O pasado 15 de xullo, en vésperas do Día Nacional de Galicia, a Alameda de Santiago acolleu unha imaxe inédita. A práctica totalidade das forzas políticas con presenza en Galicia rubricaron unha declaración de apoio á protección e promoción da lingua galega promovida dende A Mesa pola Normalización Lingüística. A presenza do PP nesa instantánea sorprendeu á propia entidade convocante e incomodou a parte dos conservadores, que agora, cando as vésperas son das eleccións xerais, evitan saír na que podería ser considerada outra foto galeguista, desta volta coa figura de Alfonso Rodríguez Castelao como pano de fondo.
Este martes chegou ao pleno do Parlamento o debate de toma en consideración da iniciativa lexislativa popular sobre "o dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao", promovida por diversas entidades asociativas, culturais e sociais, tales como a Fundación Castelao, a CIG-Ensino ou a propia Mesa pola Normalización, entre outras. De darlle o seu apoio, os populares corrían o risco de incomodar os sectores políticos e mediáticos que, en xullo, lles reprocharon en privado, pero tamén en público, a súa presenza ao carón de quen consideran adaíles da tan presunta como publicitada imposición do galego. "¿Qué hacéis vosotros ahí?", chegou a dicírselles. E o PP non correu o risco.
A ILP, defendida dende a tribuna da Cámara pola profesora e ex deputada do BNG Pilar García Negro, procuraba que a Xunta tivese a obriga legal de catalogar todo o traballo creativo de Castelao e habilitar un "espazo museístico" axeitado para expoñer nel "toda a obra plástica" do político e artista. Ademais, a súa aprobación implicaría que o Goberno galego adquirise ou procurase a cesión d'A derradeira lección do mestre, cadro sobre os asasinatos franquistas que se atopa en Buenos Aires, e adoptase un papel activo na divulgación da obra de Castelao por vías diversas, incluíndo o sistema educativo e os medios de comunicación públicos e os que reciben subvención da Xunta.
A presenza do PP na declaración a prol da lingua incomodou algúns sectores do partido e a súa contorna
Na súa quenda de defensa da ILP García Negro subliñou a importancia da figura de Castelao como "artista polifacético" e como "pensador que compón Sempre en Galiza", traballo no que "se concentran as razóns do noso devir histórico". Como político, resalta, Castelao "preocupouse de resgatar o Estatuto plebiscitado" en 1936 ata lograr a súa aprobación nas Cortes republicanas do exilio. "Grazas a aquela xestión, señorías, existen este Parlamento ou a propia Xunta", sinalou. Para a presidenta da Federación Galiza Cultura "toda esta riqueza merece ser coñecida, xulgada e interpretada por nós os galegos e galegas de hoxe" como unha obra "cargada de futuro". Esta lei, de chegar a aprobarse, non implicaría que Castelao fose "patrimonializado", afirma, senón que a súa figura sería "difundida masivamente, sen censuras" e "libremente".
A ILP implicaba que a Xunta catalogase toda a obra de Castelao e a expuxese permanentemente nun "espazo museístico" axeitado
Todas as intervencións dos grupos parlamentarios foron de apoio á iniciativa ata que chegou a do PP, que anunciou que empregaría a súa maioría absoluta para que a ILP non chegase nin a tramitarse. A través de quen foi o representante dos conservadores no acto de apoio á lingua na Alameda de Santiago, Agustín Baamonde, o partido do Goberno confirmou o rexeitamento. "Dende o respecto" a Castelao, asegura Baamonde, non resulta "correcto difundir por lei o pensamento de ninguén". Castelao "está na historia de Galicia polo seu ronsel, non por ningunha lei", que de aprobarse implicaría un agravio comparativo con "outros persoeiros". "Fraco favor se lle fai a Castelao pretendendo que un símbolo coma el sexa recoñecido por lei", proclama.
"Fraco favor se lle fai a Castelao pretendendo que un símbolo coma el sexa recoñecido por lei", argumenta o PP
"Este é un novo enterramento de Castelao", retrucou Pilar García Negro para pechar o debate. Coa súa negativa, lamenta, o PP favorece, por exemplo, que boa parte da obra de Castelao continúe "recluída nunha macronave da Coruña" propiedade de Abanca. "Non pedimos adhesións, reclamamos o seu coñecemento", evidencia García Negro, quen se laia de que, mentres tomba esta ILP, os populares continúen "enterrando millóns", por exemplo, nunha "fundación chea de corruptelas, a Fundación Camilo José Cela". Desta volta non haberá petición de explicacións dende as filas do PP.