Nin sanción nin investigación, senón recoñecemento. Vinte e catro horas despois de que os presidentes da Xunta e do Goberno central escenificasen o retorno do Códice Calixtino á Catedral de Santiago e mentres continúan saíndo á luz achados de cartos presuntamente furtados da Catedral por parte do autor confeso do roubo do libro, a controversia pola seguridade do valioso volume segue no ámbito político. Como xa acontecera tras a recuperación do Códice, os grupos da oposición parlamentaria seguen a cuestionar os sistemas de seguridade que a Igrexa aplica ao seu patrimonio e este luns o BNG, a través da súa voceira, Ana Pontón, apostou por concretar esa petición de responsabilidades en forma de expediente sancionador. Pero dende as filas do PP ratifícase o que cabía deducir das actuacións gobernamentais e, ademais, chámase a recoñecer o labor da institución eclesiástica.
Puy: "Todo este asunto do Códice debe facer pensar na importancia que ten a Igrexa no desenvolvemento cultural do noso país"
O voceiro dos conservadores na Cámara, Pedro Puy, coida que "se hai que facer algo" a respecto da seguridade do Códice e doutros bens da Igrexa quen ten que dispoñelo é "a autoridade competente" pero, non obstante, achega unha "valoración persoal" ao contencioso. Na súa opinión, "todo este asuto do Códice" debe "facer pensar na importancia que ten a Igrexa no desenvolvemento cultural do noso país" e na "custodia de importantes documentos". Por este motivo, "lonxe de pensar que non contribúe e non fai todo o que pode por conservar o noso patrimonio cultural", coida que "hai que facerlle un recoñecemento á Igrexa galega pola contribución ao noso patrimonio, do que hai evidentes mostras en cada vila e aldea de Galicia". Á marxe disto, o único que cabe dende as Administracións pública, dende a súa óptica, é "colaborar nestes novos tempos, nos que a seguridade cidadá ten mudado en relación ao pasado".
Do mesmo xeito, a Puy "non lle parece que houbese ningunha sobreactuación" na entrega do Códice. Ao contrario, a fotografía de Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo co arcebispo e o deán no Pazo de Xelmírez é, ao seu xuízo, a "constatación" da "repercusión internacional" do "esclarecemento do asunto e reintegro no patrimonio eclesiástico" do Códice, todo isto dentro dunha operación "ben resolta". Unha interpretación oposta foi a realizada dende as filas do BNG. "Parécenos que vivimos unha situación esperpéntica", di Ana Pontón, para quen "a presenza de Rajoy é desafortunada e desacertada", máis aínda candao "non ten tempo para explicar os recortes pero si para vir facer unha foto" á Catedral.
Pontón: "Non hai razóns para que non se incoe un expediente sancionador por incumprimento da lei en materia de protección do patrimonio"
Á marxe do acto que xuntou representantes gobernamentais, eclesiásticos e policiais, a nacionalista coida que "un asunto deste tipo non pode saldarse sen que se asuman responsabilidades", tanto no ámbito "de quen tiña a custodia" do Códice como no de "quen ten a obriga de protexelo", isto é, a Xunta. "As leis están para aplicarse", constata Pontón e, neste caso, a Lei de Patrimonio de Galicia di "con claridade" que as entidades ou persoas privadas "que teñan bens integrantes do noso patrimonio cultural teñen a obriga de custodialo e salvagardalo". "A Igrexa incumpriu flagrantemente este princpio" e por isto non ve "razóns para que non se incoe un expediente sancionador por incumprimento da lexislación en materia de protección do patrimonio". Do mesmo xeito, a voceira do Bloque avanza que a formación frontista impulsará iniciativas para que se realice un "inventario de bens" eclesiásticos, "moi particularmente dos que están na Catedral de Santiago" e unha"revisión dos acordos entre a Xunta e a Igrexa, porque é evidente que non funcionan". Nesa reformulación, sinala, un dos aspectos a ter en conta é "se a custodia dalgúns deses bens, que son moi valiosos, pode seguir sendo exercida pola Igrexa".
Maleta con 600.000 euros
Juárez confirma que os 600.000 euros proceden "do ámbito da Catedral"
Mentres isto acontecía o delegado do Goberno central en Galicia, Samuel Juárez, confirmaba dende un almorzo informativo en Vigo o achado duns 600.000 euros nunha maleta propiedade do electricista que confesou ter cometido o roubo do Códice. Segundo o responsable gobernamental eses cartos proceden, "en xeral", do "ámbito da Catedral" compostelá. Ese diñeiro subliña, é adicional ao arredor dos 1,2 millóns de euros e 300.000 dolares atopados nos primeiros rexistros, tras os cales "se seguiu buscando" ata "atopar" máis cartos. As forzas de seguridade sabían "que faltaban cartos" e por iso continuaron a procura, din.
Neste contexto, a investigación continúa aberta se ben, a priori, a busca de cartos estaría rematada. Isto acontece mentres o antigo electricista da catedral continúa en prisión provisional sen fianza, igual que a súa muller e o seu fillo. Aos tres impútanselles senllos delitos de branqueo de capitais e, no caso do antigo operario do templo santiagués, as acusacións implican tamén roubo con forza continuado, furto e delitos contra a intimidade das persoas.