O PP alerta en Lalín de que poida pasarlles en Galicia o mesmo que hai un ano no seu feudo

Feijóo á súa chegada ao mitin de Lalín Dominio Público PP de Galicia

“Non nos pode pasar en Galicia como nos pasou en Lalín hai ano e medio”. A alerta lanzouna este domingo no auditorio municipal quen foi rexedor da vila polo PP desde 1990 ata hai un ano, José Crespo. O que pasou non o dixo, pero foi que perdeu a alcaldía a mans dun cuatripartito encabezado por Rafael Cuíña, fillo do seu antecesor na alcaldía e conselleiro de Fraga Xosé Cuíña, desencantado cos populares.

“Se xa non nos gustou un goberno dividido entre dous, como nos vai gustar dividido entre catro?”, di Feijóo, na que fora vila-símbolo do PP, en mans agora dun cuatripartito encabezado por Rafael Cuíña (CxG)

“Se xa non nos gustou un goberno dividido entre dous, o Bloque e o PSOE, como nos vai gustar un goberno dividido entre catro?”, dixo Feijóo algo despois de Crespo, nun discurso que centrou no medo aos gobernos de coalición e no chamamento á mobilización dos seus. Na capital do Deza, sobre a primeira cuestión Feijóo lembrou que, ao contrario da “maioría absoluta de Agolada e Rodeiro”, en Lalín Crespo “non é alcalde por 180 votos”, os que permitiron conformar un goberno alternativo ao Compromiso por Galicia (CxG) de Cuíña, PSdeG, BNG e independentes. “Pídovos que isto non volva ocorrer en Galicia”, pediu Feijóo.

Tanto cambiaron as cousas en Lalín desde que era considerada a vila-símbolo do fraguismo que o seu agora alcalde, principal cargo público de Compromiso, acompañou a visita de campaña que o pasado mércores realizaron a unha cooperativa da vila o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e o candidato do PSdeG á Xunta, o seu “amigo”, como o cualificou, Xoaquín Fernández Leiceaga.

Feijóo instou á participación, pero Crespo lamentou que fixara as eleccións o día da festa grande de Lalín

Sobre a segunda das cuestións nas que Feijóo centrou o seu discurso, a da mobilización dos seus, o candidato insistiu en restar valor ás enquisas coñecidas este domingo, que coinciden en darlle a maioría absoluta, e salientou que “non hai un só voto na urna”. “Falemos votando”, pediu, xa que “só se vota un día e vale para catro anos”.

Porén, o propio voceiro local do PP xa lle deixara ver unha tacha que podería minguar a participación na súa vila o próximo domingo: “Puxeches para a votación o día da Virxe das Dores, a festa grande de Lalín”, lamentouse Crespo.

Rafael Cuiña, alcalde de Lalín de Compromiso por Galicia, acompañando unha visita electoral de Sánchez e Leiceaga a unha cooperativa Dominio Público Facebook de Rafael Cuiña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.