante a petición da Generalitat dunha intermediación internacional para establecer un diálogo co Goberno, Martínez Maíllo descartouna rotundamente logo de non descartar medida ningunha, como a asunción do mando dos mossos a través da Lei de Seguridade Nacional. 

Os populares negan que houbese referendo, urnas ou papeletas e rexeitan o diálogo con mediadores internacionais

"Non houbo referendo de autodeterminación. Non houbo urnas nin papeletas, só unha gran farsa cuns cubos que nos montaron, un gran pucheirazo", insistiu Maíllo, que dixo que non entraría a valorar os resultados. "Houbo xente votando varias veces ou na rúa, foi unha gran mentira", rematou. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.