O incómodo 'candidato' Rajoy e o rescate freado ata despois do 21-O

Rajoy, durante a entrevista en TVE © Goberno de España

A campaña electoral galega de 2009 tivo moitas claves e o triunfo do PP, outras tantas. Á hora de destacar os puntos estratéxicos que levaron á vitoria a candidatura encabezada por Alberto Núñez Feijóo diversos analistas coincidían naqueles días nun deles: os conservadores multiplicáronse por Galicia. Despois de esforzárense en que Feijóo percorrese os 315 concellos do país para que fose alguén máis que "o que está no sitio de don Manuel" a conxuntura política presentaba os comicios galegos como unha proba esencial para o líder do partido no Estado, Mariano Rajoy, que apenas un ano antes sufrira a súa segunda derrota nas urnas fronte ao PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero. Rajoy necesitaba que Feijóo vencese e gobernase e a Feijóo non lle viña mal o apoio de Rajoy de cara a converterse no primeiro dos baróns do PP. E Rajoy baixou á area. Non se limitou a compartir grandes mitins, senón que fixo traballo de campo ata o punto de que, por exemplo, a prensa foi convocada a seguilo por pequenísimas vilas do interior de Ourense á procura do voto mentres Feijóo facía o propio pola Galicia urbana. Pouco ou nada se parece aquel panorama ao de 2012 agás nun punto: Galicia é de novo unha proba esencial para Rajoy.

Esa importancia capital dos comicios galegos para o futuro de Rajoy disimulouna -ou, cando menos, iso semellou- o presidente do Goberno central durante a entrevista que protagonizou este luns en Televisión Española, a primeira dende que gañou as eleccións de novembro de 2011. O líder do PP resolveu a cuestión do "tema de Galicia" cunha loubanza xenérica a Feijóo e unha apelación á "confianza" dos galegos á hora de elixir entre o seu partido e un pacto de "seis ou sete". Pero nesa aparición televisiva Rajoy expresou tamén os seus plans a respecto dun elemento que podería condicionar non só as eleccións galegas, senón a súa propia carreira política: o momento de pedir formalmente un rescate total que poucos xa negan. Como noutras ocasións o xefe do Goberno de España fixo gala de indefinición, explicando que o Estado se acollerá ao rescate se "convén" e despois de "estudar" as condicións que traería consigo. E tamén ofreceu unha data. Ese "estudo" estenderase ata que se celebre o Consello Europeo do 18 e 19 de outubro ou, o que é o mesmo, o penúltimo e último día de campaña en Galicia. Polo tanto, o rescate, a intervención e os recortes chegarían despois de que galegos e galegas elixan o novo Parlamento.

En 2009 Rajoy percorreu pequenas vilas galegas pedindo o voto para Feijóo, desta volta estará só en catro actos

Aínda que o rescate non chegue formalmente ata despois das eleccións a presenza de Rajoy non acaba de encaixar nos plans do PPdeG e será, en todo caso, moito máis medida que en 2009. Xa non actuará como un segundo candidato e volverase a un modelo de participacións puntuais. Non se trata de evidenciar que molesta en Galicia pero aínda menos de que o electorado teña na cabeza o binomio Feijóo-Rajoy á hora de ir votar. Por iso a dirección dos conservadores galegos ten previsto que acuda só a catro actos electorais. A xustificación oficial ofrecíaa este martes o conselleiro da Presidencia e coordinador de campaña de Feijóo, Alfonso Rueda: "Todo o mundo entende que as responsabilidades que ten non son as de 2009" e "o máis importante agora mesmo que ten que facer é dirixir o Goberno de España". Así e todo, asegura, achegará á campaña "todo o que ten que achegar o primeiro afiliado ao noso partido en Galicia", mantén.

As 'sospeitas' de Jorquera e Rubalcaba, as explicacións de Feijóo

Esta conxuntura non pasa despercibida para as demais forzas que concorren ás eleccións, tanto dende Galicia como dende Madrid. Nesta liña, o candidato do BNG á Presidencia, Francisco Jorquera, acusaba este martes ao PP de "xogar con Galiza como fixo con Andalucía", en referencia á presentación dos Orzamentos Xerais do Estado para este 2012 e dos recortes que contiñan despois dos comicios andaluces. Os conservadores "ocultan as condicións do rescate até após o 21-O", di o nacionalista, convencido de que as pensións serán "o plato forte" das tesoiradas esixidas dende Bruxelas. "Que non nos enganen", advirte.

Jorquera: "O PP xoga con Galiza como fixo con Andalucía e oculta o rescate até após o 21-O"

Nun sentido semellante o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, amósase convencido de que Rajoy está inmerso nunha "operación Andalucía dous". "En marzo ocultou os Orzamentos e agora o rescate", asegurou o socialista ante o seu grupo parlamentario no Congreso dos Deputados, unha xuntanza na que, segundo cita Europa Press, Rubalcaba explicou que a entrevista de TVE serviu para que Rajoy se "descubrise". "Non sei se foi un lapsus, pero ao falar do Consello Europeo descubriu que non pensa pedir o rescate ata despois das eleccións en Galicia e Euskadi", di.

Neste contexto foi Feijóo o encargado de tentar arrefriar as sospeitas. Nunha entrevista concedida á Cadena COPE o candidato á reelección asegurou estar "convencido de que o señor Rajoy fará o que teña que facer e no momento en que teña que facelo". Asegura non estar "preocupado" polo rescate xa que "o que teñamos que facer, témolo que facer". "Non deixamos de facer cusas durante todos estes oito meses de dificultades", abonda.

Rajoy, durante a entrevista en TVE © Goberno de España
Feijóo, nun intre da súa proclamación como candidato © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.