O Goberno central sacou adiante este xoves co único apoio do grupo Popular a lei de Seguridade Cidadá, cuxo contido foi rexeitado por todos os grupos da oposición que se comprometeron a derrogala na próxima lexislatura se contan coa maioría suficiente para facelo. O debate estivo salpicado por varios incidentes. Entre eles, a insperada intervención da Solfónica do 15M que desde a tribuna de convidados comezou a entoar a canción do Pobo, do musical Os Miserables -que fala das liberdades cidadás- ante a mirada sorprendida de Posada. O presidente do Congreso ordenou a súa expulsión inmediata da tribuna.
O Goberno aprobou en solitario a 'lei mordaza' sen apoio ningún e co compromiso de toda a oposición de derrogala na vindeira lexislatura
Pero ese non foi o único altercado. Xusto cando iniciaba a súa intervención do portavoz da Izquierda Plural, Ricardo Sixto, os deputados deste grupo protestaron desde os seus escanos, posto en pé, coa boca tapada por mordazas e as mans ás costas. O presidente do Congreso pediulles que as quitasen porque na Cámara - dixo- o que hai que facer "é falar". O grupo de Cayo Lara mantivo a súa protesta. Só despois dunha segunda chamada á orde, e antes dunha terceira que supuxese a súa expulsión do pleno, os deputados quitáronse as mordazas e volveron sentar nos seus escanos.
Ao longo do debate, todos os portavoces da oposición manifestaron o seu rexeitamento ao texto que xa bautizaron como "a lei mordaza", cuxo ditame foi aprobado o 25 de novembro na Comisión de Interior do Congreso.
A modificación da lei de Estranxeiría para dar cobertura ás devolucións en quente foi un dos aspectos máis criticados
Un dos aspectos máis criticados durante o debate foi a decisión do Goberno de modificar a lei de Estranxeiría a través da lei de Seguridade Cidadá para dar cobertura legal ás "devolucións en quente" de inmigrantes que pasen a territorio español. Unha decisión que só foi defendida polo portavoz do PP Conrado Escobar.
Os argumentos que utilizaron os portavoces da maioría dos grupos da oposición para rexeitar case na súa integridade a lei foron moi similares. Pero fundamentalemente centráronse en que é unha reforma "innecesaria" que "cerna as liberdades cidadás" e que significa o regreso ao antigo Tribunal de Orde Pública (TOP) franquista. Por estes motivos, todos os grupos da Cámara comprometéronse nas súas intervencións a derrogar a lei na próxima lexislatura se logran unha maioría de votos para iso.
O portavoz do PSOE, Antonio Trevín, alertou que coa lei o que pretende o Goberno é recortar os dereitos "normais" de manifestación "convertendo ao cidadán crítico en inimigo da sociedade". Trevín recomendou a Rajoy que se o que quere é "acabar coas protestas" o que ten que facer é "rectificar as súas medidas de recortes sociais".
A oposición denuncia unha reforma "innecesaria" que "recorta as liberdades cidadás"
O socialista prometeu ao ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, que seguiu o debate só desde o banco azul, que se retiran a lei "non faremos sangue coa súa decisión" e colaborarán nunha nova reforma.
Ricardo Sixto, da Izquerda Plural, centrouse en denunciar que con esta lei o Goberno o único que pretende é "resucitar o Tribunal de Orden Público franquista, de 1959, o chamado TOP, e con el, o regreso dos "grises", a polícía daquela. Sixto saíu en defensa dos seus compañeiros de escanos pola protesta que fixeron amordazados porque se trataba de "manifestar gráficamente o que vostedes van impor ao pobo", díxolles ao os deputados do PP
Feliu-Joan Guillaumes, portavoz de CiU, acusou o Goberno de comportarse de forma "totalitaria", co cal calquera argumento que queira esgrimir "perde a razón". Os nacionalistas cataláns son os únicos que non quixeron comprometerse á futura derrogación da lei, pero si a cambiala "de arriba a abaixo profundamente".
En nome de UPyD, Toni Cantó falou de "corrupción xeneralizada". "Son vostedes os que están baixo sospeita", non os cidadáns, que están a demostrar unha "paciencia e madurez extraordinarias". Polo PNV, Emilio Olabarría asegurou que as declaracións do ministro do Interior convidando aos que critican as devolucións de inmigrantes na fronteira a acollelos na súa casa, demostran "certa derrota política" e en todo caso ignoran o ordenamento xurídico español e internacional.
O portavoz do PP, Conrado Escobar, defendeu con énfáse a lei e afeou aos grupos da esquerda "os numeriños que montaron" como sinal de protesta como o de taparse a boca con mordazas.
O PP considera a lei "vangardista en materia de dereitos e liberdades" e cre que permitirá "manifestacións máis libres"
Dirixíndose aos deputados do PSOE e IU, Escobar recomendoulles "non gritar e debater" porque "iso é o que debe facerse en democracia". O conservador rexeitou as críticas xeneralizadas á lei que cualificou de "vangardista en materia de dereitos e liberdades" asegurando que cando entre en vigor "as manifestacións serán máis libres porque estarán protexidas dos violentos". Tamén afirmou que, lonxe de limitar dereitos, mellora a lei vixente aprobada polo PSOE sendo ministro José Luís Corcuera, que foi denominada "lei da patada na porta". Aquel artigo foi declarado inconstitucional e custoulle o cargo ao ministro socialista.
O BNG critica o "estado de excepción" que instaura o Goberno
A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu á tribuna a deixar claro a rotunda e total oposición do BNG á lei. Así, acusou o Goberno de facer unha lei “chea de restricións, limitacións e prohibicións para o libre exercicio das liberdades cidadás fundamentais”. A deputada nacionalista afirmou que “esta lei non é necesaria, non só porque o Estado español estea entre os países da UE coa taxa máis baixa de delincuencia senón tamén porque existe un baixísimo nivel de incidentes nas numerosas mobilizacións na rúa”.
"O Goberno institucionaliza a represión e o recorte das xa mermadas liberdades da cidadanía", di o BNG
A parlamentaria acusou o Goberno de se rexer “por principios antidemocráticos ao institucionalizar a represión e recortar aínda máis as xa mermadas liberdades da cidadanía co propósito de disuadila e atemorizala”. Puxo de manifesto que “é unha norma que nos leva a un estado policial onde o obxectivo é silenciar e amordazar toda crítica, protesta ou mobilización social”.
Tanpouco aforrou críticas Rosana Pérez ao rodillo do PP que no trámite desta lei tan cuestionada non foi quen de aceptar ningunha das emendas presentadas polo BNG. Así, o Goberno mantén a "desmesurada listaxe de accións que se cualifican como infracións e as elevadas contías das sancións". Rosana Pérez explicou que manteñen a substitución da infración penal pola administrativa, “e polo tanto, a posibilidade de actuar de xeito imediato e contundente á marxe de garantías xurisdicionais, actuando con total discrecionalidade”.
Criticou asemade que se manteñan intactas moitas función que se lle otorguen ás forzas e corpos de seguridade do Estado, que “xa actúan en moitos casos desproporcionadamente”. Defendeu Rosana Pérez a reformar a lei de 1992, a “da patada na porta”, pero na dirección contraria porque esta supón “unha involución intolerábel dos dereitos fundamentais e nos leva a momentos históricos de permanente vixianza e control”.
O Bloque advirte ao Executvio que as protestas sociais irán en aumento "mentres sigan gobernando contra a maioría"
A deputada do BNG relacionou o incremento das mobilizacións sociais ás políticas do PP que “converteron este Estado no campión da desigualdade e do aumento da probeza”. Advertiu ao Goberno que as protestas sociais irán en aumento na medida na que “vostedes continúen gobernando contra a maioría” e censurou o Executivo por querer instaurar “un estado de excepción”. Ademais, advertiu de que “por moito que intenten criminalizar as mobilizacións, ou tratar de impedilas, non poderán impedir que a cidadanía se manifeste libremente nas urnas”.