O PP censura que o bipartito non "parase" o Gaiás, para o que buscará fondos europeos

Vista do edificio do Arquivo de Galicia CC-BY-SA Merixo

No outono de 2007 o ex presidente Manuel Fraga comparecía ante a comisión de investigación parlamentaria sobre a Cidade da Cultura, impulsada a raíz dun informe do Consello de Contas que inzaba de dúbidas económicas e de xestión a xénese do complexo ideado por Peter Eisenman. O fundador do PP manifestaba que os edificios do compostelán monte Gaiás foran o seu "soño". "E os soños, soños son", parafraseaba, ao tempo que descartaba calquera tipo de conduta escura. Pola mesma comisión pasaba tamén o noutrora omnipotente conselleiro de Cultura, Jesús Pérez Varela. Malia aos seus intentos de conducir a intervención cara ao terreo da emotividade o que fora columnista da prensa máis á dereita durante a Transición defendeu con unllas, dentes e belixerancia o proxecto. A Cidade da Cultura, dicía, fora ideada para simbolizar que Galicia abandonara o seu "atraso secular" e para "consolidar a alfuencia turística". En canto á xestión, simplemente "impecable", zanxaba.

O PP acusa a socialistas e nacionalistas de "alimentar a criatura, cebala e traela ata aquí"

Un lustro despois de que se cuestionase por primeira vez en sede parlamentaria a utilidade e oportunidade do inmenso contedor arquitectónico, iniciado en 1999, o actual titular de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, acudiu este martes á Cámara para presentar o primeiro "plan estratéxico" do complexo ou, o que é o mesmo, o primeiro documento que, cando menos sobre o papel, marca un camiño a seguir nos edificios xa construídos, ao tempo que perpetúa a paralización dos pendentes. Vázquez, como xa fixera no acto de presentación do plan, defendeu a "rendibilidade" e posibilidades do proxecto. Dende o PP o seu voceiro, Agustín Baamonde, decidiu tomar o camiño dialéctico polo que xa optou o pasado outubro, mirando cara ás bancadas da oposición para, en síntese, culpar a PSdeG e BNG de non ter detido a construción do proxecto cando tiveron oportunidade de facelo.

Baamonde "recoméndalle" ao conselleiro "que non tome moito en consideración" as críticas da oposición, xa que incorre en "contradicións" que "fan aflorar o sentimento de culpa". "No Código Penal existe a figura da autoría material e da cooperación necesaria", ilustrou o conservador, para concluír que socialistas e nacionalistas "non teñen o pecado orixinal, pero si o sobrevido de ser cooperadores necesarios por manter ese complexo en funcionamento". "Se parasen o Gaiás cando chegaron ao Goberno non estaríamos agora discutindo nestes termos", evidenciou, para despois abondar en clave de metáfora: "alimentaron a criatura, cebárona e trouxérona ata aquí".

Unha "trapallada" de plan

O conselleiro asegura que o Gaiás será en boa medida financiado con fondos da UE

Tampouco o conselleiro evitou aferrarse ao bipartito, un gabinete que, ao seu xuízo, "fixo o ridículo" neste asunto. Á marxe do tirapuxa partidario Jesús Vázquez debullou unha exposición un chisco máis precisa que a da semana pasada, combinando a descrición dos novos usos dos edificios construídos -un viveiro de empresas culturais no Arquivo e un centro tecnolóxico na área de servizos centrais- con promesas en clave económica. Sen describilo anualmente Vázquez asegura que en 2015 o Goberno galego só terá que achegar 4,5 millóns anuais ao Gaiás, que apenas consumirá "o 0,05%" do Orzamento autonómico, mentres que con PSdeG e BNG o custe se elevaba ao 1%, asegura. "É o momento de comezar a facer rendible o investimento na infraestrutura arquitectónica", di, elevando a Cidade da Cultura a un "ecosistema no que o resultado se mida en rendibilidade económica, empresarial e de emprego", buscando ademais de que "todo o gasto sexa percibido pola sociedade como un investimento, pola magnitude e impacto dos beneficios sociais que produzan". En calquera caso, a conxuntura económica "nos obriga a incorporar outras orixes de fondos" distintas á propia Xunta. E, cales serán? Cartos privados e "sobre todo, os fondos europeos poden ser unha desas novas fontes de financiamento", nomeadamente, o programa operativo FEDER.

Ana Pontón: "Como cando aos estudantes non lles dá tempo ao acabar os traballos, presentan un documento con moita palla e nada de contido"

Pero o optimismo do conselleiro non callou nas filas da oposición, a comezar pola voceira do BNG, Ana Pontón, que accedeu á tribuna co cartafol remitido pola Xunta aos grupos coa documentación do plan. "Isto que nos enviou é realmente todo o plan?", preguntouse retoricamente a nacionalista. "Moitas fotos, moita palabraría", en definitiva, "como cando aos estudantes non lles dá tempo a acabar os traballos a final de curso e presentan un documento con moita palla pero nada de contido". "Non hai un estudo socioeconómico serio, nin sobre a viabilidade económico-financeira, sobre custos, nin proxecto cultural, non hai absolutamente nada", lamenta Pontón, para quen "máis que ante un plan, estamos ante unha trapallada". En canto ás acusacións sobre a autoría do complexo, para a parlamentaria resulta "patético ou lamentable" escoitar "a un representante da Xunta con munición que non nos fai ningún dano". "Non ten nada que defender, porque non hai plan" e por iso Jesús Vázquez "actúa como un hooligan do PP". "Hai que ter pouco sentido da responsabilidade para tentar endosarlle ao BNG e ao PSdeG a responsabilidade sobre a Cidade da Cultura". "Teiman en pensar que os problemas se solucionan con marketing", lamenta pero Galicia, di, precisa "un Goberno e non vendedores de fume".

Como Pontón tamén a voceira socialista, Concepción Burgo, amosou escepticismo a respecto das previsións de ingresos e gastos garantidas polo conselleiro. Así, por exemplo, Burgo afirma que "o único que conseguiu diñeiro privado para o Gaiás foi o presidente Touriño, 12 millóns". Á marxe disto, a deputada do PSdeG pregúntase "como pode demostrar" a Xunta que "en 2015 vai conseguir 900.000 euros por entradas" ou "450.000 por patrocinios", máis aínda "cando en tres anos conseguiu cero". "É mentira que o financiamento público vaian ser 4,5 millóns", asegura. Apoiándose no propio documento da Xunta mantén que, "como mínimo, son 6" os millóns que serán gastados, aos que cómpre tamén sumar os alugueres dos organismos da Xunta, como a Amtega ou a Agadic, que serán trasladados ao Gaiás. "Di que todo está seguro porque se vai pagar con fondos europeos; ten unha bóla de cristal?", cuestiona.

Vázquez, na tribuna do Parlamento © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.