"O PP de Santiago estivo tan ocupado coa corrupción que non atendeu nin o día a día"

Noriega, nun encontro con veciñanza dun barrio de Santiago CC-BY-SA Compostela Aberta

Martiño Noriega chega ás présas ao local electoral de Compostela Aberta, na santiaguesa Praza do Toural. Ten por diante unha xornada con cinco entrevistas, unha rolda de prensa, tres encontros con colectivos da cidade e dous mitins en diferentes barrios, describe. Mentres outros membros da candidatura preparan a intendencia do día Noriega ordena ideas do programa electoral e admite que no cuartel xeral da plataforma medra o optimismo por momentos. "Non temos moitos medios, pero tempos superávit de ilusión e compromiso", asegura nun espazo no que, di, "quen vimos de dinámicas partidarias sentímonos osixenados". Todas as persoas que pasan por alí, mantén, axudan a botarlle "combustible ao lume de cambio" na capital galega, á que agarda "chegar a tempo" para reverter "as desfeitas do PP".

Hai moitos focos sobre Compostela Aberta, semella que máis nas últimas semanas. Como leva a campaña?
Moi motivado. O retorno na cidade coa proposta de Compostela Aberta está a ser moi bo, hai moita ilusión que alimenta xornadas maratonianas. Ese retorno vén demostrar que a cuestión en Compostela vai estar entre revalidar estes catro anos escuros do PP ou abrir unha nova etapa cunha candidatura de encontro, que é Compostela Aberta.

Nestes días vén sinalando que a aposta de Compostela Aberta é ser a lista máis votada. Esa é unha desas cousas que se di en campaña ou pensa que realmente é posible? As enquisas din que o PP segue a ser a lista máis votada...
Non é unha cuestión de estratexia electoral. Eu creo que debemos esixirnos esa meta, porque a día de hoxe, independentemente de que se tente xerar un estado de opinión no que é difícil de tapar o medre de Compostela Aberta, eu teño a intuición de que a distancia entre Compostela Aberta e o PP non é tanta. Moitas veces dise que a cuestión da intuición ten que ver cun proceso de elaboración racional do subconsciente [ri], e neste caso percibimos unha campaña moi polarizada. Compostela Aberta concita un voto da esquerda social, moi transversal, e de xente que quedou desencantada destes catro anos. Valórase a equipa que temos, con persoas especializadas en diferentes áreas e preparadas para gobernar ao día seguinte. E ese sumatorio ponnos nunha posición que nos esixe facer esa aposta. Despois do que pasou estamos obrigados a facela.

Moitos dos comentarios que se repiten estes días á luz das enquisas teñen que ver cunha pregunta: “como pode estar o PP ao bordo da maioría absoluta despois do que pasou estes anos?

"Compostela Aberta non loita só contra o PP, tamén contra os poderes fácticos que, para preservar os seus intereses, queren que siga o PP"

Eu coido que o PP non está aí, coido que a diferenza a respecto de Compostela Aberta é moito máis axustada. Si son consciente de que hai unha base sociolóxica na cidade, pero teño a esperanza de que moita dela quedase desencantada por catro anos nos que as promesas se incumpriron en todos os seus termos. Cando escoito falar da necesaria estabilidade dun futuro goberno vencellado ao PP non sei se rir ou chorar. Independentemente do que aconteceu, Compostela Aberta non está a loitar só contra o PP, senón tamén contra un contexto, un hábitat da cidade ao que lle dá igual o que pasou estes catro anos e entende que para preservar os seus intereses o mellor é que siga o PP. E iso non é menor en canto a poderes fácticos, económicos e mesmo en canto a medios de comunicación que o avalan.

Vostede chega a Compostela Aberta despois de meses de funcionamento da plataforma. En que momento decide dar o paso, despois de chegar a dicir publicamente que non estaba nos seus plans?
Case no momento límite. Eu expresei durante moito tempo que non entraba nos meus plans este reto, pero nos últimos meses foron moitas as voces que foron quen de darme razóns de peso para antepoñelas ás persoais. Sempre dixen que a miña decisión estaba condicionada por que as razóns colectivas fosen fundamentais. Entendíase que eu podía ser un catalizador, un facilitador, dun espazo que conseguiu sumar moitas sensiblidades en torno a un programa e un método de participación. Entendíase, a maiores, que pola miña posición pública podía poñerlle unha cara, visibilizalo. E entendíase que seria irreparable que, depois do que pasou, o PP revalidase a maioría. Mandaríamoslle unha mensaxe terrible como capital de Galiza ao conxunto da sociedade galega, e máis polo simbolismo do proceso de Compostela no contexto xeral deste ano, no que se está a a decidir se abrimos unha nova etapa para decidilo todo ou se o sistema só fai un lifting. Eu estou onde quero estar neste momento.

Unha das primeiras críticas que lle chegaron cando anuncio a súa decisión foi a respecto da súa continuidade na alcaldía de Teo. Por que decidiu facelo así?

"Nestes momentos de campaña teño delegada a alcaldía e renunciado ao soldo"

Eu vin nese debate moita impostura, moita hipocrisía. As razóns foron poucas pero fortes. Unha, porque a institución do Concello de Teo non condiciona a vida municipal de Compostela, son concellos colindantes, con vasos comunicantes. Segundo, porque a miña decisión persoal non podía, por responsabilidade, condicionar a vida local no Concello de Teo, esa etapa tiña que rematala sen xerar un proceso de inestabilidade. E terceiro, porque sempre tendín á exercer a responsabilidade nos lugares onde estiven. De feito, nestes momentos de campaña teño delegada a alcaldía e renunciado ao soldo. Por que digo que vin moita hipocrisía? Porque, alén diso, vin como en Compostela xente que segue tendo cargo institucional, tanto no goberno como na oposición, e unhas retribucións moito máis elevadas que as miñas e cunha carga de traballo moito menor abandeiraban esas críticas e fan campaña electoral todos os días. No caso de Agustín Hernández, utilizando a institución de maneira partidaria, non porque o diga Compostela Aberta, senón porque o dixo a Xunta Electoral. Vin hipocrisía alimentada polos poderes fácticos dos que antes falaba.

A respecto desa sanción da Xunta Electoral e noutros ámbitos, paréceselle en algo este PP de Agustín Hernández a aquel PP de Armando Blanco ao que vostede se tivo que enfrontar, alén de que un levase máis anos ca outro?

"Hernández é un tecnócrata que leva moitos anos ligado ao PP e está a usar medios públicos para botar cemento na memoria colectiva"

Son perfís diferentes vencellados polo común denominador da indecencia. Aquel PP de Armando Blanco asentábase nunha rede clientelar que claramente traspasaba todas as liñas vermellas no funcionamento da adminstración, no modelo urbanístico de especulación... E que colocou o espazo do ben común nun lugar que nos levou moito tempo modificar. Tivo moito custo para a veciñanza. Aquí pasan cousas semellantes con diferentes perfís: o perfil de Agustín é o dun tecnócrata que leva moitos anos ligado ao PP, non é un recén chegado. E está a utilizar medios públicos, recursos non só locais senón tamén autonómicos, porque non deixa de ser un testaferro de Feijóo, para tentar botarlle cemento na memoria colectiva á cidade. Hernández pechaba a lista de Conde Roa, pediu o voto para Conde Roa, tomou decisión que condicionaron a vida local... E ten unha experiencia que non necesita Compostela, como levarlle os papeis a Xosé Cuiña.

Alén da configuración final da corporación, todo semella indicar que Santiago vai cara a un escenario sen maiorías absolutas. Como ve o panorama cara aos posibles pactos, cara a posibles conversas con PSdeG e BNG o día despois?

"Hai un respecto absoluto polo traballo do BNG; podemos non vivir na mesma casa pero camiñar xuntos"

No caso de que Compostela Aberta lidere o proceso de cambio as fórmulas de gobernabilidade están por pechar. O que sempre dicimos é que nin por activa nin por pasiva imos favorecer un goberno do PP, querémolo deixar moi claro. Unha das razóns de ser de Compostela Aberta son as prácticas do PP nestes últimos catro anos. Pareceríanos unha indecencia que o PP renovase responsabildades de goberno despois das súas irresponsabilidades. E por iso fixemos un chamamento ao resto de forzas e nos pareceu un erro a equidistancia do Partido Socialista. Creo que esa equidistancia está baseada nas dúbidas dun sector do Partido Socialista e nun certo medo a un cambio real, seguramente por dinámicas herdadas nos últimos anos e por necesidade de cohabitar nos intereses co PP para non abrir unha nova etapa. Aínda así, creo que mudaron a posición a última hora porque era unha posición suicida. Ningún home ou muller que vote ao PSOE o fai para favorecer un goberno do PP, aínda que sexa votándose a eles mesmos na investidura. Co BNG, primeiro é unha mágoa que non estea participando neste lugar de encontro que é Compostela Aberta pero, independentemente diso, hai un respecto absoluto polo traballo de Rubén Cela e do BNG e sempre defendemos que podemos non vivir na mesma casa pero camiñar xuntos. As fórmulas de gobernabilidade van depender moito dos resultados e das dinámicas de cadaquén. Non descarto que, dun signo ou doutro, o de Compostela sexa un goberno en minoría.

Noriega, na sede electoral de Compostela Aberta CC-BY-SA Compostela Aberta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.