O papel dos popularmente coñecidos como 'camións de piche' en épocas preelectorais só é comparable ao da colocación de puntos de luz. O tópico de que determinados concellos se afanan en tapar fochancas e alumear zonas escuras pouco antes de que toque pasar polas urnas para renovar as corporacións municipais vén de gañar un novo enganche coa realidade en forma de anuncio dun espectacular incremento dos fondos para reparar camiños rurais no período 2014-2015. A oito meses dos comicios o orzamento dispárase dun xeito pouco frecuente en calquera contexto e practicamente inédito en tempos de crise, ata un 82%.
O Consello da Xunta deulle este xoves o seu visto e prace á sinatura de convenios coas catro deputacións provinciais para poñer en marcha unha nova edición do Plan Marco de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal. Fronte aos 13,9 millóns de euros do anterior plan, desta volta chegarán aos consistorios un total de 25,5 millóns para "a ampliación, mellora e mantemento de camiños". Segundo o Goberno galego, este incremento serve para "atender proxectos que melloren un maior número de camiños, o que repercute nunha mellora das condicións de vida dos residentes nas áreas rurais".
Feijóo anunciou o plan en solitario aínda que a Xunta é a Administración que menos fondos pon
Aínda que o encargado de realizar o anuncio foi o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o Executivo autonómico non é, nin de lonxe, o que pon a maior parte dos fondos do plan. O 75% destes máis de 25 millóns veñen do Fondo Europeo do Desenvolvemento Rural (Feader) e un 12,13% sae das arcas do Ministerio de Agricultura. A información distribuída polo Goberno galego indica que "dos fondos e a Xunta e as deputacións provinciais" sae "o 12,87% restante", se ben as cifras que transcenderon este xoves indican que a Administración autonómica apenas pon un 2% do total.
A distribución destes fondos, "consensuada" entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Fegamp, fará que a provincia da Coruña reciba "máis de 8 millóns de euros", Lugo "preto de 7 millóns", Ourense contará cuns 6 millóns e Pontevedra, con arredor de 5. Asegura a Xunta que o obxectivo que persegue este plan non é outro que "mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, poñendo en valor as dotacións existentes de infraestruturas básicas" e "fomentar a implantación e mellora dos servizos básicos". "Estamos a tentar sumar os orzamentos de todos para facer un plan que beneficie a todos", mantén Feijóo.