O Parlamento votará a reprobación do fiscal de Ourense por pedir xulgar á denunciante de Baltar

Baltar, con Feijóo na sede do PP de Ourense, nunha imaxe de arquivo © PP Ourense

O PP terá que volver fixar posición no Parlamento sobre un dos asuntos máis incómodos e máis inevitables para a súa dirección galega: as actitudes da familia Baltar e as súas repercusións. O recurso presentado polo fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, para que sexa xulgada a muller que acusou a José Manuel Baltar de lle ofrecer un posto de traballo na Deputación a cambio de sexo devolverá o asunto, arquivado o pasado maio, a primeira liña política. Será cando se debata a iniciativa do BNG que, segundo anunciou este xoves a súa portavoz nacional, Ana Pontón, formulará para "reprobar" formalmente o máximo responsable do Ministerio Público en Ourense.

Pontón, que anunciou a iniciativa no marco dunha visita á comarca de Valdeorras, ve un "escándalo" que o fiscal Delgado fixese virar o caso para recorrer o arquivo unicamente no referido á denunciante, que tamén fora investigada pola xuíza. Delgado, cre, ben pode ser alcumado como "o Moix da Galiza" e por iso merece tamén unha reprobación parlamentaria como a do xa ex-fiscal anticorrupción. "Supoño que o feito de que se trate do señor Baltar", considera a nacionalista, é a explicación deste "intento de amedrentar a quen se atreve a denunicar as cacicadas".

Pontón: "É intolerable, non é posible responder co silencio ao intento de amedrentar a quen denuncian os abusos da familia Baltar"

"Ante unha situación tan grave non imos quedar de brazos cruzados -avanza- porque sabemos os vínculos que hai, en moitos casos, entre o poder xudicial e o PP". Neste sentido, avanza o rexistro dunha iniciativa para "que o Parlamento reprobe e reclame o cesamento do fiscal xefe de Ourense, porque é intolerable esta situación e non é posible responder co silencio ante un intento claro" de meter "medo" a quen "denuncian os abusos da familia Baltar, dos que temos abondosos exemplos", conclúe.

Peticións de dimisión de En Marea e colectivos feministas

O Bloque concreta con esta iniciativa a petición de dimisión de Florentino Delgado que xa lanzara tras coñecer o recurso do fiscal, e á que este xoves tamén se sumou En Marea, así como a formación local Ourense en Común. Para a deputada Paula Quinteiro que o escrito do fiscal acuse a denunciante de "presionar" e coaccionar os Baltar aínda sabendo que a xuíza deu por "probadas as actitudes vexatorias" cara á muller supón "un feito de tal gravidade que debera vir acompañado da súa inmeidata dimisión". O fiscal, apunta Quinteiro, "debería defender a vítima, pero colócase do lado do agresor" e "vai máis alá, pretendendo impulsar unha cacería contra ela".

En Marea cre que o fiscal delgado "evidencia a nula separación de poderes" en Ourense

Para Ánxeles Cuña, deputada da formación por Ourense, o movemento do fiscal xefe "evidencia tamén a nula separación de poderes" na provincia. "O poder xudicial -lamenta- ponse ao servizo do clan Baltar ante un caso tan grave" e "opta por alentar a persecución da vítima". O PP, resltan, debera "abandonar o silencio cómplice" e "manifestar a súa condena ás actuacións de Baltar", as cales "quedan probadas nas gravacións das conversas e mensaxes telefónicas mantidas" coa muller que o denunciou.

"É un dos argumentos máis miserábeis e machistas empregados pola xustiza", di a Marcha Mundial das Mulleres

Ás peticións de dimisión do fiscal Delgado procedentes de forzas políticas únense tamén as de colectivos sociais como a Marcha Mundial das Mulleres, cuxa coordenadora local ourensá considera os argumentos do recurso os "máis miserábeis empregados pola xustiza machista en moito tempo". "Pretende culpabilizar a denunciante e non só amosa estar ao servizo da xustiza machista, senón tamén do PP e da saga Baltar, auténticos padriños da mafia provincial que estende os tentáculos ata a Fiscalía", acusa o colectivo feminista. Nun sentido semellante a asociación ourensá de mulleres Falando Nós, censura que o fiscal veña amosar "que persoas de alto nivel de poder son intocables" e "haberá castigo para quen desobedeza".

O fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.