O Parlamento, ante a oportunidade de que Galicia "aproveite" a lusofonía

Imaxe difundida polo grupo promotor da ILP CC-BY-SA ILP Paz Andrade

Pouco despois de chegar á Presidencia da Xunta e en plena polémica pola súa contrarreforma lingüística Alberto Núñez Feijóo sorprendía cunhas declaracións que pouco ou nada tiñan que ver coas súas posicións habituais a respecto do idioma. Aproveitando unha xuntanza co embaixador de Portugal en España anunciaba a súa intención de incorporrar a lingua portuguesa ao ensino público galego para, deste xeito, aproveitar as oportunidades da lusofonía. Tras catro anos e ningún avance unha iniciativa lexislativa popular vaille dar a oportunidade á maioría gobernante de dar pasos nesta materia a partir do vindeiro martes.

Nesa xornada o pleno do Parlamento acollerá o debate de toma en consideración da ILP 'Valentín Paz Andrade' para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. Impulsada ao abeiro das celebracións do Día das Letras de 2012 esta iniciativa sinala que o "compromiso co aproveitamento das potencialidades da Galiza" debe levar as autoridaddes a "valorizar o galego como unha lingua con utilidade internacional", tendo en conta que o achegamento ao portugués implica facelo a un "idioma de traballo de vinte organizacións internacionais, incluída a UE, e lingua oficial de nove países" entre os que figuran "potencias económicas como o Brasil".

"É preciso que as nosas empresas e organismos públicos aproveiten a nosa vantaxe lingüística" en "todas as vertentes, nomeadamente a económica", di a exposición de motivos da ILP. Para as persoas promotores, dispoñer de "elementos formativos e comunicativos para nos desenvolver con naturalidade" no "modelo internacional" do galego permitirá "mellorar o desenvolvemento social, económico e cultural galego".

A ILP propón que a Xunta incorpore "no prazo de catro anos, a aprendizaxe da lingua portuguesa en todos os niveis do ensino regrado"

Para todo isto a ILP propón, nun único título, que a Xunta incorpore "progresivamente, no prazo de catro anos, a aprendizaxe da lingua portuguesa en todos os niveis de ensino regrado". Ademais, "o dominio do portugués terá especial recoñecemento para o acceso á función pública". Ao tempo, a proposta considera necesario que "o relacionamento cos países de lingua oficial portuguesa" sexa "un obxectivo estratéxico do Goberno galego" e que dende a propia Xunta se tomen "cantas medidas fosen necesarias para lograr a recepción aberta en territorio galego das televisións e radios portuguesas".

Neste contexto, resta saber se o PP aceptará total ou parcialmente o contido desta ILP ou, pola contra, xa a freará no momento da súa toma en consideración. O voto dos conservadores é o único que aínda non é coñecido, toda vez que PSdeG, AGE e BNG xa anunciaron que se manifestarán a favor de que estes preceptos se tramiten na Cámara para, posteriormente, pasar a formar parte do ordenamento legal autonómico.

Imaxe difundida polo grupo promotor da ILP CC-BY-SA ILP Paz Andrade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.