O PP impide tramitar unha lei de corresponsabilidade entre homes e mulleres

Adán amosa unha imaxe dunha xuntanza de empresarios, durante o debate CC-BY-NC-SA BNG

Sete de cada dez novas empresas galegas son fundadas por homes. As mulleres cun traballo remunerado dedican dúas horas máis que os homes ás tarefas domésticas cada día. A crise dispara a exclusión social entre as mulleres. Estas e outras novas, como as relativas á fenda salarial que aínda padecen as mulleres ou á concentración nas traballadoras das reducións horarias para coidado de menores servíronlle á voceira do BNG en materia de igualdade, Carme Adán, para ilustrar a necesidade que, ao seu xuízo, existe para a posta en marcha dunha lei de corresponsabilidade en Galicia, a mesma que este luns impulsou o Bloque co apoio de toda a oposición, pero que bateu contra a maioría absoluta do PP.

No inicio do día contra a violencia machista Adán subliñaba que "sen igualdade non racharemos coa violencia" e esa igualdade non será acadada, subliña, se "nun momento de contracción económica se quere que o coidado se volva facer gratuitamente no fogar", se segue sendo "estraño" que os homes se acollan ás baixas por paternidade ou se a "masculinidade se constrúe de costas ao coidado". Tampouco sen un "fomento do equilibrio dos tempos" á hora de facer as tarefas domésticas ou sen loita contra os esterotipos aínda vixentes, "só hai que ver un catálogo de xoguetes", salienta. Por todo isto a súa iniciativa propuña plans de "sensibilización, estudo e educación" que convertesen a corresponsabilidade en "letra de lei".

A iniciativa propuña campañas de sensibilización e accións como a atención domiciliaria a menores

Plans de conciliciación na administración e nas empresas privadas, campañas de sensibilización, unha rede de ludotecas ou atención domiciliaria a menores eran algunhas das medidas desta lei, que non se chegará nin a tramitar malia obter o apoio de todos os grupos agás o Popular. Así, por exemplo, dende o PSdeG Carmen Gallego concordou con Adán en que leis coma esta "non mudan a relaidade, pero axudan a construír unha realidade mellor". Pola banda de AGE Eva Solla apostou ademais por incrementar as medidas propostas polo Bloque, suxerindo un "pulo educativo en corresponsabilidade dende a primeira infancia" ou maiores "permisos e reparto do traballo". "Non só son violencia as agresións físicas", subliña a parlamentaria de Alternativa, nun contexto no que, dende o Grupo Mixto, Carmen Iglesias anunciou o voto afirmativo ao considerar que "a igualdade non é tal se non se concilian as responsabilidades e o tempo libre".

O PP coida que a lei "non achega ningunha novidade" e reivindica a polémica Lei de Familia

Neste clima de consenso irrompeu a posición conservadora. A través da deputada Rosa Oubiña o partido do Goberno afirmou "compartir" valores como a corresponsabilidade ou a igualdade, pero xusto a continuación apostou polo veto porque a proposta do BNG, afirma, "non achega ningunha novidade" e, ademais, "pretende coar asuntos que xa foron rexeitados" en plenos anteriores. A xuízo de Oubiña boa parte das medidas defendidas por Adán xa están en marcha en Galicia grazas a normas como a Lei de Familia, contestadísima polo movemento feminista, pola oposición e tamén por organismos como o Consello Económico e Social que, nun contundente informe, detectou nela a intención da Xunta de devolver as mulleres a "roles tradicionais". Tamén están vixentes, di, accións para fomentar a corresponsabilidade dende o ámbito educativo ou axudas para promover a eliminación de estereotipos a través do tecido asociativo, entre outras accións.

Alén de "unificar a regulación nesta materia" e "establecer propostas para determinados eidos como formación e sensibilización" a intención desta lei, retrucou Adán, era que a normativa galega fose "ambiciosa" e que Galicia se convertese en "vangarda" neste ámbito, como xa aconteceu noutrora coa lei para previr a violencia machista ou a lei de traballo en igualdade "que vostedes teñen sen desenvolver", reprochoulle ao PP. Se todo o paquete de medidas proposto xa estivese en marcha, di a parlamentaria, non sería "posible", por exemplo, que "tan poucos homes" se acollan aos permisos por paternidade. Cómpre, conclúe, "unha política en nome feminino" e os deputados, subliña, poderían comezar por ler a obra de Miguel Lorente Tú haz la comida, que yo cuelgo los cuadros.

Adán amosa unha imaxe dunha xuntanza de empresarios, durante o debate CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.