O persoal dos PAC de Galicia vai á folga para esixir máis medios

Rolda de prensa para anunciar a folga nos PAC © UGT Galicia

Todos os sindicatos (​UGT, CCOO, CIG, Satse, CSIF, CESM e Omega) convocaron folga varios días deste mes e de novembro nos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Galicia. Así o anunciaron representantes de todas as centrais este mércores en Compostela, onde advertiron do obxectivo de "denunciar" a situación que viven neses centros e que está sendo obxecto de negociación nunha comisión técnica da Mesa Sectorial.

 Todos os sindicatos convocaron folga varias xornadas dos meses de outubro e novembro nos PAC de Galicia

A folga está convocada para os días 16, 19, 23 e 30 de outubro; e os días 2, 6 e 9 de novembro. En todos estes días comezará ás 15 horas ata as 8 do día seguinte, mentres que para os días 21 e 28 de outubro e 4 e 11 de novembro a folga está convocada entre as 8 horas ata as 8 horas do día seguinte. Afecta 90 PAC nos que traballan máis de 900 profesionais, aínda que os servizos mínimos son do 100% e farán imperceptible a protesta. Con todo, o persoal quere deixar claras as súas demandas á sociedade galega. 

Esta convocatoria chega poucas semanas despois de que un paciente no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada morrese sen atención médica porque a única doutora asignada ao centro nesa quenda tivera que saír para atender outra urxencia. O falecemento do home atragoado no seu propio vómito, como advertira a familia e confirmou a autopsia, provocou fortes críticas entre a oposición. De feito esta morte, xunto as de pacientes de Hepatite C mentres agardaban que lles fose dispensada a súa medicación, os traslados a centos de quilómetros de persoas que padecen un infarto en Lugo ou Ourense ou os colapsos dos servizos de urxencias son algúns dos elementos que En Marea, PSdeG e BNG poñerán sobre a mesa na comisión de investigación sobre os recortes sanitarios dende o ano 2009 que pactaron. 

A folga chega tras a denuncia de falta de persoal nos PAC e a morte nun da Estrada dun home sen atención pola falta de profesionais

Os traballadores denuncian que dende o ano 2008, no que se crea a estrutura actual dos PAC, a Xunta "negouse a actualizar as necesidades e cubrir os novos problemas que foron xurdindo nesta estrutura de atención sanitaria que presta un servizo fundamental para a cidadanía galega". De feito, para intentar mudar esta situación, hai xa seis meses constituiuse unha comisión técnica da Mesa Sectorial, na que participan os representantes dos traballadores e o Sergas, pero na que a Administración "non está movendo ficha nin poñendo enriba da mesa posibles solucións ás problemáticas que a diario hai nestes centros de traballo". "O Sergas perdeu unha grande oportunidade nestes seis meses de intentar pechar un acordo cos traballadores para beneficiar o conxunto da cidadanía; a súa inoperatividade foi a que conduciu a este conflito".

"O Sergas perdeu unha grande oportunidade nestes seis meses de intentar pechar un acordo cos traballadores para beneficiar o conxunto da cidadanía"

Os profesionais reclaman equipos completos (médico/enfermería) en todos os PACs; respecto aos tempos de traballo conforme ás directivas europeas, que o fraccionamento de contratos non se empregue para non cumprir os descansos ou que calquera derivación hospitalaria sexa eliminada das listas de obxectivos "porque as derivacións fanse baixo criterios médicos";

Ademais, reclaman a existencia de criterios obxectivos para a dotación dos PACs; o pagamento do 100% dos complementos de nocturnidade e festividade; que non se incremente a xornada anual efectiva das 1.451 horas actuais; un cómputo axeitado das incapacidades temporais e permisos retribuídos; que as dietas dos domingos e festivos sexan abonadas pola comida e pola cea; así como a dotación de equipos de protección individual para todo o persoal dos PAC. "A sensación de inseguridade e precariedade é continua", advertiu unha das profesionais presentes. 

A Consellería de Sanidade contestou á convocatoria de folga asegurando que mantén a súa "oferta de diálogo co persoal dos PAC para seguir avanzando na mellora das condicións de traballo". Ademais, o Sergas lembra que coa implantación da carreira profesional "o persoal percibirá un incremento retributivo do 6%", que o número de médicos de familia "incrementouse nun 7% entre 2008 e 2017" ou que a porcentaxe de estabilidade deste colectivo "ascende ao 96%". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.