O PP manterá os recortes na cooperación ao desenvolvemento malia prometer non facelos

Sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza, en 2010 CC-BY-SA Silvia Muíña

Dende a chegada a o poder de Alberto Núñez Feijóo no ano 2009 os fondos destinados nos Orzamentos Xerais da Xunta á cooperación para o desenvolvemento caeron case un 65%. No seu regreso a San Caetano os conservadores atoparon unha partida de 11,7 millóns de euros destinada aos países máis desfavorecidos. O ano seguinte, en 2010, quitáronlle dous millóns. En 2011 a partida quedou en 7,9 millóns e en 2012, en 6,4. Lonxe de corrixirla, o Goberno galego mantívose na liña da retallada nas súas contas de 2013, ano no que a cooperación exterior queda só con 4,2 millóns de euros. O PP tivo este mércores no Parlamento unha oportunidade de invertir a tendencia, pero desbotouna.

Esta oportunidade chegoulles aos populares a través dunha iniciativa presentada polo PSdeG na comisión institucional da Cámara. A través da deputada Carmen Gallego os socialistas subliñaron que "o que queremos non é, nin máis nin menos, é que o Goberno cumpra co que asinou". A Xunta, lembra, "asinou un pacto contra a pobreza no que se recollen compromisos en materia de financiamento", encamiñados a que no ano 2017 "o 0,7% do orzamento" vaia á cooperación para o desenvolvemento. "O Goberno ten que cumprilo" pero non o fai, evidencia. Ben ao contrario, censura, a proporción dedicada a este tipo de axudas non deixa de baixar: "no último ano completo do Goberno de Touriño era do 0,098%", actualmente está no 0,044% ou, o que é o mesmo, tamén por baixo do que se destinaba "con Fraga", que acadou o 0,069%.

O orzamento de cooperación pasou de máis de 11 millóns en 2009 a pouco máis de 4 en 2013

A redución orzamentaria é a principal preocupación da oposición neste ámbito, pero non a única. Tamén o é que, "por primeira vez", os orzamentos da Xunta non contemplen "compromisos de máis dun ano" en materia de cooperación. "Todos somos conscientes da dificultade de desenvolver estes proxectos nun ano", explicita Gallego, en cuxa opinión, esta circunstancia, unida á "eliminación das axudas do Pacto Galego contra a Pobreza", dan lugar a pensar que a Xunta procura "eliminar a política de cooperación, nesa estratexia global de reducir o orzamento" para despois "mercantilizar" as axudas a "terceiros países". Todo isto, subliña, acontece aínda que o propio PP prometeu en campaña electoral que "en ningún caso se recortarían os orzamentos, senón que se aumentarían". Isto, lembra, afirmouno a deputada Marta Rodríguez Arias nun debate televisivo o pasado 27 de setembro. "O compromiso dunha candidata enganando os electores", sintetiza.

A reclamación non atopou acollida ningunha no PP, cuxa voceira, Carmen Pardo, limitouse a asegurar que o Goberno galego "está a executar" o plan director de cooperación e "cumprindo coas súas orientacións". Ademais, Pardo obvia os recortes para asegurar que dende as filas conservadoras "esperamos que no horizonte do ano 2017 se invirta a tendencia cuantitativa" para "garantir unha política de cooperación orientada aos Obxectivos do Milenio, sen estar condicionada por outros intereses políticos, comerciais ou económicos". "Malia á situación de crise", afirma, a Xunta está a manter "a solvencia financeira da cooperación galega".

As explicacións da conservadora non convenceron á socialista nin tampouco ás voceiras dos outros dous grupos da oposición, que apoiaron a iniciativa do PSdeG. "A señora voceira do PP dixo unha frase moi bonita, que as políticas de desenvolvemento hai que desenvolvelas nun horizonte do longo prazo; ata que chegue o longo prazo que imos facer, cooperación a base de padrenuestros?", ironizou a nacionalista Tereixa Paz. "Sería máis honrado que o PP non asinase o Plan Galego contra a Pobreza; igual viste un pouco menos pero é máis honesto", sinalou Yolanda Díaz, de AGE, que instou o PP a "atender as petición que están a facer os axentes principais nesta materia, aínda que sexa por caridade" xa que dá por sentado que non o farán por "solidariedade".

Carmen Gallego, nun intre da comisión CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.