O PP, expedientado por "manipular" o voto e "presionar" anciáns impedidos en Amoeiro

Baltar e Feijóo, nunha xuntanza en San Caetano © Xunta

A Xunta Electoral da Zona de Ourense vén de abrir un expediente sancionador contra dúas das candidatas do PP de Amoeiro por "tentativa de manipulación do voto" nunha residencia de anciáns e por "presións" cara a outra persoa maior que recibe asistencia domiciliaria.

A Xunta Electoral atende a denuncia que o alcalde de Amoeiro presentou acompañado de vídeos nos que se denunciaban as presións

Reacciona así ante a denuncia do PSdeG, cuxo candidato e rexedor na localidade, Rafael Rodríguez Villarino, denunciara achegando vídeos nos que a administradora da devandita residencia e dous anciáns relataban as presións das políticas do PP, traballadoras tamén do Concello nalgún caso, para "intentar manipular o voto por correo dunha persoa maior en situación de dependencia e con mobilidade reducida". Estas imaxes, adiantadas por este diario, explicaban as vellas prácticas caciquís e de carretaxe dos populares.

As candidatas son expedientadas por "intentar manipular o voto por correo dunha persoa maior dependente e con mobilidade reducida"

Nun comunicado, o PSOE confirma o expediente e censura a "actitude amoral e antidemocrática" na busca do voto. Así, destaca que non son "feitos illasdos", senón que se producen "outros semellantes" noutros puntos de Ourense. Segundo din, unha candidata do PP de Vilardevós tamén foi denunciada por substraer a documentación para votar por correo. 

Os socialistas destacan que estas prácticas repítense "acotío" e sempre teñen como protagonistas "candidatos do PP" e "como vítimas" persoas maiores que viven soas ou en residencias. 

O pasado luns, o PSdeG de Amoeiro presentou unha denuncia ante a Xunta Electoral por un posible delito electoral cometido polo PP da mesma localidade. Para iso achegaron dous vídeos, gravados polo candidato e rexedor. No primeiro deles, a administradora dunha residencia de anciáns conta como tres traballadoras do Concello (dous auxiliares de axuda no fogar e unha administrativa), que á súa vez se presentan nas listas do PP, recomendábanlle que facilitase o voto por correo dos anciáns ao seu cargo, co fin de orientar o seu voto en plena precampaña.

A denuncia foi presentada logo de que a directora da residencia advertise das prácticas irregulares do PP

No segundo vídeo achegado como proba á Xunta Electoral xúntase toda a esencia do mal gusto, da falta de ética na manipulación de anciáns impedidos co fin de orientar o seu voto, pondo ao seu servizo todos os medios da ben engraxada maquinaria electoral do PP. Son dous vellos os que explican como as xa mencionadas traballadoras de axuda no fogar, Silvia Gómez Manso (candidata) e Natalia Vázquez Rodríguez (irmá doutro candidato do PP), presentábanse -fóra do seu horario laboral- na casa de dúas ás que coidan durante a semana para facer descaradamente campaña electoral a favor do PP.

O alcalde de Amoeiro aclarara a Praza que a denuncia de carretaxe non foi iniciativa propia, senón que xurdiu tras a chamada da directora da residencia de anciáns. "Estaba consternada e preocupada e comezamos a atar cabos e fomos dándonos conta do que se estaba argallando; foi daquela cando fomos a un domicilio para comprobar o que se denunciaba", explica.

Baltar e Feijóo, nunha xuntanza en San Caetano © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.