O PP impide que o pleno da Coruña debata sobre a 'Pokemon' e Someso

Carlos Negreira e Julio Flores © Concello da Coruña

Os votos do Partido Popular impediron que se debatesen no pleno municipal da Coruña algúns dos temas máis polémicos que vén arrastrando a actualidade política local nos últimos meses. Así, a súa maioría absoluta botou abaixo senllas mocións de EU e BNG para tratar na sesión plenaria os supostos 54 enchufes promovidos polo Goberno local con empresas concesionarias de servizos municipais, investigados na operación Pokémon, e tamén a revisión dos acordos do Goberno de Francisco Vázquez sobre Someso. Non só iso, os votos populares impediron igualmente que o pleno debatese outras cuestións impulsadas dende a oposición, coma a situación da ría do Burgo ou a construción do novo centro de saúde de Novo Mesoiro.

Os votos populares impediron igualmente que o pleno debatese outras cuestións impulsadas dende a oposición, coma a situación da ría do Burgo ou a construción do novo centro de saúde de Novo Mesoiro

A moción de Esquerda Unida sobre a Pokemon solicitaba a convocatoria dun pleno extraordinario "para aclarar os casos de presunta corrupción municipal", en base ao artigo 31.1 do Regulamento Orgánico Municipal, que establece la posibilidade da convocatoria dun pleno extraordinario a iniciativa propia do presidente do Pleno. Porén, a moción nin sequera se chegou a debater pola abstención dos concelleiros do PP, ante a que non foi suficiente o voto favorable de PSdeG-PSOE, BNG e EU. É máis, Julio Flores, primeiro tenente de alcalde e unha das persoas máis sinaladas pola investigación, acusou ás forzas da oposición e á propia xuíza de levar a cabo unha "persecución" na que "personaxes de variadas pelaxes que defenden as liberdades cidadáns de cara á galería e á vez esfolan con crueldade unha persoa que non foi xulgada". Flores volveu poñer en cuestión as sospeitas e o traballo da xuíza Pilar de Lara, augurando que o seu caso será finalmente arquivado, botando man dos precedentes de Paula Prado e José Manuel Barreiro,

Pola súa banda, o BNG presentou outra moción para que o pleno debatese a revisión de oficio dos acordos adoptados polo Goberno de Francisco Vázquez en relación co polígono de Someso. Neste caso a anulación destes acordos municipais, aprobados entre 2004 e 2006 constitúe un "elemento decisivo", segundo o Tribunal de Contas, para poder sinalar posibles responsables contables do millonario buraco (de 19,2 millóns de euros) provocado pola tramitación do polígono ás arcas públicas do Concello. De novo, o PP abstívose, deixando sen valor os votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG e EU, e impedindo o debate da moción no pleno. É a quinta vez que nesta lexislatura o Bloque pide oficialmente a revisión destes acordos.

Carlos Negreira e Julio Flores © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.