O PP promete os mesmos traspasos de competencias que en 2009 tras non lograr ningún en sete anos

Referencia aos traspasos de competencias no programa electoral do PP CC-BY-SA Praza Pública

O goberno de coalición de PSdeG e BNG fora un "auténtico antídoto do autogoberno de Galicia". O seu mandato supuxera "catro anos de sometemento a Madrid" que, unido á "falta de sensibilidade para con Galicia do Goberno socialista" en España, daba lugar a un balance de apenas unha ducia de "traspasiños de asuntos menores". O actual vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, resumía deste xeito, a poucos días das eleccións galegas de 2009, a posición do PP a respecto do autogoberno e xustificaba así os traspasos de competencias que a candidatura encabezada por Alberto Núñez Feijóo incluía no seu programa electoral. Sete anos despois a Xunta non sumou unha soa competencia nova e o PP recicla aquela promesa para, esencialmente, asegurar que entre 2016 e 2020 lograrán as mesmas trasnferencias prometidas cando aspiraban a desbancar do Goberno a socialistas e nacionalistas.

A pasada fin de semana o PP presentou os catro documentos en que se divide o seu programa electoral para o 25-S. No epígrafe dedicado ás medidas para "fortalecer as institucións do autogoberno, reformar as Administracións públicas e potenciar a acción exterior" os de Feijóo dedican dous parágrafos a concretar as áreas competenciais que din estar dispostos a reforzar. Así, aseguran, "recobraremos a axenda de traspasos pendentes", a "comezar" pola Autoestrada do Atlántico, "pero tamén a inspección de traballo ou as competencias en ordenación do litoral ou inspección e vixilancia pesqueira, entre outras". Establecen, asemade, o compromsio de "reformular a negociación da transferencia das competencias en materia de tráfico".

En 2009 o PP cualificou o bipartito de "antídoto do autogoberno" e prometeu as mesmas transferencias que agora inclúe no seu programa de 2016

Todas estas competencias estaban xa incluídas nunha lista máis ampla de traspasos pendentes que o PP inseriu no seu programa electoral galego de 2009. Estas tirábanse, á súa vez, do paquete de 70 traspasos reclamados por unanimidade no Parlamento no derradeiro treito da lexislatura do bipartito. Aquel compendio foi formalmente asumido polo Goberno de Feijóo ao chegar o poder e, no propio ano 2009, os populares sinalaron dous grupos prioritarios de competencias: un que xa comezara a negociar o Goberno da esquerda -museos, bibliotecas e arquivos, bolsas de estudo e inspecciónd e traballo- e outro con dez competencias máis, entre elas todas as agora prometidas no programa de 2016.

Referencias aos traspasos de competencias nos programas do PP en 2009 e 2012 CC-BY-SA Praza Pública

Malia ao específico destas promesas, a primeira lexislatura con Feijóo na presidencia pechouse sen sumar traspaso ningún. Así, no seu programa de 2012 o PPdeG aseguraba "manter como folla de ruta no eido do traspaso competencial" as competencias pactadas polo Parlamento e aseguraban que ían "continuar negociando" a súa aprobación, ademais de "traballar para avanzar en fórmulas de coparticipación nas decisións e de coxestión no Estado das Autonomías". Cando, en 2014, esta promesa aínda non dera froito ningún, os populares víronse obrigados a tomar posición ao respecto ao fío dunha iniciativa do BNG na Cámara sobre o traspaso da competencia de meteoroloxía. Naquela sesión o voceiro do PP, Pedro Puy, admitía que o seu partido dera por "esgotados" os traspasos de competencias. Agora "o que cómpre para manter o autogoberno é manter a solvencia da comunidade autónoma", explicou.

Hai dous anos os conservadores deron por "esgotado" o proceso de traspasos competenciais que agora din estar dispostos a "recobrar"

Apenas dous anos despois deste claro cambio de posición, o programa popular -coordinado polo propio Puy-, volve á posición de saída. A explicación da nova mudanza é que "a mellora da situación económica e dos ingresos das administracións públicas" permite "estar en condicións de negociar transferencias de competencias que ata o de agora quedaron relegadas por mor das limitacións orzamentarias que dificultaban o seu financiamento". No entanto, os orzamentos tanto da Xunta como do Goberno de España son agora máis limitados que en 2009 por, entre outros aspectos, a caída da recadación tributaria e as restricións impostas dende a UE.

Do mesmo xeito, as posicións parlamentarias e gobernamentais do PP nos últimos anos cando se tratou de concretar traspasos de competencias a Galicia contradín o agora prometido. Así, por exemplo, o PP evitou en varias ocasións apoiar no Congreso dos Deputados e dende o Goberno central a transferencia da AP-9 que aseguran defender en Galicia. Do mesmo xeito, os conservadores abstivéronse en 2010 na votación para o traspaso a Galicia da xestión do tráfico nunha sesión na que o seu voto afirmativo obrigaría o Goberno central, daquela dirixido polo PSOE, a poñer en marcha a transferencia. Adicionalmente, o propio Feijóo desdeñou a posibilidade de retomar a reforma do Estatuto de Autonomía.

Feijóo e Puy, presentando o programa CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.