O PP afánase en vender "normalidade" en Compostela

Tomas de posesión de Conde Roa e Ángel Currás © Concello de Santiago

O vindeiro 1 de xullo faranse tres anos da toma de posesión de Gerardo Conde Roa como alcalde de Santiago. Na contorna deses días, segundo os cálculos que manexa o consistorio compostelán, será cando se celebre outra toma de posesión, a terceira no que vai de mandato, para que quen substituíra a Conde Roa en abril de 2012 lle pase o bastón de mando ao actual conselleiro de Infraestruturas e número tres do Goberno galego, Agustín Hernández, número 25 da lista que encabezaba o primeiro alcalde que se viu forzado a abandonar o posto no que vai de mandato. Trátase dunha situación inédita na, ata 2011, apacible vida municipal da capital. Non obstante, unha vez consumado o desaloxo de Ángel Currás da Alcaldía, o PP afánase en apelar á "normalidade" para referirse ao que acontece nunha cidade de Santiago aínda estupefacta.

O primeiro en apelar á normalidade é o propio Hernández. O aínda conselleiro e deputado por Pontevedra explicou este martes nos corredores do Parlamento que o seu "único obxectivo" é que Santiago recupere esa "normalidade que nunca debeu perder" e que "a xente está demandando". Poucas semanas despois de afirmar, en declaracións á Cadena SER, que na súa "cabeza" non estaba mergullarse na "política local", agora afirma que "cando me ofreceron pechar a lista" simbolicamente en 2011 "eu tiña claro que tiña que demostrar o meu compromiso coa idade" e agora, neste "complicadísimo" momento, é "cando se demostra o agarimo e, se mo permiten, o amor a unha cidade".

O Concello calcula que o novo alcalde tomará posesión arredor do 1 de xullo, tres anos despois da de Conde Roa

Mentres Hernández prepara o seu desembarco no consistorio quen o colocou nel, o seu xefe de filas, xa dá pistas de por onde pretende que vaia o futuro, isto é, o cartel electoral do PP compostelán. Nun ton máis propio do día seguinte ao dunha vitoria de eleccións municipais Feijóo saúda a apertura "dunha nova etapa longa" no Concello comandada por un "santiagués de hai moitos anos [Hernández naceu en Madrid]-, quen permitirá "un goberno estable para este último cuarto de lexislatura" e tamén "para a próxima lexislatura municipal", en referencia ao vindeiro mandato 2015-2019 -os concellos non elaboran leis-.

Comparecencia sobre "residuos urbanos"

Os acontecementos precipitados dende a sede do PP galego provocaron que, poucas horas despois de coñecerse a operación, Agustín Hernández tivese que comparecer no pleno do Parlamento sobre "xestión dos residuos urbanos", unha materia que lle deixou en bandexa as chanzas á oposición. As casualidades "cárgaas o demo", ironizou dende a tribuna a nacionalista Ana Pontón, para quen o título da comparecencia tornou este martes nunha "triste metáfora" da "insultante, noxenta e esperpéntica situación á que o PP está sometendo a cidade de Santiago". "Non o felicitamos porque acreditamos na democracia e non na dedocracia", ilustra Pontón, que atribúe a Feijóo e ao propio Hernández "responsabilidade directa" no acontecido co goberno local compostelán dende 2011. "O PP, coa súa dirección, amparou a corrupción en Compostela", resume.

A oposición censura a "esperpéntica" e "disparatada" situación que o PP provocou en Santiago e Hernández asegura estar "sorprendido" coas críticas

"Como estamos falando de residuos", continuou dende AGE Antón Sánchez, o de Compostela sería "dos poucos casos nos que non estábamos a favor da reciclaxe", senón que "éramos máis partidarios da incineración, en sentido figurado", porque "á incineración só se recorre cando non hai nada de valor para reciclar". A xuízo de Alternativa "o que está facendo en Santiago" o PP non é "máis que defender intereses electoralistas, nunca tiveron en mente os intereses xerais". Na mesma liña, en declaración á prensa o voceiro da coalición, Xosé Manuel Beiras, considerou o acontecido unha "violación da máis elemental ética" cun "dedazo ao máis puro estilo franquista" para empregar a Hernández "como reclamo electoral" para 2015.

Hernández: "Critican unha saída que era a que estaban a pedir, é sorprendente"

Pola banda do PSdeG o seu voceiro, José Luis Méndez Romeu, preferiu limitarse a "desexarlle éxito" a Hernández "polo ben dos cidadáns" mentres que o secretario xeral do partido, José Ramón Gómez Besteiro, dirixiuse de novo a Feijóo para instalo a que "cese canto antes" o "verdadeiro disparate no que el e o seu partido introduciron o Concello de Santiago". Os conservadores, reprocha, deron en "sumir a capital de Galicia na que, probablemente, sexa a crise institucional máis grave que se recorda nun concello en democracia despois de Marbella.

Mentres, Hernández confésase sorprendido polas críticas. Cando "os que estábamos nos postos 24 ou 25" da lista electoral -o PP ten 13 edís en Santiago- "decidimos que tiñamos unha obriga para algo e acreditamos o noso compromiso parece que non lles gusta". Ao seu xuízo, as demais formacións están a "criticar unha saída que era a que estaban a pedir, é sorprendente".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.