O PP remuda case un terzo do seu grupo no Parlamento no primeiro trimestre da lexislatura

Escanos do PP no Parlamento © Parlamento de Galicia

O Parlamento como estación de paso. O PP concorreu ás pasadas eleccións galegas cunhas listas inzadas, igual que en anteriores convocatorias, de membros do Goberno galego e altos cargos da Administración. Unha vez revalidada a maioría absoluta o 25S deuse por seguro que moitos dos cargos que obtiveran escano non ían exercer o labor parlamentario ou, como moito, íano facer moi pouco tempo. Así, en apenas tres meses de lexislatura a composición do Parlamento saída das urnas xa mudou en trece escanos, case un terzo dos compoñentes do Grupo Parlamentario Popular. 

As primeiras cinco remudas chegaron inmediatamente despois da elección de Alberto Núñez Feijóo como presidente por terceira vez. Como era previsible e igual que xa sucedera catro anos antes Álvaro Pérez deixou o Parlamento para regresar á dirección xeral do gabinete da Presidencia. O mesmo fixeron José Manuel Cores e Marisol Díaz Mouteira para recuncaren nas delegacións territoriais da Xunta en Pontevedra e Ourense, que deixaran para integrárense nas listas electorais. Igualmente, Ignacio López-Chaves trocou o Parlamento pola delegación de Vigo e José Manuel Balseiro, pola de Lugo.

Coa renuncia ás actas de cinco membros do Goberno son xa 13 as persoas electas polo PP que abandonaron a Cámara para exerceren cargos na Xunta

A seguinte vaga de cambios, en decembro, tivo tamén como obxectivo a volta de altos cargos aos postos que tiveran que deixar para seren candidatos ás eleccións. Nava Castro volveu tomar posesión á fronte da Axencia Turismo de Galicia, Susana López Abella na Secretaría Xeral de Igualdade e Antonio Rodríguez Miranda, na de Emigración.

É agora, cos nomeamentos de segundo rango xa completos, cando Feijóo deu en desvelar un dos poucos interrogantes que ficaban pendentes: que conselleiros e conselleiras continuarían ostentando a condición de membros do Parlamento. Finalmente deixa a Cámara medio goberno e permanece o outro medio, se ben os conselleiros que fican -o vicepresidente e mais os titulares de Industria, Medio Ambiente, Política Social e Mar- non exercen traballo parlamentario alén das votacións e das súas responsabilidades de goberno. Con esta ferramenta interactiva podes explorar estas remudas e os nomes do resto de deputados e deputadas do grupo que sustenta ao Goberno.

Onodo é un proxecto da Fundación CIVIO

Alén das cuestións operativas -cando menos tres dos conselleiros deputados ou dous deles e o presidente teñen que acudir a votar para que o PP teña maioría absoluta na Cámara- estas mudanzas poden ter lecturas políticas diversas, pero o amplo número de membros do Goberno que quedan no Pazo do Hórreo impide, a priori, interpretalo en clave sucesoria. Se algunha característica común teñen os conselleiros e conselleiras que quedan é que tres deles son os membros máis veteranos do Executivo -Alfonso Rueda, Beatriz Mato e Rosa Quintana, á fronte de consellerías dende 2009- e os outros dous, Francisco Conde e José Manuel Rey, teñen unha estreita ligazón política con Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.