O PP non quere que na sede do PSdeG poña “Vota PSdeG” e a Xunta Electoral dille que non hai eleccións nas que votar

Rolda de prensa denunciada polo PP polo cartel ás costas de Caballero que pon "Vota PSdeG" © PSdeG

Os populares denunciaron unha rolda de prensa do secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero, do pasado 4 de xullo, máis dun mes despois das eleccións, na que aínda se vía ás súas costas a petición de voto

A Xunta Electoral vén de arquivar unha denuncia do PP que reclamara a ese organismo sancionar ao PSdeG porque o día 4 de xullo nunha rolda de prensa na súa sede do seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, se podía ler ás súas costas un cartel co texto “Vota PSdeG-PSOE”. A Xunta Electoral rexeita a denuncia argumentando que, unha vez superadas as eleccións municipais do pasado 26 de maio, nese momento non había ningún proceso electoral en marcha no que ese cartel puidese interferir. 

O PP criticaba na súa denuncia que xa pasara máis dun mes das eleccións municipais, tempo que consideraba suficiente para que os socialistas retirasen ese cartel do interior da súa sede. Porén, a Xunta Electoral rexeita a súa petición indicando que ese cartel non podía ter xa incidencia nos electores porque xa non había eleccións polo medio. A denuncia foi inicialmente desbotada pola Xunta Electoral de Zona de Santiago, pero os populares recorreron e este martes a Xunta Electoral Provincial vén de ratificar que non hai nada sancionable.

"A denuncia e o recurso presentados son manifestamente extemporáneos, polo que tampouco procedería acordar a retirada do lema”, di a Xunta Electoral

O acto do PSdeG, di a Xunta Electoral Provincial, “non pode ter incidencia algunha no libre exercicio do dereito de voto polos electores, xa que foi realizado fóra do período electoral e con posterioridade á celebración das últimas eleccións, de xeito que a denuncia e o recurso presentados son manifestamente extemporáneos, polo que tampouco procedería acordar a retirada do lema obxecto de denuncia, como expresamente se interesa”.

Rolda de prensa de Caballero na mesma sede do PSdeG co lema xa cambiado uns días despois © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.