O pleno de Ourense pide a dimisión de Baltar, que di ter "ducias" de apoios doutros partidos

Baltar e outros cargos, no inicio de campaña do PP de Ourense © PP Ourense

O pleno da única cidade galega gobernada polo PP esixe tamén a dimisión de José Manuel Baltar. A minoría coa que os populares gobernan o Concello de Ourense permitiulles aos grupos da oposición municipal, PSdeG, Democracia Ourensana e Ourense en Común, sacar adiante unha moción conxunta para reclamar formalmente a destitución do presidente da Deputación por mor da denuncia da muller que o acusa de ofrecerlle un posto de traballo na institución provincial a cambio de sexo, caso que vén de ser arquivado pola Fiscalía ourensá pero que continúa a ser investigado nun xulgado da capital da provincia.

Alén da vertente xudicial os grupos da oposición ourensá poñen o acento nas responsabilidades políticas de Baltar e no "grave dano" que este asunto "está causando á cidade e a toda a provincia", en verbas da concelleira socialista Juana Ageitos, a cuxo xuízo o barón conservador non ten máis opción que "dar un paso atrás". "Reprobar comportamentos" coma este, "incompatibles coa ética política", é para a socialista unha "obriga" das institucións públicas que, ao seu xuízo, tamén debera asumir o alcalde da cidade, Jesús Vázquez.

A oposición ourensá subliña que, alén do proceso xudicial, a denuncia é "incompatible" coa actividade política

A lectura da transcrición das gravacións publicadas por eldiario.es, nas que Baltar se gaba de poder modificar o resultado dun proceso selectivo da Deputación, serviron pola banda de Democracia Ourensana para ilustrar unha denuncia que, para a voceira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, bate de cheo con "outros postulados" do PP, como as súa condena da violencia machista. Durante a intervención de Piñeiro produciuse tamén o momento máis tenso da sesión, ao se referir ao patriarca do clan Baltar como "delicuente", termo que o alcalde obrigou a retirar malia estar referido á condena por prevaricación continuada da que José Luis Baltar foi obxecto en 2014.

Baltar di ter "ducias" de apoios en PSdeG e BNG

Ante a aprobación desta moción José Manuel Baltar mantivo a liña das últimas semanas, cinguindo a denuncia a unha "cuestión persoal" e anunciando que tomará "medidas" legais "con total contundencia", pero cunha innovación. Na liña dun comunicado difundido o pasado xoves polo PP de Ourense, o dirixente do PP asegura que xa recibiu "ducias e ducias" de mensaxes de apoio de membros de PSdeG e BNG que, asegura, están "indignados" cos seus partidos por esixirlle responsabilidades a este respecto. Baltar, que non identifica os autores dos apoios dos que se gaba -"por seguridade política deles, di-, afirma que hai "moitos cargos" socialistas e nacionalistas que están "indignados" pola "actitude impresentable" dos seus partidos neste caso.

NÓS pedirá a destitución do barón popular este sábado en Esgos

Tras a petición de dimisión no Concello de Ourense o caso chegará tamén ao consistorio de Esgos, localidade na que Baltar é concelleiro. Alí a cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega por Ourense, Noa Presas, e mais a deputada do BNG Tereixa Paz rexistrarán este sábado unha moción para esixir a dimisión de Baltar como edil ante o que consideran un caso de "acoso sexual" incompatible, afirman, coa permanencia do popular nas institucións públicas.

Baltar e outros cargos, no inicio de campaña do PP de Ourense © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.