"O PP conseguiu unha maioría de maneira lexítima pero está exercéndoa de maneira ilexítima"

Joan Coscubiela © ICV

Joan Coscubiela, voceiro de ICV no Congreso, estivo na Coruña para participar no encontro Alternativas para defensa do ben común, organizado polo Espazo Ecosocialista. Tense convertido nos últimos meses nun dos deputados máis activos en contra das politicas de recorte do Goberno de Mariano Rajoy. O 25 de novembro Catalunya celebra unhas eleccións nas que ICV defenderá o dereito a decidir do pobo catalán pero tamén un modelo social radicalmente distinto ao defendido por Artur Mas. Salienta que "por moito que PP e CiU o intentaron, non conseguiron desmobilizar e neutralizar a cidadanía crítica".

Como ves dende Catalunya e dende o Congreso as eleccións galegas?

É unha oportunidade para o pobo galego de xulgar o seu Goberno. Pero tamén é unha oportunidade para rexeitar as políticas de Rajoy. Nós apoiamos a proposta de Alternativa a través do Espazo Ecosocialista e queremos contribuír a que haxa un cambio político en Galicia. En todos os países de Europa estanse producindo procesos simultáneos: as dificultades da política para ser unha ferramenta útil á sociedade máis alá de servir ao poder económico están facendo que nazan esforzos para recompoñer as alternativas.

Alternativa reivindicou e chamou a constituír a Syriza galega, algo que dende Catalunya tamén se vén demandando dende hai meses. É o camiño neste momento?

Son pouco mitómano en relación a esa tendencia de importar ideas doutros lugares. Syriza nace en Grecia en virtude dun contexto moi determinado. O proxecto de AGE visto dende Catalunya supón un intento de construír algo no que levamos traballando moitos anos: un espazo de esquerda nacional que se configura de maneira moi aberta, porque as alternativas de esquerda nos nosos países ou son abertas ou non poden ser. Entre outras cousas, porque hai que coordinar o eixo esquerda-dereita co eixo nacional. Porque nun partido de esquerda do século XXI a compoñente ecoloxista e de sustentabilidade ten que ser moi importante. E iso non estaba presente na esquerda do século XX.

"Unha das cousas máis positivas deste último período é que por moito que PP e CiU o intentaron non conseguiron desmobilizar e neutralizar a cidadanía crítica"

Eses procesos de converxencia chegan tamén aos movementos sociais e ao mundo sindical. Tamén deben selo no camiño a unha folga xeral?

Unha das cousas máis positivas deste último período é que por moito que PP e CiU o intentaron non conseguiron desmobilizar e neutralizar a cidadanía crítica. A xente estase mobilizando porque é consciente de que a crise se está pagando de maneira moi desigual. E nese proceso os sindicatos son clave. Porque teñen unha gran representación nos centros de traballo e porque manteñen unha gran lexitimidade. Que o Cumio Social estea centrando as súas reivindicacións ao redor da demanda de que haxa un referendo para validar a política de recortes é moi importante porque está poñendo o foco na reivindicación dunha maior democracia. O PP ten unha maioría que conseguiu de maneira lexítima pero que está exercendo de maneira ilexítima porque está incumprindo todo o que prometeu. Mentiron nas xerais, mentiron nas andaluzas e están mentindo de novo nas eleccións galegas, vascas e catalás: eles teñen previsto reducir o poder adquisitivo das pensións e non o din.

"A política económica de CiU non é que fose tan mala coma a do PP é que en moitos momentos foi o seu buque rompexeos"

Que vai pasar en Catalunya o 25N?

Non sei que vai pasar. O que queremos é que o debate das eleccións non sexa un plebiscito, que non xire ao redor do referendo aínda que nós queremos que haxa referendo. O que se está facendo é elixir unha maioría parlamentaria e nós faremos todo o posible para o debate social estea presente. A política económica de CiU non é que fose tan mala coma a do PP é que en moitos momentos foi o seu buque rompexeos, o que ía poñendo en marcha as políticas de recorte. E no Congreso foi o grande apoio do PP e votou con el 17 dos 27 decretos e a maior parte das leis importantes, dende a reforma laboral até a lei de estabilidade orzamentaria. O que non pode pasar é que se pense que se vota o dereito a decidir e que CiU use eses votos para manter a súa política.

CiU utiliza o soberanismo para ocultar as súas politicas?

A realidade de Catalunya é moi complexa, é a combinación de moitos factores distintos. Primeiro hai máis desigualdade social e a administración está en quebra e non só polo desequilibrio fiscal con España -que tamén- senón porque a dereita baleirou o sistema fiscal e acabou co imposto de sucesións ou de patrimonio. E CiU é quen impulsou con máis forza as Sicav. E despois hai un esgotamento do modelo autonómico. Despois do intento de reforma do Estatut, a mesquindade do PP, a covardía do PSOE e a intervención do TC abortaron esa posibilidade. CiU aproveitou todo isto. O que é importante é que os cataláns aposten polo dereito a decidir en termos nacionais pero tamén en termos sociai,s porque non abonda con decidir que queremos marchar de España, senón que temos que decidir que modelo de sociedade queremos.

"Europa vai constatar que grao de cohesión ten ese proxecto en Catalunya e en función diso tomará decisións dentro do marco institucional europeo, que ten demostrado ser moi flexible"

E que pasará de alí en adiante? Aceptará España un referendo e o seu resultado?

O que debería pasar nunha sociedade madura e responsable é o seguinte: como é moi probable que as forzas que defendemos o dereito a decidir teremos unha maioría moi ampla, teremos que chegar a un acordo para facer unha proposta conxunta. A partir dese acordo debería establecerse unha negociación co Goberno español para pactar unha consulta. E Europa vai agardar e ver. Europa vai constatar que grao de cohesión ten ese proxecto en Catalunya e que grao de racionalidade ten, e en función diso tomará decisións dentro do marco institucional europeo, que ten demostrado ser moi flexible.

Joan Coscubiela © ICV

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.