O PP sitúase contra os seus alcaldes galegos e atrinchéirase na defensa da reforma local

Cristóbal Montoro, no Congreso © Congreso dos Deputados

A reforma local segue adiante e continuará a súa tramitación nas Cortes logo de que este xoves fosen rexeitadas no pleno do Congreso todas as emendas á totalidade ao proxecto de lei do Goberno. Tan só PP, UPN e PNV -que retirou a última hora o veto tras un acordo cos populares polas deputacións forais- votaron en contra das nove emendas presentadas, mentres toda a oposición en pleno -agás Foro Asturias que se abstivo- votaron a favor da devolución dunha reforma local que ten en pé de guerra aos alcaldes galegos, pero que continúa con paso firme cara a súa aprobación.

Mentres os alcaldes galegos de todas as cores (incluídos os do PP) fan fronte común na Fegamp contra a reforma local que comezou a debaterse este xoves no Congreso, o Partido Popular defende con firmeza o proxecto, rodeado de rexedores doutras comunidades e cargando duramente contra aqueles que se sitúan en contra.

Abel Caballero cre que este foi "o día máis negro do municipalismo español na historia da democracia"

Así o fixo xa na presentación do pleno do Congreso o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, que cualificou a postura do Goberno durante a redacción do proxecto de "transparente e dialogante" e que presumiu de retirar o polémico custo estándar, pero mantendo o custo efectivo. O ministro, que logo no debate chamou ao diálogo, cre que a lei en xeral permite que o cidadán reciba "o mellor servizo nas mellores condicións de eficiencia e de custo" e que os concellos teñan claro o alcance das súas competencias, evitando "a permisividade das competencias coñecidas como impropias".

Nada que ver co que pensan o resto de grupos, así como un grupo de alcaldes socialistas -liderados polo rexedor de Vigo e vicepresidente da FEMP, Abel Caballero- que asegurou que esta reforma suporá "ceder as competencias ás deputacións e autonomías e a imposibilidade de prestar servizos sociais de urxencia aos cidadáns". "É o día máis negro do municipalismo español na historia da democracia", insistiu Caballero, que aludiu tamén ao afán de privatización de servizos que se agocha na modificación lexislativa.

Ao tempo, outro grupo de alcaldes populares, liderado polo presidente da FEMP, Íñigo de la Serna, negaban a maior a través dunha declaración conxunta de todos os cargos electos populares. Non ven nada na lei que apunte a unha privatización de servizos e tan só a garantía de clarificación de competencias entre concellos e autonomías. Todo, mentres o alcalde do PP de Ferrol, José Manuel Rey Varela, lidera desde Galicia a fronte común municipal contra unha reforma á que presentaron un conxunto de emendas e cuxas obxeccións se centran na perda de autonomía local, na eliminación dos servizos sociais ou no reforzo das deputacións, ademais de no feito de que "ignore a realidade de Galicia".

O PP cre "infundadas" as críticas á reforma local, mentres o rexedor de Ferrol lidera a fronte común contra ela desde Galicia

No texto aprobado por unanimidade na Fegamp, os alcaldes galegos ven o proxecto de lei "abocado ao fracaso" e acúsano de "virar as costas ao municipalismo" e a Galicia por non ter en conta "as súas peculiaridades decisivas", como a dispersión poboacional ou o envellecemento da poboación. Pero nada diso o PP nin o ministro dunhas críticas que chegan, na súa maioría, de rexedores do seu propio partido.

O BNG lamentou que, "unha vez máis, o PP esqueza defender os intereses de Galiza" e asegurou que a declaración formal dos cartos electos locais do PP "suporía deixar en papel mollado as emendas pactadas por unanimidade no seo da Fegamp do pasado 11 de outubro". A formación nacionalista emprazou os rexedores populares "a manter a súa posición de rexeitamento a esta lei de reforma local" e a continuar na liña de consenso acordado na Federación "para garantir que non se atente contra a igualdade de oportunidades e que se consolide unha involución democrática que tería consecuencias dramáticas, de maneira moi significativa, para todo o medio rural e para os concellos de menos de 20. 000 habitantes, a inmensa maioría do noso país".

 

"A reforma agocha a intención privatizadora dos servizos públicos"

Durante o debate no Congreso, ademais, volveu quedar patente a soidade do grupo popular e a posición radical en contra do resto de grupos, agás UPN, socio dos populares en Navarra. Olaia Fernández Davila, voceira do BNG, censurou unha reforma que "o que encobre é o aumento das capacidades de decisión do Goberno central en decisións de ámbito local" e que "se afasta da realidade ao ignorar as diferentes modalidades de municipalismo e obviar variables como o envellecemento e a dispersión poboacional de Galicia".

O BNG lémbralle ao Executivo que puxo "a todos os alcaldes galegos de acordo" contra a reforma local

Para o Bloque, o proxecto de lei reforza "a entidade máis anacrónica", en referencia ás deputacións, que "son inútiles á hora de prestar servizos locais". Ademais, segundo denunciou Fernández Davila, a reforma "encobre a intención privatizadora dos servizos públicos a través da xestión indirecta e con vantaxes para as grandes empresas". "Foi capaz de poñer de acordo a todos os alcaldes de Galicia", lembroulle ao Goberno, algo que tamén lle recordo algún outro grupo da oposición.

Todos os grupos da oposición insistiron en censurar que o PP culpe con esta reforma os concellos de ser os causantes da débeda "cando son o resto de administracións" os que a causaron, tal e como denunciou Uxue Barkos, de Geroa Bai, que cre que o proxecto "supón un desafiuzamento competencia que ataca o principio de autonomía local". Para Joan Baldoví, de Compromís, a lei "non beneficia en nada os veciños" e suporá "a privatización dos servizos sociais, o afastamento dos cidadáns e a entrega de competencias aos dinosaurios anacrónicos que son as deputacións, niños de caciques como ocorre en Galicia ou Valencia”.

Ana Oramas, de Coalición Canaria, cre que a reforma supón "un duro golpe ao Estado de benestar" e asegura que os deputados "lexislan" contra os cidadáns "porque non teñen diante os seus rostros". Para ERC, o obxectivo do Goberno non é outro que "fomentar o Estado unitario e suprimir entes locais e quitar competencias", mentres que Amaiur non é máis que "un expoñente do déficit democrático" do Estado.

O PP di defender o proxecto en nome dos 3.600 alcaldes e 26.000 concelleiros do PP en toda España

Por outra banda, UPyD destacou que a proposta "non responde a ningunha das necesidades" dos concellos, mentres que Izquierda Plural advertiu de que suporá "a eliminación de servizos esenciais que cobren emerxencias imprescindibles ante os recortes do Goberno que pagan a maioría". Para CiU, ademais, "empeora os servizos e a calidade democrática das institucións cun maior gasto", mentres que para o PSOE, a reforma "xera moitos máis problemas dos que podía arranxar".

Polo PP, José Mataría defendeu a lei, dixo, en nome dos 3.600 alcaldes e 26.000 concelleiros do PP e cualificou de "infundadas" as críticas da oposición. Esqueceuse dos alcaldes galegos, que encheron de críticas a reforma que o seu partido defende nunha clara resposta a través da Fegamp. Todos os deputados populares, incluídos os de Galicia, votaron en contra das emendas.

Cristóbal Montoro, no Congreso © Congreso dos Deputados
Alcaldes socialistas, no Congreso Dominio Público @psoe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.