O investimento social da Xunta perdeu 800 millóns con Feijóo

Consello da Xunta no que se aprobaron os Orzamentos para 2014 © Conchi Paz

"Son os Orzamentos máis sociais da historia da autonomía". "Reforzan o gasto social". "Blindan o gasto social". "O gasto social nunca foi máis amplo en Galicia". Son algunhas das afirmacións lanzadas na última semana pola conselleira de Facenda e polo presidente da Xunta para explicar o contido dos Orzamentos Xerais do Goberno galego para 2014. Elena Muñoz e Alberto Núñez Feijóo insisten en que "oito de cada dez euros" do erario van para as partidas sociais, o que os leva a concluír que non hai autonomía que chegue ao nivel de Galicia: estamos "á cabeza de España en políticas sociais, sanitarias e educativas", sentenza a conselleira. As cifras, non obstante, din outra cousa.

Se ben é certo que a porcentaxe de orzamento dedicada a partidas sociais nos últimos anos aumentou sistematicamente, non o é menos que a capacidade de gasto -non financeiro- do Executivo pasou de 10.581 millóns en 2009 a 8.391 millóns en 2014. Polo tanto, eses "oito de cada dez euros" elevados aos titulares calcúlanse soun montante total cada vez menor. Partindo desta base, unha ollada á evolución das principais partidas sociais do orzamento dende o retorno do PP ao poder permite afirmar que o investimento social, lonxe de ser incrementado, sofre unha caída acumulada que supera os 838 millóns de euros.

A caída acumulada sitúase nuns 838 millóns de euros, pero a Xunta insiste en que son os "Orzamentos máis sociais da historia"

Un xeito de realizar esta análise é atender ás funcións e programas dedicados á política social nos diferentes departamentos autonómicos. Así, por exemplo, entrarían na suma os fondos da Secretaría Xeral de Igualdade, con dependencia orgánica da Vicepresidencia, a cooperación ao desenvolvemento, tamén dependente da consellería de Alfonso Rueda, a parte de servizos sociais da Consellería de Traballo e Benestar, o I+D+i e as evidentes Sanidade e Educación. Unha vez realizado este percorrido unha maneira é posible agrupar todas estas partidas en cinco grandes áreas: servizos sociais e igualdade, cooperación, educación, I+D+i. Todas, sen excepción, perderon cartos neste tempo.

As partidas máis afectadas polos recortes foron cooperación e I+D+i

As máis afectadas polos recortes son, con diferenza, a cooperación ao desenvolvemento a investigación. No caso dos fondos dedicados á axuda a países desfavorecidos, a chegada do gabinete de Feijóo xa supuxo unha caída inicial de 2 millóns de euros, paso previo ao desplome dos anos seguintes, cun enfraquecemento de case 7 millóns. O resultado é unha achega de 4,1 millóns de euros en 2014, isto é, unha retallada de máis do 64%. Nun nivel próximo anda o I+D+i, primeiro encadrado en Economía e Industria e despois, en Educación. No seu caso a caída acumulada é do 60,6%.

Educación perdeu 353 millóns e Sanidade, 372

Os recortes sanitarios, educativos e de servizos sociais están a maior distancia destes en termos porcentuais, se ben son máis significativos por seren departamentos que manexan volumes orzamentarios moito máis avultados. Así, a Consellería de Educación deixou polo camiño un 14,8% dos fondos dedicados ao ensino, pasando de 2.384 millóns nas derradeiras contas do bipartito a 2.031 nas últimas de Feijóo. No caso de Sanidade, o departamento que máis cartos manexa de toda a Xunta, os 3.546 millóns de 2009 pasaron a 3.174, un 10,49% menos. Os programas menos afectados foron os de servizos sociais e igualdade, cun 5,43% menos. Neste caso, a abrupta caída en áreas como a conciliación da vida familiar e laboral compensouse coa suba momentánea noutras, como a dependencia.

millóns de euros 2009 2010 2011 2012 2013 2014 REDUCIÓN
Servizos sociais e igualdade 586,9 616,32 597,5 592,07 549,59 555,02 -5,43%
Cooperación 11,7 9,7 7,9 6,4 4,1 4,1 -64,96%
Educación 2384 2359 2204 2193 2051 2031 -14,8%
I+D+i 121,6 113,6 95,6 46,4 47,9 47,9 -60,6%
Sanidade 3546 3518 3367 3354 3209 3174 -10,49%
TOTAL 6650,2 6616,62 6272 6191,87 5861,59 5812,02 -12,60%

 

A conselleira de Facenda e parte do seu gabinete © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.