O PP ampliou en Galicia a súa maioría malia a perda de votos. Aumentou o número de escanos ante a dura caída da oposición parlamentaria, pero os conservadores viron tamén como o seu apoio caeu nalgúns puntos, especialmente nas grandes cidades do país, onde entrou con moita forza Alternativa Galega de Esquerdas, que chegou a ser a segunda forza nalgunhas urbes importantes.
AGE superou o PSdeG na Coruña e en Santiago e foi terceira forza en Ferrol, Lugo e Vigo
Ocorreu así na Coruña e Santiago, onde a formación liderada por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz superou en votos ao PSdeG. Na cidade herculina, o PP perdeu case catro puntos ao baixar dos 43,5% de votos obtidos nas anteriores eleccións autonómicas, ao 39,6% das deste domingo. AGE, pola súa banda, obtivo un excelente resultado, ao acadar o 20,6% dos votos e superar a socialistas e nacionalistas e converterse na segunda forza nunha urbe onde o PSOE adoitaba ter moita forza.
En Compostela, o PP perdeu tamén apoio electoral ao pasar do 46,7% dos votos das eleccións de 2009 ao 43,4% das actuais, mentres que Alternativa superou tamén a PSdeG e BNG para situarse como segunda forza na capital galega co 21,8% das papeletas. En Ferrol, pola súa banda, o PP aumentou en tres puntos porcentuais o número de votos, mentres que AGE situouse como terceira forza, aínda que a un só voto do PSdeG, que se mantivo como segundo.
O PP perdeu máis de sete puntos en Vigo, onde AGE superou claramente o BNG
En Vigo, a cidade máis grande de Galicia, Alternativa Galega de Esquerdas irrompeu tamén con moita forza ao conseguir o 19,5% dos votos e superar claramente o BNG, mentres que o PP sufriu un importante retroceso. Os conservadores quedaron co 34,2% do electorado, fronte ao 41,9% que obtiveran nos comicios de hai catro anos.
Ademais, en Lugo o PP mantivo case a mesma porcentaxe de apoio que nas anteriores eleccións autonómicas, ao tempo que AGE se situou tamén como terceira forza na cidade cun 15,2% de votos. En Pontevedra, a formación liderada por Beiras rematou cuarta, co 13,15% do apoio electoral, mentres que o PP caeu tamén considerablemente ao pasar do 44,9% ao 38,3%. En Ourense, pola súa banda, os populares melloraron en menos dun punto porcentual os seus resultados de 2009 e AGE situouse como a cuarta forza, co 7,8%, a pouco máis de 1.000 votos do Bloque.
A Coruña | Santiago | Ferrol | Vigo | Pontevedra | Lugo | Ourense | |
---|---|---|---|---|---|---|---|
PP | 48.114 | 22.174 | 14.419 | 49.952 | 15.851 | 21.570 | 21.158 |
PSdeG | 23.649 | 8.413 | 7.014 | 35.789 | 7.770 | 10.791 | 13.560 |
AGE | 25.010 | 11.151 | 7.013 | 28.441 | 5.440 | 7.336 | 6.732 |
BNG | 9.270 | 4.336 | 2.793 | 14.169 | 7.712 | 3.745 | 4.091 |