O PP oponse a tentar reverter a quita das preferentes cunha reforma legal

Manifestación contra as quitas das preferentes en Vigo Dominio Público @feminismogaliza

É estraña a sesión parlamentaria na que se aborda a cuestión da desaparición das antigas caixas na que non está sobre a mesa a estafa das preferentes. Este mércores volveu acontecer na comisión de Economía do Parlamento, desta volta a instancias do BNG para, en palabras do seu voceiro, Francisco Jorquera, "suscitar a necesidade de darlles unha solución xusta" ás persoas afectadas despois de que o FROB aprobase "unha quita media do 43%" para as preferentes de Novagalicia Banco, do 41% para as subordinadas perpetuas e do 22% para as subordinadas con vencemento. A aposta do Bloque, explica, era recabar o apoio da Cámara para reverter esa quita cunha reforma legal. O apoio obtívoo no resto da oposición, PSdeG e AGE, pero non no grupo do PP.

Toda vez que xa venceu o prazo para que o Goberno galego recorrese a lei que oficializou a quita Jorquera instou os conservadores a abandonar o "xogo de apariencias". "Para que teña consecuencias reais" os populares deberan ter en conta que, se apoian "impugnar a lei" isto equivale a "contradicir, combater, refutar, obxectar". "Combatamos politicamente esta lei" cunha proposición de lei de modificación elaborada polo Parlamento de Galicia para defendela ante o congreso dos deputados, convidou. Trátase, en definitiva, di, de decidir se a Cámara está "a carón dos estafados ou dos estafadores", de impedir que as persoas estafadas teñan que contribuír a "capitalizar a entidade que os estafou" mediante un "roubo" que foi "legalizado".

Jorquera instou os populares a decidir se están "a carón dos estafados ou dos estafadores"

Pero o PP, a través da deputada Herminia Pouso, só estaba disposto a votar a favor se o BNG aceptaba unha emenda encamiñada a que a Xunta "continúe dando cumprimento" a un acordo anterior da mesma comisión sobre a necesidade de que "todos os aforradores afectados polas preferentes, subordinadas e outros híbridos financeiros recuperen a totalidade dos cartos". O BNG, di, fai "un cuestionamento da votación efecutada polos deputados do PP no Parlamento nacional -en referencia ao Congreso dos Deputados-" a favor da quita, pero debe ter en conta que este "non é un tema que só afecte a Galicia, afecta a todo o Estado, vale?".

A Cámara pide, por unanimidade, que se manteña a obra social de Novacaixagalicia

Ante a oposición conservadora tanto Yolanda Díaz, de AGE, como Abel Losada, do PSdeG, expresaron o seu apoio á proposta defendida por Jorquera, quen "non esperaba outra cousa" da representante do PP aínda que a iniciativa nacionalista "concrete o que se pode facer para tentar tirara baixo a lei nos aspectos lesivos para os aforradores". Así as cousas, os sete votos populares opuxéronse aos cinco da oposición, o contrario do que aconteceu unha iniciativa previa, defendida polo PSdeG e que, despois dun acordo entre os grupos, deu lugar a que o Parlamento, por unanimidade, lle solicite á Fundación Novacaixgalicia "a elaboración dun plan que garanta a viabilidade, a longo prazo", da obra social das antigas caixas, "priorizando o mantemento do emprego". Ademais, insta a Xunta a "analizar a constitucionalidade da nova normativa sobre caixas para, no caso de que se vulneren as competencias" autonómicas, "se proceda a formular recurso" ante o Tribunal Constitucional.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.