No outono de 2011 o Parlamento aprobaba definitivamente unha das normas máis prometidas da historia recente da autonomía, a lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que substituíu a lei de creación da CRTVG. A norma, que partira unha iniciativa do PSdeG, fora elaborada por membros dos que daquela eran os tres grupos da Cámara e saíu finalmente adiante cos votos a prol de PP e PSdeG. No entanto, apenas seis meses despois da súa aprobación xa comezou a ser incumprida no referente aos prazos para renovar os órganos de dirección do ente público.
No ano 2014 a norma seguía a incumprirse e o pleno parlamentario discutiu e aprobou unha proposición pouco usual que, impulsada polos socialistas, instaba precisamente a que a lei fose cumprida. Tres anos máis tarde o PSdeG volveu trasladar unha reclamación semellante pero xa coa forma de lei, pero este martes o PP tombouna. Tratábase dunha reforma da lei de 2011 co obxectivo fundamental de poñer prazos concretos ás partes do texto que aínda non se cumpren, como a aprobación do preceptivo contrato-programa da corporación ou do Estatuto Profesional do seu persoal, así como a creación dun Consello de Informativos e a derrogación da mudanza que o PP aprobou xunto aos Orzamentos de 2016 para manter indefinidamente no seu posto ao actual director xeral dos medios públicos.
Luis Álvarez (PSdeG): "É democraticamente paradoxal que a oposición teña que instar a cumprir unha lei aprobada polo Parlamento"
"Resulta democraticamente paradoxal que un grupo da oposición teña que instar a cumprir unha lei aprobada por este Parlamento", defendeu no pleno o socialista Luis Álvarez. Dende o seu punto de vista o adiamento dos puntos pendentes da lei non responden á "complexidade" técnica para aplicalos, como xustificou a conservadora Raquel Arias, senón á vontade de non poñer couto ao "control político da información". "A realidade -acusa- é que quen manda nos informativos da CRTVG é a Secretaría Xeral de Medios", órgano con dependencia orgánica directa da Presidencia da Xunta ao que "non ll einteresa limitar" a "capacidade de actuación política" sobre este "potente instrumento de proxección do Goberno e de ocultación dos seus lamentables erros de xestión", di.
Raquel Arias (PP) coida que "manipulación había no bipartito", unha "época escura" que contrasta co "pluralismo, neutralidade e obxectividade" actuais
A proposta socialista recibiu o apoio de En Marea e BNG, se ben as voceiras de ambos grupos no debate, Ánxeles Cuña e Olalla Rodil, reprocharon ao PSdeG o seu voto á lei de 2011. "Advertíamos de que non serviría para mudar nada", afirmou Rodil, quen así e todo comparte as acusacións de "manipulación" tamén con Cuña, a cuxo xuízo o "uso dos medios públicos a prol do PP" é toda unha "vergoña democrática".
O Goberno opúxose formalmente a que esta lei chegase a tramitarse na Cámara; a Xunta non emitía un ditame coma este dende 1995
Pero, como xa se avanzara dende o Goberno, o PP opúxose á toma en consideración da lei, o que provoca que decaia automaticamente. A deputada popular Raquel Arias concede que "a todos nos gustarái que isto fose un pouco máis rápido", pero motivos técnicos impídeno e "sería totalmente irresponsable cambiar a metade de camiño algo que está funcionando". Mentres, resalta, "a Televisión de Galicia e a Radio Galega son líderes de audiencia" e nelas a "manipulación" é "ningunha". "Manipulación había no bipartito", unha "época escura" que Arias insta a contrastar coa actual, de "calidade, pluralismo, neutralidade e obxectividade", proclama.
"Segue existindo control político" aínda que "fale vostede de lado escuro ou da cara non visible da Lúa", ironizou Luis Álvarez na súa quenda de peche. O PP, lamenta, "retrátase" a si mesmo con esta negativa a cumprir a lei como xa o fixo o pasado xuño a propia Secretaría Xeral de Medios, cando se opuxo formalmente a que o Parlamento nin sequera tramitase esta norma por crer eque "non mellora en absoluto a lei vixente". O Goberno galego non emitía un ditame deste tipo dende hai máis de dúas décadas; concertamente dende o 2 de novembro de 1995, durante a segunda lexislatura de Manuel Fraga na Presidencia.