Segundo a mitoloxía grega Κέρβερος, ou Cérbero, era o can de tres cabezas que gardaba as portas do inferno. O seu infernal labor era garantir que os mortos que alí entraban non saísen máis e que ningunha persoa viva puidese acceder ao seu territorio. Dende tempo innmemorial, pero moi especialmente dende os inicios da etapa autonómica, Galicia ten un Cérbero de seu. É un becho de tres cacholas suturadas pola Autoestrada do Atlántico que sempre permanece vivo e alerta, pero que se volve especialmente activo, cacholán, teimudo e perigoso nas proximidades de períodos electorais, nomeadamente dos municipais.
Como era de agardar, a apenas tres meses da cita coas urnas o Cérbero do localismo está xa en plena actividade, gardando con fereza as portas do inferno do minifundismo mental, non sexa que algunha persoa viva poida deitar algo de luz alá abaixo. Como nos últimos tempos, o xogo preferido do monstro de tres cabezas segue tendo os aeroportos como escenario principal. Así, por exemplo, o vigués Abel Caballero dá a voz de alarma ao asegurar que o Orzamento que pon a Xunta para disque humanizar unha rúa en Santiago é, en realidade, para subvencionar voos a Lavacolla e anuncia unha denuncia ante a UE por competencia desleal. O goberno local compostelán suxire, a través da súa edil de Turismo, que parte do problema aeroportuario é que coruñeses e vigueses recean de coller o avión en Compostela. Na Coruña, o alcalde Negreira apresúrase a inxectar fondos nas liñas aéreas que operan en Alvedro mentres parte da oposición o ve cómplice dunha suposta marxinación do aeródromo da cidade.
Nada queda daquela "cidade única" proclamada polo presidente
Mentres isto sucede o agora alcalde de Santiago, Agustín Hernández, abxura dos tempos nos que, como conselleiro con competencias en materia de Transportes, avogaba pola potenciación e “coordinación” das tres terminais. Pola súa banda, o presidente da Xunta evidencia que esa “coordinación” non existe e “ata que non a haxa, Galicia [léase, a Xunta] non vai colaborar na promoción turística a través dos seus aeroportos”. Polo camiño quedan, por exemplo, os 30.000 euros do contrato negociado sen publicidade co que a Xunta mercou un estudo sobre os aeroportos mentres o Ministerio de Fomento, que é quen se reserva as competencias, encargaba outro semellante. Nada queda tampouco daquela "cidade única" proclamada polo presidente que tiña como un dos seus piares que as compañías aéreas, no canto de ofrecer “A Coruña”, “Santiago” ou “Vigo”, ofrecesen “Galicia” como destino xenérico, idea que só chegou a ‘mercar’ -e parcialmente- a compañía Vueling nos tempos en que a dirixía o ex ministro de Aznar Josep Piqué.
Así as cousas, o Cérbero localista ten diante de si un suculento banquete que non deixa de medrar e que vén sendo aderezado con invectivas e olladas receosas cara á veciñanza dende as respectivas prensas locais. A última, chegada dende Santiago, apela á formación dun “lobby" para "plantar cara a Vigo e A Coruña". Mentres, o aeroporto do Porto, alleo ás leiriñas galegas, bate os seus propios récords de tráfico aéreo.
Seguir lendo en Propósito de emenda, o blog de crónica política de Praza