A situación climatolóxica que viviu Galicia na pasada primavera con fortes choivas en todo o país converteu a paisaxe dos distintos espazos montañosos nun campo axeitado para a proliferación de incendios. Os distintos axentes forestais da Xunta inspeccionan as distintas zonas de perigo e non deixan de chamar a atención sobre o estado preocupante do monte galego.
A esta inquietude dos profesionais únese a preocupación dos alcaldes do interior que seguen sen recibir chamadas de Medio Rural para comunicarlle o estado das zonas críticas e as medidas de prevención necesarias. Incluso alcaldes do PP, salvagardando o seu anonimato, aseguran que non son conscientes de que haxa “moita xente traballando na prevención” e fanse eco dos rumores de que as brigadas autonómicas foron reducidas á metade.
Describen a situación como anómala xa que “por unha banda tivemos que empezar extinguindo, logo volveu chover e agora estamos na prevención”
Porén, hai excepcións e algúns dos traballadores contra o lume estanse dedicando a facer tarefas de prevención. Describen a situación como anómala xa que “por unha banda tivemos que empezar extinguindo, logo volveu chover e agora estamos na prevención”.
Os brigadistas aseguran a Praza que “por onde nos pasamos aínda que haxa un incendio é difícil que se estenda porque hai cortalumes que non o deixan pasar pero isto estase facendo moi illadamente”. Os propios brigadistas descoñecen o número de persoas que están a traballar “porque só recibimos instrucións concretas e sen máis preguntas”.
Neste momento traballan compoñentes das Brigadas de Reforzo contra Incendios Forestais, dependentes do ministerio de Agricultura, na contorna do concello de Laza
Neste momento traballan compoñentes das Brigadas de Reforzo contra Incendios Forestais, dependentes do ministerio de Agricultura, na contorna do concello de Laza. Trátase dun municipio verde, parte da Rede Natura, que padece o azoute dos lumes todos os anos e no que as tarefas de limpeza non se levaron a cabo ata este ano. Un dos veciños da aldea de Naveaus, Francisco, explica a Praza que “eu que recorde aquí é a primeira vez que viñeron e a primeira vez que limparon e iso que todos os veráns estamos na loita”.
O home percorre os camiños traballados polos mozos da brigada cando deixan de traballar e fachendoso amosa uns montes limpos de toxos e xestas. El mesmo explica sobre o terreo e na zona pola que aínda non pasaron que “todas estas herbas verdes que se ven aquí sen rozar se non se quitan inzan como o lume e cando arde aínda poden perigar as casas”.
A pesar do entusiasmo do veciño, os operarios contra o lume teñen claro que no tempo que queda “non pode quedar a cousa como debería”. Din contar co material axeitado, motoserras e desbrozadoras, pero con pouca xente e sobre todo con pouco tempo. A igual que sucede cos brigadistas da Xunta sosteñen que “só cunha prevención se poden atallar os lumes” e reivindican a existencia dun corpo permanente destinado a esta tarefa “porque a pesar de que sexa caro, o custe increméntase notablemente cando hai que en verdade apagar os lumes”.
“Só cunha prevención se poden atallar os lumes” e reivindican a existencia dun corpo permanente destinado a esta tarefa
Dende a oposición política, tanto portavoces socialistas como nacionalistas temen que este verán sexa catastrófico e as hectáreas queimadas superen as marcas rexistradas. De feito, o responsable socialista na comarca de Trives, Miguel Solla, asegura que o Macizo Central aínda non se recuperou dos lumes do verán pasado. Ademais o portavoz do PSdeG alerta de que nalgúns lugares como Montederramo o equilibrio ecolóxico está alterado e “hai numerosos ataques de lobos”.
Tanto veciños, como alcaldes, como brigadistas entenden que estamos ante “a mesma historia de todos os anos” e parecen ter asumido que “non hai outra que resistir”
Por outra banda, no Macizo Central non se levou a cabo ningunha tarefa de prevención no que vai de ano e Solla afirma que “a pesar de que a Xunta prometeu un plano específico de prevención para a zona non se tomou ningunha iniciativa cando o risco de incendio é o mesmo ca do ano pasado”. O portavoz socialista recorda que “os lumes da pasada tempada causaron contaminación nas augas no concello de Manzaneda, destrución de pasto para o gando e non pasou nada e todo indica que as cousas van seguir así”.
Tanto veciños, como alcaldes, como brigadistas entenden que estamos ante “a mesma historia de todos os anos” e parecen ter asumido que “non hai outra que resistir”. Un dos traballadores contra o lume conclúe dicindo: “Nos imos para onde nos manden, tócanos calar e aguantar e aínda menos mal que de momento traballamos”.