“Un novo colectivo de esquerda democrática dentro do BNG”. Así se define o novo grupo organizado que se constituirá dentro do Bloque. Logo da decisión dunha xestora de militantes creada o pasado 14 de abril, o grupo liderado por Carlos Aymerich vén de anunciar que convoca para o novo próximo 9 de xuño en Compostela a súa xuntanza constituínte, que será “aberta a cantos militantes do BNG queiran compartir a idea dun nacionalismno de esquerda democrática e cunha clara vocación unitaria”.
A asemblea constituínte ábrese aos militantes do BNG "coa idea dun nacionalismo de esquerda democrática e cunha clara vocación unitaria"
Xa no momento no que Máis Galiza, corrente que lideraba Carlos Aymerich, decidiu abandonar o seo do BNG, o que era o seu líder optou por “seguir a traballar desde dentro” do Bloque, tras anunciar tamén que o faría “de maneira organizada”. Agora, el e máis os que o apoian deciden oficializar esa corrente interna.
Na devandita asemblea, e segundo o comunicado, elixiranse os novos órganos de dirección e aprobaranse os documentos políticos e organizativos deste colectivo. A xestora está composta por diferentes integrantes do Bloque, entre os que se atopan o deputado, Carlos Aymerich, a deputada Ana Luisa Bouza; os integrantes do Consello Nacional, Camilo Nogueira, María Alonso e Xesús Veiga; o deputado provincial en Ourense, Luis Seara; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; o tenente de alcalde de Mondoñedo, Xusto Fernández; a exconcelleira do BNG en Ribeira, Domi Brión; e o exconcelleiro nacionalista en A Coruña, Manuel Monge.
"Non somos un novo grupo, senón a formalización dun grupo que xa estaba actuando como tal dentro do BNG"
Precisamente, a deputada Ana Luisa Bouza, en declaracións a Praza, destaca que a oficialización don novo grupo "non supón en realidade a creación dun novo colectivo", senón a "formalización dun grupo de xente que xa está a actuar dentro do BNG". "Estamos dentro do Bloque e dicimos claramente o que cremos que debe facer o Bloque, pero estamos cómodos dentro e por iso estamos, porque consideramos o Bloque como o instrumento necesario para transformar a sociedade galega", destaca a parlamentaria.
"A diversidade do BNG é un dos seus principais valores e débese mostrar claramente"
Segundo Bouza, o novo colectivo tratará de "achegar o que está na nosa man achegar" dentro da fronte, cunha "liña continuísta" co traballo que os seus membros levan realizando xa ben tempo. "Entendemos que o BNG é o espazo común máis importante do nacionalismo e consideramos que a súa diversidade é un dos seus principais valores e que se debe amosar claramente", insiste a deputada, que aclara que a oficialización do colectivo "non significa nada negativo nin discrepancia ningunha".
"O BNG é unha fronte constituída por grupos e por persoas, aínda que a militancia é individual; nós sentímonos máis comodos actuando colecivamente e por iso nos rexistramos como un grupo organizado, xa que xa estamos actuando como tal", manifesta Ana Luisa Bouza, que aclara que o nome deste colectivo é unha das cousas que se decidirá na asemblea constituínte do vindeiro 9 de xuño. "Debe ser unha denominación significativa que amose claramente o que somos", di.
O grupo decidirá a súa denominación oficial na asemblea constituínte do día 9 de xuño
Respecto á alusión á "esquerda democrática" do seu comunicado, Bouza aclara que o grupo considera que "neste momento da historia de Europa e de Galicia é moi importante facer unha alusión específica á democracia", xa que entende que "se está poñendo en perigo ante a acción dos mercados". "O que pode parecer unha redundancia é un valor que hai que resaltar", conclúe.