O PP galego, morno ante a fin do dereito ao aborto

Feijóo, tras o Consello da Xunta deste venres © Xunta

O PP galego alimenta as teses antiabortistas dende o seu retorno á Xunta a mediados de 2009. Unha lei á medida do Foro Español de la Familia, subvencións aos grupos autodenominados 'provida' ou protocolos para "promocionar" que as mulleres sigan adiante cos embarazos non desexados son só algunhas mostras das medidas desenvolvidas polos conservadores dende o Goberno galego mentres a lexislación estatal camiñaba xusto na dirección contraria coa aprobación da lei de prazos de 2010. Con estes antecedentes o PP galego e especialmente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acollen a contrarreforma impulsada polo gabinete de Mariano Rajoy cun ton morno que semella tentar conciliar a súa propia política coa imaxe centrista que tentan proxectar no resto do Estado.

Tras días de mutismo practicamente total o primeiro dirixente do PPdeG en pronunciarse ao respecto foi o líder das Novas Xeracións, Javier Dorado. A través de Twitter o tamén deputado asegurou que para el este é "un tema de absoluta incomodidade" no que considera, entre outras cuestións, que "a muller que leva no seu ventre un feto é a mellor preparada para protexer o non nacido, moito mellor que o Estado", discrepando ademais de que a malformación do feto fique fóra dos supostos contemplados pola lei. Non obstante, Dorado asegura confiar no Goberno e, dende a defensa da "sensatez" do ministro Ruiz-Gallardón, insiste en que a lei de 2010 rachou o "consenso" -foi rexeitada só polo PP e parte de CiU-.

Feijóo tenta levar a cuestión ao terreo do tirapuxa ordinario entre partidos

Con este pano de fondo este venres a Xunta celebrou a reunión semanal do Consello. Na xornada en que Ruiz-Gallardón promociona o seu proxecto en La Razón e ABC o xefe do Goberno galego optou por un ton aínda maís morno que o do seu líder xuvenil, tentando ademais, como adoito, ubicar a cuestión no terreo do tirapuxa ordinario entre partidos. Así, o presidente defende a "lexitimidade" do Goberno de Rajoy para "regular a interrupción voluntaria do embarazo en España" despois de que o anterior, o regulase "unilateralmente" cunha reforma que, teima, "rachou" o consenso.

O presidente insta a agardar ao trámite parlamentario, no que Ruiz-Gallardón xa advirte de que "a lei non se modificará"

Dende a evidencia de que este "é un asunto de enorme complexidade política, xurídica e moral" Feijóo evita ofrecer a súa opinión sobre se o aborto debe ou non ser un dereito das mulleres. Iso, di, farao "nas canles do partido". Ante a opinión pública limítase a sinalar que "ben paga a pena mellorar" o proxecto abordado a pasada semana no Consello de Ministros e "concretar exactamente" no "suposto de malformación do feto". "Ben paga paga a pena apuntar posibles acordos", di Feijóo que tamén esquiva a pregunta de se, ao seu xuízo, o plan de Ruiz-Gallardón considera ás mulleres unha caste de menores de idade. "Non creo que se considerase menor de idade á muller española durante 20 anos, coa primeira lei do aborto socialista", retruca, obviando, entre outros aspectos, que a lei de supostos de 1985 era menos restritiva que a que agora se formula.

"Estamos falando dun anteproxecto, polo tanto, estamos falando dun texto ao que lle queda un longo percorrido polas Cámaras", di Feijóo. Horas antes, o ministro de Xustiza xa respondera a estas aspiracións nas páxinas de La Razón: "a lei non se modificará no Congreso", advirte.

Feijóo, tras o Consello da Xunta deste venres © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.