O mércores Feijóo, no seu discurso no debate de política xeral, rexeitou que coubesen “equidistancias” na postura a manter desde Galicia no conflito catalán, que el mesmo introduciu como gran protagonista da sesión que este venres chegou á súa fin na Cámara galega. “Ou se avala, ou se condena”, dixo o presidente sobre as propostas de respaldo ao discurso do rei e á Policía e á Garda Civil que anunciou que presentaría o seu grupo. Porén, os populares acabaron matizando esas propostas a petición do PSdeG, que este venres, a dous días das súas primarias, as apoiou de xeito unánime.
Malia rexeitar Feijóo o mércores “equidistancias”, os populares matizan as súas proposicións e “lamentan os episodios que alteraron a pacífica convivencia”
Unha das propostas de resolución sobre Catalunya que presentaba o PP amosaba o seu apoio ao discurso do rei e “o cumprimento da orde constitucional, o normal funcionamento das institucións, e a vixencia do Estado de Dereito e o autogoberno de Cataluña baseado na Constitución e no seu Estatuto”. Porén, os socialistas negociaron que os populares incorporasen a continuación o matiz de que ese Estado de Dereito e autogoberno “ofrece as vías constitucionais para que calquera persoa poida defender as súas ideas dentro do respecto á lei, nun espazo de concordia e de encontro con todos”. Do mesmo xeito, a outra proposta popular amosaba o seu apoio á Policía Nacional e a Garda Civil, pero os socialistas conseguiron que aceptasen unha frase introdutoria na que o Parlamento “lamenta os episodios que alteraron a pacífica convivencia o 1 de outubro en Cataluña”.
Esas dúas propostas foron apoiadas por un total de 55 deputados dos 75 da Cámara galega, os que suman os 41 do PP e os 14 do PSdeG. Na bancada socialista, as propostas foron respaldadas pola totalidade do grupo a dous días das primarias que o domingo enfrontarán ao deputado Juan Díaz Villoslada con Gonzalo Caballero, cuxo número dous, tras a súa integración esta mesma semana, é o portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga. Os dous, Villoslada e Leiceaga, votaron o mesmo.
Outras propostas
As 40 propostas aprobadas foron só as presentadas polo PP e só 5 delas negociadas, a cifra máis baixa dos últimos debates
O debate de política xeral, no que cada un dos catro grupos presentou o máximo de 40 proposicións por grupo que estaban permitidas, rematou coa aprobación de só 40 delas, as presentadas polo PP, das que só cinco foron negociadas con outros grupos. A cifra de resolucións aprobadas é a máis baixa dos últimos debates de política xeral.
Desas 40 proposicións aprobadas, 22 fórono co único voto favorable dos propios populares. Só cinco foron aprobadas despois de que o PP aceptase algún tipo de negociación con algún outro grupo, as dúas anteditas sobre o conflito catalán co PSdeG e outras tres: unha co BNG e En Marea para non discriminar ás mulleres nas competicións deportivas apoiadas pola Xunta, outra co PSdeG para avanzar na eliminación de símbolos franquistas, e outra co BNG para mellorar a seguridade nas estradas máis perigosas. Foron precisamente as propostas sobre a sinistralidade viaria e a discriminación das mulleres no deporte as dúas únicas das 160 votadas que obtiveron o apoio unánime de todo o Parlamento galego. O resultado maioritario desas 160 votacións, rexistrado en 85 delas, foi o do rexeitamento do PP a propostas dalgún grupo da oposición apoiadas polos outros dous.
O grupo de En Marea dividiuse ao votar unha proposta do BNG sobre Catalunya
Por outra banda, o grupo de En Marea dividiuse á hora de votar unha proposta do BNG, finalmente rexeitada, que pedía respectar “o dereito de autodeterminación” de Catalunya e o resultado do "referendo convocado ao efecto". Mentres a maioría do grupo de 14 deputados votou a favor, catro deles abstivéronse (os membros de Podemos Carmen Santos, Juan Merlo e Magdalena Barahona e a de Esquerda Unida Eva Solla) por considerar que a consulta realizada non tivo garantías. É a primeira vez que se divide o grupo nunha votación.
Boa parte das 40 propostas aprobadas recollen as promesas avanzadas por Feijóo o mércores como a ampliación da Tarxeta Benvida e o permiso de maternidade para os funcionarios, o incremento dos dependentes atendidos, o reforzo da FP, unha oferta pública de emprego de 14.000 prazas no que queda de lexislatura ou rebaixas de impostos nos ámbitos agrícola, forestal ou inmobiliario nos cascos histórico e espazos industriais.
En xeral, a oposición criticou o afastamento da realidade do goberno galego e atribuíulle un intento de atemorizar á cidadanía ante outras propostas distintas ás súas. Polo PP o seu secretario xeral, Miguel Tellado, recolleu a luva e asegurou que os galegos teñen medo a que poida gobernar alguén distinto do PP. Desde En Marea, e sobre o conflito catalán, Antón Sánchez rexeitou “ningunha lección de democracia” por parte do rei e o PP que cualificou como herdeiro do franquismo. Desde o PSdeG, a deputada Patricia Vilán salientou que o PP reclama que nos concellos goberne a lista máis votada xusto a semana en que impulsou unha moción de censura contra o alcalde socialista de Tui na que apoia un novo rexedor que só ten dous concelleiros. Desde o BNG, Olaia Rodil sentenciou: “A que temos non é a única Galiza posíbel”.