"Un grupo parlamentario catalán e un grupo parlamentario galego con deputados de Podemos e doutros espazos". Esta foi unha das principais propostas lanzadas polo secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, durante a súa visita a Galicia, na que explorou a posibilidade de chegar acordos para as xerais coas mareas municipais e as forzas políticas que as apoian, como Anova ou Esquerda Unida. Esa posibilidade sería tecnicamente incompatible con outra das liñas trazadas por Iglesias: que a fórmula para concorrer aos comicios, no caso galego, sexa "engadir outro nome ao de Podemos" nas papeletas, o que formalmente significaría a inclusión de membros doutras formacións nas listas do seu partido.
A inviabilidade legal desta fórmula é tal por mor das normas incluídas no Regulamento do Congreso dos Deputados no que atinxe á conformación de grupos parlamentarios. No seu artigo 23 a norma que rexe a Cámara Baixa indica que para constituír un grupo parlamentario cómpre ter "un número non inferior a quince" escanos ou ter cando menos cinco escanos e o 15% dos votos "nas circunscricións nas que presentasen candidatura" ou o 5% no conxunto do Estado. Cumprir estas condicións é necesario, pero non suficiente.
O líder de Podemos propuxo "un grupo parlamentario catalán e un grupo galego con deputados de Podemos e doutros espazos"
O segundo punto deste artigo é o que batería coa proposta de Podemos. "En ningún caso -di- poden constituír grupo parlamentario separado deputados que pertenzan a un mesmo partido" e "tampouco poderán formar grupo parlamentario separado os deputados que, ao tempo das eleccións, pertencesen a formacións políticas que non se enfrontasen ante o electorado". Así as cousas, se Anova, EU e membros das mareas se presentan formalmente ás xerais nas candidaturas de Podemos non poderían constituír un grupo separado do liderado por Iglesias ao chegar ao Congreso, con independencia de que a efectos comunicativos se presentasen de maneira diferenciada. O seu estatus sería semellante, por exemplo, ao que actualmente ten Iniciativa per Catalunya, que concorreu ás últimas xerais con IU.
"En ningún caso poden constituír grupo parlamentario separado deputados que pertenzan a un mesmo partido" ou a "formacións políticas que non se enfrontasen nas eleccións", di o Regulamento do Congreso
O Regulamento impide esa separación pero non pon impedimento, pola contra, a integracións posteriores ás eleccións. Sempre que se cumpran os devanditos requisitos de número de escanos e porcentaxe de votos un grupo parlamentario pode estar formado polos representantes de "unha ou varias formacións políticas" no caso de que se presentasen por separado ás eleccións. Os deputados e deputadas cuxas forzas non constitúen grupo propio forman parte do Grupo Parlamentario Mixto, onde se ubica actualmente o BNG xunto a membros de forzas como Amaiur, ERC, Compromís, Coalición Canaria ou Geroa Bai. Ese, atendendo ao Regulamento, tería que ser o destino dos membros dunha eventual candidatura conxunta con Podemos no caso de que os seus membros non quixesen formar parte do grupo de Iglesias.
A constitución dun grupo parlamentario propio en Galicia é un dos debates que está sobre a mesa dende o inicio dos contactos entre forzas para o lanzamento dunha eventual Marea Galega. No entanto, nas xuntanzas mantidas por Pablo Iglesias este argumento foi defendido basicamente por Podemos. Segundo as fontes consultadas por este diario formacións como Anova ou as propias mareas puxeron o acento na necesidade de impulsar un "proceso participativo" para conformar unhas candidaturas que, dende o inicio, terían unha entidade diferenciada. Ese proceso, indican as mesmas fontes, sería incompatible coa mera integración en "ocos" das listas electorais que designe Podemos.