Fronte á petición das vítimas, os populares queren que o Congreso retome a análise xeral do sistema ferroviario que hai dous anos concluíu reclamando máis seguridade pero barata
Unha comisión de estudo sobre a seguridade ferroviaria en xeral para evitar que se cree a comisión de investigación política sobre o accidente de Angrois que piden as vítimas do sinistro. Esa é a proposta que segundo avanza Europa Press na súa web vén de rexistrar o PP no Congreso dos Deputados despois de que a Mesa da Cámara autorizase a semana pasada, co rexeitamento só dos populares, que se tramite a comisión de investigación. A proposta coa que os populares pretenden evitar a investigación política e substituíla por unha análise máis xenérica pasaría por retomar o traballo que xa fixo unha subcomisión do propio Congreso creada tras o accidente de Angrois para estudar o sistema ferroviario español en xeral e que en xuño de 2015 concluíu reclamando máis seguridade pero barata.
Segundo a web de Europa Press, a comisión de estudo non permanente que solicitan agora os populares traballaría durante toda a lexislatura nunha “análise da sinistralidade ferroviaria para seguir implantando medidas preventivas en materia de seguridade”. Unha análise que concluiría cunha serie de propostas emitidas pola Cámara para o sistema ferroviario en xeral pero sen entrar, como reclaman as vítimas co apoio de PSOE e Podemos-En Marea, nas posibles causas e responsabilidades políticas do accidente de Santiago, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas.
Tras o sinistro, cando o PP tiña maioría absoluta, o ministerio xa creou unha comisión de expertos e o Congreso unha subcomisión de análise do sistema ferroviario
Tras o sinistro, cando o PP tiña maioría absoluta no Congreso e o PSOE tamén rexeitaba a creación dunha comisión de investigación política, puxéronse en marcha dúas iniciativas similares á que agora piden os populares. Por unha banda, o Ministerio de Fomento creou unha denominada comisión científico-técnica de expertos, e por outra o Congreso creou a antedita subcomisión de análise do sistema ferroviario. As conclusións desta última aprobáronse en xuño de 2015 remitíndose en grande medida ás que á súa vez chegaran os expertos do ministerio.
Pola subcomisión do Congreso, cuxas sesións se desenvolveron a porta pechada, o que non impediu que varios medios de comunicación desen conta do que alí se dixo, pasaron 39 comparecentes. As súas conclusións xenéricas, aprobadas por PP (que tiña daquela maioría absoluta e co deputado Andrés Ayala como voceiro) e PSOE coa abstención do Grupo Mixto no que daquela estaba o BNG, foron que a rede ferroviaria española é segura, pero que aínda o pode ser máis e sería desexable que o custo das súas melloras se adecúe ao volume de tráfico de cada liña. Esa subcomisión parlamentaria apostou por considerar as grandes infraestruturas ferroviarias como proxectos de Estado á marxe do ciclo político. O Congreso reclamou rematar canto antes as liñas de AVE xa planificadas pero adecuando as súas prestacións, incluída as de seguridade, e o seu custo, ao volume de tráfico previsto.
Malia celebrarse xa dous foros de análise sobre a rede ferroviaria española, os populares piden agora un terceiro que analice as mesmas cuestións fronte á petición das vítimas de que se investiguen as responsabilidades políticas
As conclusións desa subcomisión parlamentaria foron máis xenéricas que as que emitira a comisión científico-técnica creada por Fomento, nas que á súa vez se baseou e que foran desveladas un ano antes. Nelas, os expertos convocados polo ministerio pedían a revisión “urxente” da sinalización, das normas e dos sistemas de seguridade de todas as liñas ferroviarias e facían 30 recomendacións concretas para a mellora da seguridade, algunhas das cales xa se comezaran a implantar tras o accidente de Santiago.
Malia celebrarse xa eses dous foros de análise, os populares piden agora un terceiro que analice as mesmas cuestións fronte á petición das vítimas de Angrois de que se investiguen as responsabilidades políticas do sinistro, ocorrido nunha liña de AVE Ourense-Santiago inaugurada en 2011 polo PSOE e cun tren posto en servizo en 2012 polo PP. O cambio de postura do PSOE, favorable agora a esa investigación política, como tamén o está Podemos-En Marea, deixa en mans de Ciudadanos a decisión de a cal das dúas comisións dá o seu apoio. As vítimas lembran que o partido de Albert Rivera prometeulles o seu apoio, pero agardan acontecementos.