O pasado día 11 o PP de Pontevedra anunciaba, a través dos seus concelleiros César Abal e Rafael Domínguez, a inmediata presentación dunha iniciativa para instar o goberno local, do BNG, a rebaixar o 50% do imposto de actividades económicas (IAE) aproveitando diversas bonificacións que permite a lexislación estatal. "El BNG avasalla a las empresas a través de políticas de afán recaudatorio", acusaban, e por iso nunha moción que será defendida no vindeiro pleno municipal, os conservadores reclamarán o recorte para, entre outras, as empresas que produzan enerxía renovable ou de coxeración, isto é, un retrato robot de ENCE.
A presentación desta iniciativa por parte do PP pontevedrés vén sendo notablemente accidentada. Na súa primeira exposición ante prensa os devanditos edís describiron un clima de "opresión fiscal" promovido polo goberno de Miguel Anxo Fernández Lores quen, afirmaban daquela, lles cobra este gravame a "todos los comercios", obviando, no entanto, que dende hai máis de dez anos o IAE só atinxe ás compañías que facturan máis dun millón de euros ao ano, unhas trescentas no termo municipal de Pontevedra.
O PP tivo que mudar a súa proposta inicial, xa que aseguraba que o IAE atinxe a "todas" as empresas e só beneficia ás que facturan máis dun millón ao ano
Unha vez subsanado o erro e admitido que só hai "300 empresas afectadas por esta tributación", esta semana Abal e Domínguez retomaron a súa moción tanto cara á prensa como na comisión de Economía do Concello. O que agora promoven é que esa rebaixa do 50% se lles aplique, dentro das empresas que pagan o IAE, a aquelas que creen empregos indefinidos, ás que teñan determinada dificultades económicas ou amplíen o negocio. E tamén ás que "produzan enerxía a partir de instalacións para o aproveitamento de enerxías renovables ou sistemas de coxeración", isto é, o que fai ENCE, que produce na súa factoría enerxía a partir de biomasa.
"Semella que o obxectivo é só favorecer a ENCE, di o goberno local
No seu primeiro exame co resto de grupos, a proposta fracasou, xa que ningún a apoiou. BNG, PSOE e Ciudadanos votaron en contra e Marea Pontevedra abstívose. "Semella que o obxectivo é exclusivamente favorecer a ENCE", di o edil de Facenda, Raimundo González. Dende o Concello subliñan que o IAE da pasteira supón uns 200.000 euros anuais para as arcas municipais.
Proposta contraria do PP en 2012
O recorte tributario proposto agora polo PP de Pontevedra contrasta coas posicións do resto de grupos, pero tamén coa que os propios populares matiñan na corporación hai pouco máis de tres anos cando, en novembro de 2012, propuxeron a respecto do IAE e, concretamente para ENCE, xusto o contrario ao que reclaman na actualidad. Isto é, incrementarllo. Tal e como recolleu daquela Pontevedra Viva, o voceiro local do partido, Jacobo Moreira -que segue no cargo tras ser candidato ás eleccións de 2015-, consideraba "sorprendente y contradictorio" que o Concello non cobrase "o máximo" que podía á celulosa en concepto deste imposto.
En 2012 os populares pontevedreses reclamaron subirlle o IAE a ENCE: "Está utilizando un emplazamiento privilegiado y obtiene cuantiosos beneficios", dicía
Nomeadamente, Moreira incluía aquela iniciativa nunha "batería" de reformas fiscais que incluía rebaixas noutros impostos como o IBI ou as taxas de obra. Para "compensar", di, apostaba por incrementar a gravame do IAE do 1,9% ao 3,8% tanto para ENCE como para Elnosa. "Tenemos que gravar a las empresas que están utilizando ese emplazamiento tan privilegiado y que obtienen cuantiosos beneficios en su actividad en este lugar", afirmaba apenas un mes despois de que, nas eleccións autonómicas dese ano, o propio PP incluíse por segunda vez no seu programa o traslado da factoría. Na primavera de 2015, en vésperas das novas municipais, tanto Alberto Núñez Feijóo como o propio Moreira mudaron a súa posición e o pasado xaneiro o Goberno de España en funcións aprobaba a prórroga de ENCE ata 2073.
A Xunta pactou un convenio en 2011 para rebaixarlle un 60% as taxas portuarias á pasteira
Se esta iniciativa chegase a saír adiante -algo que, con toda probabilidade, non acontecerá dada a correlación de forzas do pleno-, esta non sería a primeira baixada de impostos da que se beneficia ENCE. Como revelou Praza.gal, a Xunta pactou en 2011 un convenio á medida coa pasteira que, pola vía dos feitos, lle rebaixou un 60% as taxas que tiña que afrontar no porto de Ribadeo para efectuar as cargas da pasta de papel que produce na súa factoría de Navia. Esta rebaixa suponlle á empresa un aforro de entre 300.000 e 500.000 euros anuais. Segundo a Xunta, esta modificación non se pode considerar un "trato de favor".