O PP lugués négase a ampliar o BIC de Sargadelos

Méndez, con Besteiro nun intre do pleno © Deputación de Lugo

O pasado febreiro o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución que daba inicio aos trámites para declarar Ben de Interese Cultural a Fábrica de Sargadelos, en Cervo. Sete meses despois, este mes de novembro, a actual dirección da histórica empresa anunciaba a súa intención de despedir, tras tres expedientes de regulación e emprego, 70 das 170 persoas que forman o seu cadro de persoal. Ante esta conxuntura o PP de Lugo impulsou unha iniciativa na Deputación provincial para instar a institución a que se implique na viabilidade da factoría. O PSdeG, que goberna o ente en coalición co BNG, propuxo ampliar a devandita declaración BIC e os conservadores negáronse.

Nomeadamente, a proposta da vicepresidenta provincial, a socialista Lara Méndez, consistía en trasladarlle á Xunta "as peticións dos propios traballadores da factoría". Tratábase de engadirlle un precepto máis á iniciativa do PP para que, ademais de esixir o apoio da Deputación, instase o Goberno galego a "iniciar as xestións pertinentes para a ampliación da declaración de BIC á cadea de produción e á galería da fábrica de cerámica de Sargadelos". Ademais, o PSdeG reclamaba tamén que a Consellería de Economía e Industria "dea conta" do destino que tiveron os seus investimentos na empresa: "350.000 euros a fondo perdido e 600.000 a través dun préstamo".

A emenda reclamaba tameń coñecer o destino dos fondos públicos investidos pola Xunta na factoría

"Para poder preservar un BIC primeiro ten que estar catalogado como tal", subliñou Méndez ante o pleno, no que explicou que a finalidade da súa iniciativa non é outra que trasladar as peticións do persoal para "preservar a actividade da factoría e, polo tanto, os postos de traballo que xera". Do mesmo xeito, afirma, a petición de "contas" polos cartos públicos investidos "non é con ánimo de atopar culpables, senón con vistas de futuro; se o plan de viabilidade non funcionou, temos que saber cales foron os motivos" para, así, "non volver caer nos mesmos erros".

Este foi o escenario no que se produciu o rexeitamento do PP que, non obstante, si tivo o apoio de socialistas e nacionalistas "para que a Deputación de Lugo colabore con Sargadelos". "Levamos dende 2007 colaborando con Sargadelos, promocionando a súa actividade, e isto non vai mudar", asegura Méndez. Así e todo, a vicepresidenta da institución lembra que xa no ano 2010 o PSdeG de Cervo tentou, a través dunha iniciativa nese Concello, "que a Xunta rexeitase o ERE de Sargadelos", tendo en conta que daquela, antes da reforma laboral, si tiña potestade legal para facelo. Nese momento "o PP presentou unha emenda á moción dos socialistas e rexeitou a paralización do ERE" mentres lle pedía "colaboración ao Goberno central", daquela presidido por José Luis Rodríguez Zapatero. O PP, acusa Méndez, bota "balóns fóra" neste caso.

Méndez, con Besteiro nun intre do pleno © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.