"Pensar que isto foi unha manifestación política é unha falta de respecto e un grave erro cara ás mulleres que nos dixeron que aínda non se conseguiu a igualdade". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resumía deste xeito o pasado venres a súa postura tras as masivas mobilizacións feministas que o pasado 8 de marzo culminaron unha xornada de intensas manifestacións e folga feminista. O que nalgúns foros foi lido como un cambio de postura de Feijóo non foi máis ca unha reiteración dun chamamento que xa realizara noutras ocasións; así o fixo en 2016, esixindo "non politizar" a loita contra a violencia machista, ou no marco do 8M do 2017, cando nun acto de partido reclamou "loitar pola igualdade" sen "politizar os problemas das mulleres".
O propio PP destaca a aprobación de medidas políticas e "reformas legais" sobre igualdade entre homes e mulleres
Igual que nesoutras ocasións, inmediatamente despois da petición pública de non ligar igualdade de xénero e política chegou o anuncio de novas iniciativas que, no ámbito do Parlamento galego, abordarán a cuestión mediante iniciativas obviamente políticas. Sucederá pola banda da oposición, pero tamén do propio PP. Non en van, o seu voceiro na Cámara galega, Pedro Puy, lembraba que o propio Parlamento xa acadou acordos neste ámbito no pasado e que o seu propio grupo "xa ten rexistrado novas iniciativas" políticas nas que defende, por exemplo, "reformas legais para que a Xunta poida defender os dereitos das vítimas de violencia de xénero" nos procesos xudiciais. Do mesmo xeito, avanzou, os conservadores serán favorables a equiparar no futuro os permisos de maternidade e paternidade para o persoal da Administración.
En Marea resalta que xa defendeu en pleno propostas concretas contra a fenda salarial e advirte de que o PP terá "a oportunidade demostrar se o seu compromiso coa igualdade é real" no vindeiro pleno
Dende a banda esquerda o voceiro de En Marea, Luís Villares, advirte de que a mobilización feminista é a mello rmostra de que cómpren "políticas" ao respecto e ademais, que estas sexan "políticas reais, non de xesto" en ámbitos como o "control" da fenda salarial. Neste sentido, lembra as iniciativas defendidas por esta formación no último pleno do Parlamento para, por exemplo, reclamar que o Consello Galego de Relacións Laborais estude e faga explícita a fenda salarial, iniciativa defendida pola deputada Paula Vázquez Verao, ou a proposta de creación de prazas de persoal experto en igualdade no sistema educativo, promovida por Ánxeles Cuña e tamén, lembra, rexeitada polo PP. No vindeiro pleno En Marea concretará estas propostas nunha moción que, resalta Villares, dará ao PP a "oportunidade demostrar se os seus compromiso coa igualdade son reais ou de contrabando".
O PSdeG promove un "plan de incentivos específicos para o retorno ao emprego despois da maternidade"
Medidas políticas son tamén as reclamadas dende os grupos da oposición tras o éxito da mobilización do 8M. Neste sentido, o voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, anuncia tamén iniciativas para instar o PP e o propio Feijóo a que "pasen das musas ao teatro, das promesas aos feitos". Alén da "retórica", resalta o socialista, o PP tamén "ten o DOG", polo que a súa formación instará a promover xa esa equiparación de permisos por nacemento ou adopción de fillas e fillos, así como "un programa de incentivos específicos para o retorno ao emprego despois da maternidade" ou "revisar a presenza da muller nos postos directivos de empresas públicas" dependentes da Xunta.
O BNG propón un plan con tres medidas contra a fenda salarial "que poden ser efectivas en dous meses"
A reclamación de medidas concretas para responder á pregunta de "e agora, que?" tras o éxito da "xornada histórica" do 8M chega tamén pola banda do BNG. "É o momento de estar á altura", resalta a vicevoceira do Bloque no Parlamento, Olalla Rodil, quen especifica que "dentro dos acordos a impulsar, o BNG fai unha tripla proposta centrada na loita contra a desigualdade salarial con tres medidas que poden ser efectivas en dous meses". Así, detalla a deputaad Noa Presas, o Bloque promoverá "incorporar á normativa sancións a empresas" por "discriminación salarial" de xénero e, paralelamente, promover a "transparencia salarial, con información desagregada por niveis salariais, pluses e complementos, que é onde radica o fondo da discriminación". Este paquete de medidas, explican, completaríase coa realización de "auditorías salariais nas empresas" con cadros de persoal superiores ás 50 persoas "para detectar situacións de discriminación" de xénero, "tal e como recomenda a Unión Europea".