Manuel Fraga gañou as eleccións autonómicas en Galicia en 1989. Logrou o 44,20% dos votos con 38 escanos dun total de 75 asentos no Parlamento galego. A súa primeira maioría absoluta. Unha vitoria contundente que despois repetiu en catro ocasións máis. A súa presidencia da Xunta durou 15 anos.
O PP de Fraga gastou máis do dobre do permitido nas eleccións que lle deron a primeira maioría absoluta en Galicia
Pero, polo menos nestes primeiros comicios, o PP de Fraga fixo trampa e xogou con vantaxe. Aínda que o límite máximo de gastos autorizados polo Estado nesta cita electoral foi de 235 millóns, a formación conservadora gastou máis do dobre do permitido: polo menos 500 millóns de pesetas, que foi o diñeiro que achegou a tesouraría central do partido para a campaña galega. 500 millóns, sen contar o que, pola súa banda, puido achegar o PP galego.
Esta actuación ilegal queda ao descuberto nun dos múltiples documentos que Rosendo Naseiro conservou durante os últimos 25 anos e que eldiario.es desvela en exclusiva. O documento titúlase Comentario ao peche do exercicio económico de 1989. Nel explícase que en 1989 o partido sufriu "172 millóns de déficit" como consecuencia de gastar 2.170 millóns de pesetas e ingresar unicamente 1.977 millóns de pesetas.
A tesourería do PP estatal achegou 500 millóns de pesetas á campaña de Fraga, segundo recoñece Naseiro nos seus documentos
"O devandito déficit -asegura o documento- estivo motivado polas achegas que por valor de 500 millóns de pesetas enviou a Tesouraría Nacional do partido a Galicia para atender os gastos da Precampaña e Campaña Galega. De non ser por este motivo, o exercicio pechouse cun superávit de 300 millóns de pesetas". Máis adiante indica que "as achegas realizadas á Campaña Galega non estaban previstas no orzamento inicial para 1989". Entre os candidatos do PPdeG naqueles comicios autonómicos estaba o actual presidente do Goberno central, Mariano Rajoy.
No documento sobre o peche do exercicio económico de 1989 que gardaba Rosendo Naseiro inclúense dous conceptos que fan referencia a Galicia: Precampaña Galicia, na que o PP tería gastado 363,4 millóns de pesetas, e Subvención Galicia, pola que se terían achegado outros 143,9 milllóns ao PPdeG. En total, 507,3 millóns destinados á formación de Fraga, case unha cuarta parte de todos os gastos da formación a nivel estatal daquel ano.
O PP estatal tería achegado á campaña galega máis de 500 millóns de pesetas, case unha cuarta parte de todos os gastos do partido
O financiamento dos gastos electorais por riba do legal xa fora sinalada nun informe sobre o financiamento do PP elaborado polo Tribunal de Contas do Estado en 1994. A institución supervisora detectou no balance do exercicio completo correspondente a 1989 que a Tesouraría Nacional recoñeceu enviar a Galicia (como gasto ordinario e baixo o epígrafe "67802-Precampaña") unha cantidade de 363.353.012 pesetas. Esta cifra contrastaba coa achega electoral para os comicios galegos declarada no seu día polo partido, que se cifrou en 199 millóns de pesetas.
O propio Tribunal desautorizou no seu informe o concepto de "precampaña" co que o PP quixo xustificar que este investimento era distinta ao dos 199 millóns recoñecidos para a campaña electoral. O organismo fiscalizador sinala que "o límite de gasto establecido polo Estado abrangue desde a convocatoria das eleccións até a súa celebración".
Cartos de doazóns
O Tribunal de Contas no seu informe de 1994 sinala ademais que o Partido Popular non especifica a procedencia dos fondos que se remitiron desde Madrid para a campaña electoral galega, tal como se esixe na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeneral. Unha hipótese é que ese diñeiro procedía de achegas de empresas privadas ou particulares. No sumario do caso Naseiro recollíase que nunha declaración do daquela tesoureiro ante o xuíz Luis Manglano, durante os días de abril de 1990 nos que estivo detido en Valencia, recoñeceu que "os 300 millóns que enviou" para as eleccións galegas "procedían de doazóns" de particulares.
A hipótese é que as achegas feitas desde Madrid proceden de empresas privadas ou particulares
Se comparamos a cifra declarada oficialmente polo PP como achega desde a Tesouraría Central cos 500 millóns de pesetas recoñecidos por Naseiro, o exceso sitúase en 301 millóns. Pero incluso a cantidade detectada polo Tribunal de Contas resulta ser 137 millóns menor que a que finalmente puido empregar Manuel Fraga para iniciar un período de máis de quince anos de dominio absoluto na política galega.
Aquelas eleccións de 1989 celebráronse un 17 de decembro e o PP gañou con maioría absoluta, ao obter o 44,20% dos votos (máis de 583.000) e 38 escanos fronte ao 32,8% e os 28 escanos do PSdeG de González Laxe (433.256 votos). O BNG, de Beiras, con máis de 105.000 votos e 5 escanos, e os 2 escanos do PSG-EG e Coalición Galega completaron a representación no Parlamento galego.
En xaneiro de 1990, Manuel Fraga foi investido como presidente da Xunta na praza do Obradoiro, deixa a presidencia do PP estatal e é substituído por José María Aznar, pasando a ocupar o cargo de honra de presidente de fundador, ademais de presidente do PPdeG. Sería o comezo dos seus quince anos á fronte da presidencia da Xunta, logo de obter a maioría absoluta nos tres comicios autonómicos seguintes (1993, 1997, 2001) e perdela en 2005, dando paso a un goberno bipartito liderado polo socialista Emilio Pérez Touriño.