Nas últimas eleccións non só se escolleu un novo Parlamento, realizouse tamén a principal nova competencia da cámara recollida no Tratado de Lisboa: a elección do presidente da Comisión a proposta do Consello Europeo.
O Parlamento, coa firma do Tratado de Lisboa, ampliou e consolidou as súas competencias e a súa importancia política, situándose como unha institución con máis importancia no esquema de poder europeo. Por unha banda, a función de control fortaléucese: aumentou o peso do Parlamento na aprobación e debate da totalidade dos presupostos; a Comisión debe renderlle contas nun debate público, e o Consello Europeo e o Consello da Unión Europea coa presentación de informes; a cámara pode crear con facilidade comisións de investigación que analicen casos de mala xestión e infraccións legais. No caso da Comisión, a rendición de contas non é só a defensa da súa actuación nun debate público, anualmente, coincidindo coa presentación dun Informe Xeral sobre a súa actividade e a situación da Unión, o Parlamento ten a capacidade de presentar unha moción de censura que, de ser aprobada por unha maioría de dous terzos, obrigaríaa a dimitir colexiadamente.
Ademais das funcións de control, ampliouse o abano de políticas públicas sobre as que pode lexislar a cámara. O cambio máis importante é o dereito de aprobación e reforma dos acordos internacionais, e a súa nova influencia sobre os criterios de adhesión dos países candidatos. Nesta ligazón esquematízase a síntese das vellas e as novas competencias sobre as que pode actuar. Da man desta ampliación aconteceu un cambio no procedemento lexislativo da Unión Europea. Dende agora, a creación das novas leis e políticas públicas faise co procedemento de codecisión, chamado procedemento lexislativo ordinario, no que o Parlamento ten as mesmas capacidades que o Consello da Unión Europea. Aquí pódese ver un esquema que resume o procedemento en todas as súas fases e que mostra a cámara como un dos colexisladores da Unión.
Finalmente, débese falar dos principais cambios acontecidos nas funcións do Parlamento, que non puideron realizarse ata estas eleccións: a capacidade para nomear o presidente da Comisión, e o voto de aprobación ao que debe ser sometida a Comisión unha vez formada. Estas engádegas, que son as máis relevantes politicamente, causaron, entre outras cousas, que os partidos políticos europeos presentasen candidatos á elección da Comisión e que mudase o xeito no que se negocian os altos cargos da Unión. No novo xogo, o Parlamento e a Comisión son máis independentes e as institucións máis equilibradas. Nin o reparto do poder, nin os acordos entre elites europeas serán posibles sen ter en conta o Parlamento.
Despois de terse celebrado as eleccións e recibir Jean Claude Juncker o apoio informal dos parlamentarios liberais, socialdemócratas e populares, varios líderes europeos trataron de bloquear a súa nominación.
O 15 de maio os candidatos á Presidencia da Comisión deixaron ben claro que bloquearían a calquera candidato que non se tivese presentado ás eleccións. As declaracións de Martin Schulz, candidato do centro esquerda, e Jean Claude-Juncker, candidato do centro dereita, dicindo que os dous apoiarían o candidato máis votado (e querendo dicir, en realidade, que se apoiarían entre eles), marcaron a axenda da elección a Comisión. Só unhas declaracións de Van Rompuy, que repetiu despois das eleccións, “quen realmente ten o poder na Unión Europea é o Consello Europeo”, ensombreceron a carreira pola Presidencia da Comisión que dominaron os candidatos dende o comezo. Despois de celebrarse as eleccións e recibir Jean Claude Juncker o apoio informal dos parlamentarios liberais, socialdemócratas e populares, varios líderes europeos trataron de bloquear a súa nominación. Estes líderes, que aínda se manteñen abertamente hostís a Juncker, ou cando menos, reticentes ao seu programa, son o actual presidente do Consello Europeo e os presidentes de Gran Bretaña, Suecia, Holanda e Hungría. Aínda que os catro presidentes nacionais estaban en contra de Juncker, unha vez que quedou claro que Merkel apoiaría ao seu candidato, os presidentes de Holanda e Suecia decidiron votar a favor da súa nominación; só David Cameron e Viktor Orbán mantiveron o seu veto.
Van Rompuy defende que o Consello Europeo sexa quen escolla ao presidente da Comisión porque el, como o seu presidente, é o encargado de manter os equilibrios e levar adiante as negociacións
Unha loita polo poder
As razóns polas que Van Rompuy se opón á elección de Juncker, deixando de lado as súas ideas sobre o que debe ser o proxecto europeo, débense ao seu cargo e aos seus intereses. Van Rompuy defende que o Consello Europeo sexa quen escolla o presidente da Comisión porque el, como o seu presidente, é o encargado de manter os equilibrios e levar adiante as negociacións. Sen ser un político carismático ou con capacidade de liderado, Van Rompuy si demostrou ser un hábil negociador e, neste caso, está a defender a súa influencia e o seu poder dentro da Unión. Este tamén é o caso dos presidentes que se opoñen á candidatura de Juncker, non o fan só por razóns ideolóxicas, senón para defender a súa capacidade para dirixir o proxecto europeo e controlar a influencia das institucións europeas nas súas nacións. As tensións que causou Juncker no Consello Europeo non se resolverían escollendo a calquera outro dos candidatos, porque o problema non é quen sexa escollido, senón o novo peso do Parlamento e a nova “politización” da Comisión.
A “politización” que queren evitar os defensores do Consello Europeo non significa que a Comisión non fose política durante a presidencia de Barroso
A “politización” que queren evitar os defensores do Consello Europeo non significa que a Comisión non fose política durante a presidencia de Barroso. A escusa da politización é a retórica baixo a que se esconden os balances de forzas entre institucións e estados na Unión, e as vantaxes e desvantaxes que cada un pode obter nas negociacións das novas políticas públicas. A política nacional tamén pesa moito nas primeiras tensións sobre o peso do Parlamento e a Presidencia da Comisión. A continua presión de Cameron sobre Juncker causouna en parte a mala prensa que esta a ter en Gran Bretaña. Unha presidencia pro-Europea beneficia a UKIP e desgasta o partido de Cameron. O apoio final de Merkel sobre Juncker debeuse ás críticas que recibiu en Alemaña por non apoiar ao seu propio candidato e non cumprir cos acordos aos que chegara antes das eleccións.
Ata agora a axenda política da Unión estivo marcada polo BCE e os países que, encabezados por Alemaña, defenden a política de austeridade
A nova situación móstranos que o Parlamento será máis político e con maior influencia na Unión. Ata agora a axenda política da Unión estivo marcada polo BCE e os países que, encabezados por Alemaña, defenden a política de austeridade. A Comisión foi o policía que controlou o cumprimento da política de austeridade nos estados membros e o Parlamento funcionou como unha cámara con pouca marxe de manobra na que se formalizaban leis coas liñas xerais xa negociadas. Cando se cruzou a crise económica coa falta de redemocratización das institucións europeas a Unión atopouse sen mecanismos de xestión democráticos e eficaces vinculados ao Parlamento. Institucións recoñecidas para gobernar non o fixeron, mentres que outras se extralimitaban nas súas funcións (o exemplo máis claro é o BCE). O Parlamento aínda tendo amplias competencias non posuía as suficientes capacidades políticas, nin a lexitimidade suficiente, para colocarse por diante do Consello Europeo na xestión da crise. Na actualidade, a lexitimidade que gañou o Parlamento coa elección directa, o maior control sobre a Comisión coa elección do seu presidente e a capacidade que tivo Martin Shultz de introducilo, aos poucos, nos debates e reunións onde se constrúen os compromisos lexislativos permitiranlle ser un actor máis relevante que no pasado. Despois da derrota de Cameron e os problemas de lexitimidade democrática da Unión, a volta a un Parlamento sen importancia e unha Comisión dirixida polo Consello Europeo non parece posible.
As consecuencias disto nas nacións europeas variarán cos equilibrios e negociacións entre o centro dereita e o centro esquerda. A federación e democratización da Unión, e a profundidade das novas políticas de investimento e crecemento, dependeran ademais da capacidade de controlar por parte do centro político as demandas do sur e da periferia sobre política fiscal e monetaria, e bloquear a actividade e o crecemento dos partidos euroescépticos. O novo Parlamento terá máis actividade política, e a maior federación e democratización de Europa serán definitivamente cuestións claves na axenda.