O PP desbota manter 109 orientadores laborais porque a Xunta xa os despediu

O deputado do PP Miguel Tellado, na comisión © Praza Pública

Profecía autocumprida. No marco da redución dos fondos estatais para políticas activas de emprego a Xunta despediu 109 orientadores e orientadoras laborais do Servizo Público de Emprego ao longo dos últimos meses de 2012. Os grupos da oposición parlamentaria viñeron presentando diversas iniciativas para manter eses postos de traballo, se ben o feito de que o mes de xaneiro sexa inhábil na Cámara impediu que estas se debatesen ata este mes de febreiro. Este martes foi a quenda para unha delas, a presentada por AGE na Comisión de Emprego, e o PP rexeitouna por "extemporánea". Non se poden manter os postos de orientación laboral porque os seus titulares xa foron despedidos polo Goberno ao que apoia a propia formación conservadora, veu dicir o voceiro popular, Miguel Tellado.

"Resulta imposible facer efectiva a súa proposta, porque estes contratos expiraron o 31 de decembro", retrucoulle tellado á autora da proposta, Eva Solla, a quen non obstante lle recoñeceu que cando foi presentada a iniciativa, o 11 de decembro, "si tiña sentido". Neste contexto, Tellado ratifica que os postos non se recuperarán e envía a responsabilidade ao Goberno central. "Nos orzamentos do Estado eliminouse o plan extraordinario de orientación laboral" que financiaba "na súa totalidade" este servizo en Galicia. "Dende a Xunta analizáronse todas as posibilidades, pero a súa continuidade fíxose imposible dada a ausencia de financiamento estatal", resolve, para despois engadir que as demandas de orientación están aínda así "cubertas" grazas aos "452 orientadores" que, asegura, van traballar durante 2013.

A oposición insta a Xunta a obter ingresos adicionais gravando as rendas altas e así manter o programa de orientación laboral

"A min non me interesa quen o fixo", respostou a parlamentaria de AGE, en cuxa opinión se a Xunta "considera que está mal" que o programa sexa "temporal", a Consellería de Traballo tería "o deber de facer un programa que o supla". "En vez de criticalo, mellóreno", esixiu, nun contexto no que lamenta que o PP "non pise o frío" da rúa mentres "afonda na desgraza" das persoas sen emprego, a quen agora lles engaden "a falta de asesoramento". "Ademais, desoen, facendo como quen non escoita nada".

"Din quen non os mantén porque o Goberno español non ten cartos" pero "nada lle impide á Xunta manter este programa cos seus propios recursos", abondou Carlos Aymerich dende o BNG, que apoiou a iniciativa de AGE. "Prefiren darlle cartos á educación sexista que á orientación laboral", lamenta o nacionalista, quen tamén sinala que a Xunta "podería establecer un imposto ás grandes superficies comerciais" ou "incrementar a presión fiscal sobre os que máis teñen" para obter ingresos adicionais. Na mesma liña, Solla lembrou que tamén AGE "propuxo maiores ingresos e sitios dos que sacar financiamento" co establecemento de novos tributos". Con todo, a iniciativa saíu rexeitada por sete votos -os do PP- contra cinco -os de PSdeG, AGE e BNG-.

O deputado do PP Miguel Tellado, na comisión © Praza Pública
Representantes da oposición nunha comisión parlamentaria CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.