O Parlamento nin tramitará a lei da dación en pagamento ao crer o PP que "non procede"

Acción de Stop Desafiuzamentos en Compostela © Praza Pública

"Lastra a cuestión", "está debatido", é "inevitable falar das formas" ou a necesidade de "economía procesual". Son algunhas das razóns que o PP, a través do seu deputado Alberto Sueiro, puxo sobre a tribuna do Parlamento para rexeitar a toma en consideración da proposición de lei coa que o BNG procuraba que o Parlamento de Galicia se dirixise ao Congreso dos Deputados para que este, á súa vez, modificase varias normas do Estado e lle dese rango legal á dación en pagamento, isto é, a que a entrega da vivenda salde a débeda hipotecaria no caso de que os seus propietarios non poidan pagar o crédito contraído. Os votos en contra dos conservadores impediron, polo tanto, non só que a proposta vexa a luz tal e como a concibiran os nacionalistas, senón tamén que sexa tramitada como unha lei máis da Cámara lexislativa galega.

O PP rexeita "substituír os representantes dos cidadáns no Congreso" e dá por bo o código estatal de boas prácticas para os bancos

Malia a considerar que, nos aspectos "básicos" do problema "estamos todos de acordo", o voceiro dos conservadores non cre conveniente que o Parlamento galego tente "substituír os representantes dos cidadáns no Congreso dos Deputados", aínda que este procedemento xa se teña empregado tanto dende Galicia como dende outras comunidades autónomas -esta mesma semana o Congreso trata unha iniciativa das Cortes Valencianas para impedir os asubíos aos símbolos de España nos recintos deportivos-. Só sería "razoable", ao seu xuízo, se esta problemática "fose exclusiva de Galicia" ou se en Madrid non se tivesen producido xa "debates sobre este asunto". Pero estes debates si se teñen producido, di Sueiro, e ademais, e neste aspecto é no que fundamentalmente se apoia, o Goberno central xa apoiou un código de boas prácticas que, admite, é de "adhesión voluntaria" para os bancos, pero que é, na súa opinión, unha "solución real e aplicable". "Non se pode falar de cosmética nin de maquillaxe", asegura.

Pero nin á voceira do Bloque no debate, Isabel Sánchez, nin vicevoceira socialista, María José Caride, comparten esta opinión. O BNG, di Sánchez, propón unha "reforma legal", tanto da Lei de Axuízamento Civil como do Código Civil e da Lei Hipotecaria. Mentres, lembra, o gabinete de Mariano Rajoy limitouse a "facer crer que está encarando o drama das familias desafiuzadas" cun decreto que "aparenta que concede dereitos" ás persoas afectadas, pero que "depende exclusivamente da admisión voluntaria por parte dos bancos". Deixa, polo tanto, "nas mans" das entidades financeiras acceder á dación en pagamento ou a outras medidas paliativas, como o establecemento de moratorias no pagamento da hipoteca ou a posibilidade de que, quen non poida pagar o crédito, poida permanecer na súa casa pola vía do alugueiro. "Nin sequera contempla sancións para quen incumpra" e, polo tanto, é "inútil", sintetiza.

O BNG propuña modificar varias leis do Estado e o Código civil para introducir a dación, moratorias ou vías para quedar coa vivenda en aluguer

Neste contexto, para a nacionalista isto supón que sigan controlando a situación as mesmas entidades que "se lucraron mentres inflaban a burbulla inmobiliaria" e que, polo tanto, son as principais responsables dun "panorama demoledor", consecuencia tamén da "errónea política inmobiliaria de liberalización do solo" do Goberno de José María Aznar. Só entre xaneiro e maio de 2012, ilustra "son xa as 1.400 as execucións hipotecarias en Galiza, fronte aś 2.003 de todo o ano 2011".

Tamén a socialista Caride ve imprescindible que dende a política se lle dea resposta a un "problema real" coma este, no que "as responsabilidades son, cando menos, compartidas" entre clientes e bancos, xa que "unha entidade financeira valorou o inmoble, a porcentaxe máxima que podía ofrecer e estableceu que as condicións eran axetiadas para poder devolver ese endebedamento". Trátase, en definitiva, de "rescatar as familias que mercaron unha vivenda para vivir" e non facelo só cos bancos, cos 100.000 millóns "dos petos de todos" para pagar "os buracos do sistema financeiro". Ademais, di, o Real Decreto ao que se aferra o PP beneficia, "como moito", ao 4% das persoas cunha hipoteca, xa que só permite acollerse a el á cidadanía "no limiar da exclusión social", sen "ningún ingreso nin de actividade económica nin de traballo". Ante a previsible argumentación do PP a socialista xa anticipaba que, efectivamente, o Goberno de Zapatero deixou "cousas por resolver", coma esta. "Pero esa non pode ser a resposta aos cidadáns".

O PSdeG insta a "rescatar as familias que mercaron unha vivenda para vivir" e non só os bancos

Nin Sánchez nin Caride lograron inverter a vontade do PP que, ademais, rexeita "poñer" os bancos "como únicos culpables", o que considera un "discurso maniqueo". "Practicamente o 100% das entidades que operan en Galicia téñense adherido" ao "código" do Goberno central, o que, na súa opinión, amosa que a acción do Goberno central é "adecuada". Ademais, di, a Xunta xa anunciou que na futura Lei de Vivenda haberá "medidas para paliar os efectos dos desafiuzamentos", como "a dación en pagamento para as vivendas de promoción públicas". Polo tanto, "non procede", zanxou.

Isabel Sánchez defendeu a proposta no pleno CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.