"O meu reto é mudar políticas de fondo dende a capital do país"

Noriega, no despacho da Alcaldía de Santiago CC-BY-SA Compostela Aberta

Martiño Noriega leva apenas unha semana á fronte do Concello de Santiago. Dende o enorme despacho da Alcaldía combina a resolución de asuntos cotiáns acumulados, como documentos pendentes de sinatura, cunhas primeiras medidas que, afirma, son "simbólicas" pero non "estéticas". Mentres negocia co resto de grupos a nova organización municipal, que tamén permitirá o funcionamento a pleno rendemento das áreas do goberno, Noriega asegura ser consciente de que Compostela Aberta ten "un mandato de tal magnitude" que o "obriga a estar absolutamente entregado á cidade".

Que tal leva a aterraxe no Concello?
Estou contento, na medida en que fomos quen, no proceso de saída dun goberno e de entrada doutro, de dar o relevo e de que isto non repercuta nas cuestións ordinarias do Concello. Veño de comentalo cos habilitados do Concello, que recoñecen que o relevo foi bo. Alén diso, son días de toma de contacto co persoal municipal, presentacións, atención aos medios... As xornadas son intensas, esgotadoras, pero asumímolo.

No reparto de áreas que xa realizaron, vostede asume áreas como lingua, participación e persoal. Por que as asumiu?
No reparto de áreas o primeiro que asumimos é a realidade de que herdamos un orzamento aprobado polo PP, cunha estrutura definida. Polo menos, no que é a cuestión funcional, tentamos axustarnos a ese orzamento para poder operar e non quedar paralizados mentres traballamos xa nun orzamento participativo para 2016. Cambiamos as denominacións porque non son secundarias, tamén tentan transmitir o cambio político de fondo. Cambiamos Seguridade por Convivencia: por que? Porque tanto a Policía Local como os bombeiros e protección civil tamén teñen esa función. Son cousas sutís, como a cuestión dos dereitos animais. No meu caso, temos o compromiso de normalizar a relación co persoal público; somos conscientes de que existiu unha forte crispación polo incumprimento do negociado sindicalmente e polo plan de axuste posterior. Tamén pola cuestión da confianza interna e do reparto de roles entre responsables políticos e técnicos. Outra vontade é a cuestión da participación, que foi unha bandeira durante a campaña e pretendemos que o siga sendo. Ese é o motivo polo que, polo menos nesta primeira etapa, vencellamos estas áreas á Alcaldía. Despois, unha cuestión como a idiomática entendemos que ten que ter transversalidade e por iso pensamos que ten que ligarse á Alcaldía. É certo que a Alcaldía ten a maiores un cargo de relacións institucionais coa Xunta, a Universidade e a Igrexa, pero as miñas áreas están vinculadas a compromisos políticos

Cal foi a receptividade por parte desas institucións? Na súa toma de posesión estiveron o reitor, o arcebispo e o presidente da Xunta...

"Co arcebispo tivemos un trato correcto, mesmo unha posición integradora na nosa aposta por defender unha institución laica"

Foi correcta. A respecto da Universidade, xa tivéramos xuntanzas co reitor durante a campaña e existe a vontade de acompañar a USC na negociación do Plan de Financiamento e en tentar que determinadas dinámicas que saian da universidade poidan repercutir no tecido socioeconómico. Co arcebispo foi un trato correcto e mesmo cunha posición integradora na aposta deste goberno por defender unha institución laica e distinguir o espazo cívico co relixioso. E co presidente da Xunta, malia ás evidentes diferenzas políticas, o trato tamén foi correcto. Houbo a imposibilidade de saudarnos o día da toma de posesión pero houbo unha chamada posterior para felicitarme polos resultados. Son estamentos que repercuten na vida da cidade e o Concello ten que ter canles abertas malia ás diferenzas puntuais.

A participación cidadá estivo moi presente na súa campaña. Existen fórmulas coñecidas, como os orzamentos participativos e outras que aínda non se ensaiaron. Como van materializar esas propostas?

"Ás veces o sinxelo, como a democracia directa, é o máis doado e racha moitas barreiras"

Reactivaremos canles que xa existían e que están esclerotizadas, como os consellos sectoriais e o Regulamento de Participación Veciñal para que a xente acceda á institución, alén de poñer en marcha medidas de transparencia a respecto de, por exemplo, os plenos. Alén diso, hai que buscar outra canle asentada na desinstitucionalización e na democracia directa, nas roldas periódicas territoriais. Hai un proceso de ensaio na propia campaña, na que acudimos a parroquias e barrios co compromiso de volver cando menos unha vez ao ano para render contas, recoller propostas, ser pedagóxicos e coñecer os lugares e a xente que vive neles. Na medida en que a xente vexa a utilidade deses encontros, van xerar retorno positivo. E paréceme un paso previo necesario antes de afrontar con garantías un proceso de orzamentos participativos. Ás veces o sinxelo, como a democracia directa, é o máis doado e racha moitas barreiras.

Nestes primeiros días vostede protagonizou varios xestos, como o paso do bastón de mando ou a mención a Ánxel Casal. Di o anterior alcalde que isto é mostra do “postureo” que vai caracterizar a súa xestión.

"Definir un perfil laico, abrir as institucións ou racionalizar salarios ten carga de profundidade, se o entenden como postureo é que aínda non entenderon por que perderon as eleccións"

Este tipo de medidas asentadas no simbolismo tamén teñen carga de profundidade. Non son estéticas. Definir un perfil laico das institucións, abrir as institucións á cidadanía e compartir con ela rituais que estaban encastelados na institución, racionalizar estruturas, salarios e persoal de confianza, camiñar pola cidade... Todo isto ten carga de profundidade e aséntase nun simbolismo demandado pola cidadanía, na necesidade de que quen ostente o rol de representación sexa un veciño máis. Esa necesidade de achegar a institución á veciñanza non é secundaria e foi un dos motivos que a nós nos levou a estar aquí. Se el entende iso como postureo é que aínda non entende por que perdeu as eleccións.

Na súa campaña tamén estivo moi presente a posibilidade de remunicipalizar servizos. Ten xa ponderado en que áreas é posible ou que contratos están máis próximos ao seu remate?
A través da responsable de contratación solicitamos un informe sobre a duración dos contratos para facer unha composición de lugar. Non é o mesmo iniciar unha remunicipalización cando un contrato remata dentro de dous anos que se o fai nuns meses ou dentro de catro ou cinco anos. Onde sexa posible e viable e teñamos tempo para facelo, a vontade é recuperar servizos. Onde non sexa posible por unha cuestión de tempo estableceremos mecanismos de fiscalización; a institución non pode ollar cara a outro lado e non pode ser que as empresas incumpran pregos e aquí non pase nada mentres aumenta o beneficio pola porta 'b'.

Dificulta a reforma local este tipo de procesos? Por exemplo, no ámbito do persoal, non poden realizar a contratacións que consideren oportunas.

"Enfrontámonos ao reto de recuperar servizos básicos cuxa externalización está fomentada polo Goberno central"

Moito. É un corsé. Os concellos están intervidos dende 2012 e iso obriga a que calquera remunicipalización teña que buscar amparo xurídico. Pola miña experiencia no Concello de Teo, no proceso de remunicipalización da auga, sei que hai que buscar fórmulas que non son as ideais, como buscar mecanismos de persoal laboral temporal, porque o propio marco non permite facer contratación indefinida. Non só nos enfrontamos ao reto de recuperar servizos básicos, senón que a maiores eses servizos externalizados están fomentados polo Goberno; é unha dupla pelexa. Por iso son consciente da dificultade deses temas.

Nestes días fálase moito dunha Marea Galega. Como ve esa posibilidade e o papel que poden ter os alcaldes no proceso?
Asumimos o simbolismo dos procesos como facilitadores. A carga de traballo limítanos moito, pero por nós, por Compostela Aberta, pola Marea Atlántica ou por Ferrol en Común non vai quedar que iso poida ser posible. Pero, sendo facilitadores, é importante saber que chegamos aquí tras un proceso de acumulación de forzas tamén da esquerda social, cun lugar de encontro na participación. E a outros niveis hai que perfilalo, porque non é tan doado de facer como a nivel local. Nós teremos que ser facilitadores e os partidos, xenerosos. A cuestión é complexa, pero o equilibrio non é imposible e a unidade popular e a marea é necesaria. Onde isto se dá, hai unha gran capacidade para mudar hexemonías.

"O equilibrio non é imposible e a unidade popular e a marea galega son necesarias"

Dentro deste ámbito hai posturas de ilusión pero tamén posturas críticas nas que se inclúen as que indican que vostede vai marchar do Concello de Santiago para concorrer ás eleccións galegas...
O mandato da veciñanza foi de tal magnitude que me obriga a estar absolutamente entregado á cidade, non se entendería que fixese outra cousa que estar á altura deste reto. Con absoluta sinceridade: non contemplo ningunha outra posibilidade que ser quen de demostrar que podemos cambiar políticas de fondo. Ese é o meu reto, facelo dende a capital do país. É un reto de suficiente entidade como para non andar noutras cousas.

Noriega, tras tomar posesión como alcalde de Santiago © Concello de Santiago

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.