O pleno da Coruña aproba o orzamento con emendas de última hora votadas por PP e PSOE

Salón de plenos do Concello da Coruña © Concello da Coruña

Os orzamentos municipais da Coruña para este 2016 saíron este venres adiante logo de meses de negociacións co voto a favor da Marea Atlántica e do PSOE e coa abstención da PP, pero coa imposición de emendas por parte do grupo popular e do socialista, que se apoiaron mutuamente para poder aprobalas

O orzamento saíu adiante pero coa imposición de emendas do PP e do PSOE, qu se apoiaron mutuamente para aprobalas

As contas foron aprobadas logo dun tenso pleno de máis de dúas horas de duración tras o que o alcalde Xulio Ferreiro acusou o PSOE e o PP de levar a cabo unha "moción de censura encuberta ao impoñer ao goberno local un orzamento que non é o que el quería". O rexedor foi máis aló e asegurou que o voceiro municipal dos socialistas, José Manuel Dapena, lle admitira en privado que "non podía traizoar o seu pacto co PP", un acordo que este nega tras negarse a rebater as acusacións e rexeitar comentar conversas privadas. 

Ademais, a voceira do BNG, Avia Veira, abandonouu pleno antes da votación ao non conseguir, como solicitou, que se retirase o punto da orde de día da votación sobre o orzamento. Advertiu que non se podía votar sen ter os informes técnicos sobre varias emendas presentadas tan só minutos antes do devandito pleno por parte do PSOE e do PP, nunha acción que desde o grupo de goberno consideraron un "pacto" de última hora entre socialistas e populares. A edil nacionalista considerou "esperpéntico" que se votase finalmente o documento e "irresponsábel e temerario que se debatan, voten e aproben documentos que nin foron avaliados polos servizos e que os propios técnicos municipais non tiveron tempo de informar”.

Ferreiro revelou que Dapena lle advertira que non podía "traizoar o pacto co PP" e o voceiro socialista di que só foi unha "coincidencia"

Dapena, pola súa banda, asegurou que fora unha simple "coincidencia" que ambos os dous grupos -PP e PSOE- apoiaran as emendas dun e doutro. Non o cre así o alcalde que, visiblemente enoxado, que antes da votación definitiva lanzou un órdago aos socialistas para que tivesen "a última oportunidade de salvarse" e anunciou que o grupo da Marea votaría a favor das súas emendas se estes rexeitaban as dos populares. Pero non foi así. Antes, instou a ambos partidos a poñerse de acordo para presentar unha moción de censura e gobernar a cidade en coalición

Ao final, o pleno votou a favor, co apoio de PP e PSOE, dunha emenda dos populares que supón un cambio nas bases de execución do orzamento e a limitación da capacidade do alcalde para transferir fondos entre distintas partidas sen pasar polo pleno, ademais de investimentos en instalacións deportivas e o reestablecemento dos convenios con todas as entidades que os recibiran en 2014. O grupo popular, ao pouco, apoiou outra para redistribuír o gasto por parte dos socialistas, coa que se dan de baixa partidas de máis de 3 millóns de euros para destinalas a outros obxectivos e completa partidas de case 5 millóns especificando a que se destinarán. A da Marea aprobada e apoiada polo PSOE prevé que os fondos que sobren derivados dos cambios polas emendas se destinan a servizos sociais.

"Imos redobrar esforzos; non nos van roubar nin as ganas, nin a ilusión, nin a forza coa que chegamos aquí o primeiro día", di Ferreiro

O alcalde Ferreiro asegurou que é mellor ter unhas contas aprobadas que continuar con elas prorrogadas, pero non agochou que a situación "vai ser moi complicada" pola cantidade de emendas que o executivo tivo que aceptar. "Se o interese de PP e PSOE é que o Concello non funcione e este goberno fracase, deron o paso correcto. Pero non vai suceder, non o van conseguir", dixo. "Imos redobrar os esforzos; non nos van roubar nin as ganas, nin a ilusión, nin a forza coa que chegamos aquí o primeiro día", engadiu. 

 

"Prefiren un acordo exprés co PP"

Ferreiro lamentou que o grupo socialista preferise “chegar a un acordo exprés co PP que busca bloquear a acción de Goberno”, antes que actuar “en función dos intereses da cidadanía”. Ademais, lembrou a todos os grupos da oposición a necesidade e a obriga “de traballar sen intereses alleos á cidadanía e sen intereses partidistas”. “Non podemos ensimismarnos e confundir a vida interna dos partidos coa real, non podemos poñer por diante o orgullo ferido. Cando poñemos en primeiro termo as preocupacións da cidadanía entón sumamos. Se non o facemos, nunca sumaremos, nin aquí na Coruña, nin en Galicia, nin no Estado”, advertiu.

Segundo aclarou Ferreiro, a introdución de emendas tras o voto conxunto de PP e PSOE pretende "desgastar o grupo de goberno sen importarlles se para iso levan por diante a cidade". Ademais, lamentou a situación na que queda o orzamento do executivo local. “Terán que dicir, e facerse responsables, de como van quedar agora as áreas transversais de goberno, de que pasa coa Concellería de Participación, como queda a área de Rexeneración Urbana, do IMCE, e de que como pretenden que se leven a cabo as festas co orzamento que nos deixan, ou como se vai dar cumprimento a un acordo, por certo da súa etapa de goberno, que é a regata dos grandes veleiros”, rematou. 

Durante o tenso pleno, o PSOE acusou a Ferreiro e ao goberno local de "prepotencia e sectarismo", mentres que a voceira do PP, Rosa Gallego, asegurou que mantiñan unha situación "caótica". 

O alcalde Xulio Ferreiro, antes de entrar no pleno © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.