O Parlamento prepárase para a lexislatura da oposición recomposta

Pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

Despois dunha década a tres, no taboleiro parlamentario galego volve haber catro xogadores e os tres que xa estaban estudan como abordar a súa irrupción. A apenas dez días de que bote a andar a novena lexislatura autonómica coa constitución do novo Parlamento as forzas políticas que ata agora compuñan o lexislativo galego ultiman os detalles do novo período e entre eles destaca a chegada ao Pazo do Hórreo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a coalición encabezada por Xosé Manuel Beiras (Anova) e Yolanda Díaz (EU) que altera o statu quo de PP, PSdeG e BNG nos últimos anos tanto dende o punto de vista político como no relacionado coas cuestións de intendencia e economía da Cámara.

Polos corredores do Hórreo circula nestes días a pregunta de "onde van meter" o novo grupo parlamentario. Os nove representantes de AGE teñen dereito, como o resto de grupos, a dispoñeren dunhas instalacións propias nas que desenvolveren o seu traballo ordinario. Polo momento, case ninguén coñece cal será a solución dotalos das correspondentes oficinas. "Aquí todo é secretismo", comenta un dos máis veteranos da casa, ao tempo que ve como máis probable a posibilidade de que o grupo de Alternativa vaia ser ubicado nas proximidades dos despachos do PP que, como PSdeG e BNG, mantería os lugares que viñeron ocupando ata agora. Así e todo, os traballos aínda non comezaron e no edificio si se están a desenvolver outras reformas, como a da sala que alberga a Xunta de Portavoces.

Polos corredores do Hórreo circula a pregunta de "onde van meter" o novo grupo

Pero a ubicación de AGE non é só motivo de ocupación dende o punto de vista espacial. Tamén dende o político e económico, a comezar pola Mesa do Parlamento, isto é, o órgano reitor da Cámara presidido polo PP e que conta ademais con dúas vicepresidencias, unha secretaría e unha vicesecretaría. O costume parlamentario di que, cunha correlación de forzas como a actual, a presidencia, a vicepresidencia e a secretaría lle corresponderían ao PP -todo semella indicar que Pilar Rojo seguirá no cargo-, que a vicepresidencia segunda fose para a segunda forza política -o PSdeG- e a vicesecretaría, para a terceira -AGE-. O reparto de postos entre a segunda e a terceira forza veu producíndose en función dun acordo entre estas -ata o momento, socialistas e Bloque-, polo que depende agora do PSdeG que AGE sente ou non neste organismo.

Os membros da Mesa perciben diversos complementos económicos

A decisión sobre a composición da Mesa non é menor, nin económica nin politicamente. A presenza neste organismo permítelles aos grupos que sentan nel coñecer de primeira man as liñas xerais de funcionamento do Parlamento e tamén as decisións que toma a maioría gobernante sobre a administración da institución -por exemplo, contratacións administrativas ou decisións financeiras-, pero tamén lles reporta ingresos adicionais. Ademais dos salario de deputado ou deputada, os membros da Mesa perciben un complemento de 1.831 euros mensuais, aos que se engaden 1.095 euros de "gastos de representación" e 480 de "gastos de libre disposición", achegas adicionais que en máis dunha ocasión sufragaron gastos do correspondente grupo en materias como o persoal. Adicionalmente, estes parlamentarios poden dispoñer dun servizo de secretaría -habitualmente tamén aproveitado polo grupo de que se trate- e solicitar o uso de coches oficiais -cando menos sobre o papel só a presidenta ten coche en exclusiva-.

Resta saber tamén se a chegada dun novo grupo vai mudar nalgún punto a actividade parlamentaria propiamente dita, isto é, o funcionamento dos plenos e das comisións, cuxa duración se podería alongar notablemente se, por exemplo, os tempos dos que dispón cada grupo para intervir permanecen inalterados -para acurtalos cumpriría unha reforma do Regulamento-. Do mesmo xeito cabe preguntarse tamén se, como aconteceu na lexislatura do bipartito e tamén na primeira de Feijóo, o presidente da Xunta responderá en cada pleno a unha pregunta do voceiro ou voceira de cada grupo da oposición.

Feijóo responde unha pregunta parlamentaria da oposición CC-BY-SA PSdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.