O PP acumula xa varias denuncias por presunta manipulación do voto por correo

Baltar, cos seus candidatos e outros cargos do PP, en Celanova © PP Ourense

A Xunta Electoral ten traballo en Ourense. As denuncias por intentos de manipulación de voto ou presións a anciáns na provincia acumúlanse nos últimos días. E xa hai un expediente sancionador aberto, o que teñen dúas candidatas do PP de Amoeiro logo de que o PSdeG da localidade denunciase a través de vídeos as prácticas irregulares con persoas da terceira idade e impedidas nunha residencia.

O PP responde á denuncia en Amoeiro cunha querela criminal contra o alcalde que advertiu da manipulación do voto

O expediente abriuse por "tentativa de manipulación do voto" nunha residencia de anciáns e por "presións" cara a outra persoa maior que recibe asistencia domiciliaria. E o PP reaccionou anunciando unha "querela criminal" contra o candidato socialista e alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino, "por obstrución á xustiza e simulación de delito". Ademais, tamén presentará unha demanda contra a directora da residencia de maiores que aparece no vídeo difundido polo PSOE e asegura que xa se "retractou" dalgunha das súas acusacións. 

Pero esta non foi a única denuncia nin parece que será a última coa que se atope a Xunta Electoral na provincia de Ourense. O candidato da Agrupación de Electores de Sandiás, Felipe Traveso, tamén presentou unha denuncia no xulgado de Xinzo contra a alcaldesa, Concepción Méndez (PP) por presunto delito electoral cometido coa colaboración de empregados do Concello. Segundo a demanda, teríase amedrentado os veciños, obrigándoos a solicitar o voto por correo para despois introducir eles mesmos a papeleta.

A alcaldesa de Sandiás tamén foi denunciada por un presunto delito electoral ao presionar os veciños para que solicitasen o voto por correo

É o voto por correo o que máis polémica está creando. En Vilardevós, o PSdeG tamén presentou unha denuncia contra unha candidata do PP no Concello, María Aurora Pérez, por -presuntamente- terse apropiado da documentación entregada por un carteiro na casa sun veciño dunha parroquia que xa solicitara este tipo de opción para votar. 

Os socialistas falan mesmo de "persecución" aos carteiros da zona e explican que, neste caso, a candidata número 7 do PP en Vilardevós entrou na casa deste veciño que solicitara o voto por correo para e "substraeu o sobre que contiña a documentación para cubrir o voto". Foi o propio implicado o que denunciou o caso á auxiliar de Axuda no Fogar que lle presta servizo na casa para que chamase á candidata popular e lle devolvese a documentación. 

Os socialistas denuncian que unha candidata do PP substraeu o voto por correo dun ancián na súa propia casa

O PSdeG teme que esta situación se estea a producir noutras moitos lugares onde o PP exerce un "férreo" control sobre os veciños e pide á Fiscalía e á xustiza que actúen. Así, a candidata socialista en Xinzo, Elvira Lama, advirte tamén do elevado número de votos por correo solicitados no concello, moito maior ao doutros anos, e alerta da manipulación que permite esta modalidade no caso de persoas anciáns, impedidas e que apenas poden saír da casa. 

Feijóo e Baltar Blanco, no último congreso do PP de Ourense CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.