O Partido Comunista de Galicia (PCG) recupera a súa festa anual, que levaba moito tempo sen celebrar. Será este sábado en Ferrol, cun completo programa de conferencias, debates e concertos, que servirán para conmemorar os corenta anos das folgas e sucesos de 1972, así coma o noventa aniversario da formación do partido. Todas as actividades terán lugar no paseo marítimo do barrio de Caranza, a partir das once da mañá e haberá autobuses de balde dende Vigo. É a primeira vez dende 1986 que Ferrol acolle a festa do PCG.
Destaca unha mesa redonda sobre os eventos de 1972, que contará coa participación de Rafael Pillado, ex secretario xeral do partido, e de Waldino Varela, fundador das CCOO en Vulcano, moderados por Sari Alabau. Outra das mesas analizará O futuro do sindicalismo de clase e outra centrarase nos Retos da esquerda alternativa, coa participación de José Luis Centella, secretario xeral do PCE e Yolanda Díaz, coordinadora xeral de Esquerda Unida.
A festa, que inclúe un xantar popular, completarase cun mitin, ás oito e media da tarde, e cos concertos de El Viejo Caracol, La Sentina e M&M's Band, a partir das dez da noite